
O primeiro artista vivo homenaxeado no Día da Ilustración é ilustrador, retratista, escultor, debuxante, muralista, deseñador, escenógrafo e ceramista. O seu talento forma parte de Galicia pois na meirande parte das nosas casas hai unha peza de Sargadelos que naceu da súa man...
31 ene 2025 . Actualizado a las 21:22 h.O 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración, unha data que se fai coincidir co nacemento de Castelao, aínda que agora sabemos que veu ao mundo un día antes. Con todo, o importante é a figura que se homenaxea, este ano por vez primeira será un artista vivo, Xosé Vizoso.
Ilustrador, retratista, escultor, debuxante, muralista, deseñador, escenógrafo ou ceramista, o seu talento atinxe todas as disciplinas e forma parte de Galicia pois, de seguro, na meirande parte das nosas casas hai unha peza de Sargadelos que naceu da súa man. Esa man que sostén sempre un lapis, así se lembra el dende cativo, na súa Mondoñedo natal. Daquela chegara á vila o escultor valenciano Juan Puchades coa intención de impartir un ano docencia e regresar ao Mediterráneo, pero asentou definitivamente e deulle clase de debuxo a varias xeracións de pícaros. O pequeno artista trazaba unha e outra vez cabalos, os que vía nas San Lucas, e o mestre foille desvelando diferentes técnicas coas que desenvolver o seu talento. Tanto así que con só dezaoito anos gañou o Premio Nacional de Escultura.
CERÁMICA E ILUSTRACIÓNS
Aquel rapaz, que enchía cadernos retratando os personaxes de Mondoñedo, soñaba con estudar Belas Artes en Madrid, pero nunca foi unha posibilidade para a súa familia. Un día apareceu no xornal unha nota onde se informaba da busca de persoal para traballar na futura fábrica de Sargadelos, no anuncio ofrecíase unha praza de debuxante e a formación como mestre de decoración. Puchades ao ler aquela nova decidiu apuntar o seu alumno e acompañalo ata Sada, pois confiaba na valía do seu discípulo. Non errou e Xosé Vizoso aprobou o exame e comezou a súa formación, para meses despois, xunto a Xosé Díaz, poñerse á fronte dos deseños de Sargadelos, baixo o maxisterio de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. Durante algo máis de 40 anos traballou incansablemente na procura de calquera elemento que o inspirase. En diferentes entrevistas explicaba a importancia daquela biblioteca que había en Sargadelos, un lugar onde documentarse, porque todos os deseños arrancaban do estudo dalgún aspecto popular ou da arte románica ou gótica, algo de noso que lle dese sentido á creación.
Máis alá da cerámica, son ben coñecidas as súas ilustracións, máis de 300 empregadas como cubertas dos libros de Ediciós do Castro, ou aquelas que dispuxo para as cartas do tarot ideado por Aneiros. Da súa man tamén saíron carteis de xornadas, festas populares, como as San Lucas, ou conmemoración como a do centenario do Celta de Vigo. Vizoso é o autor do Mural do Furriolo, o Guernica galego, e foi escenógrafo da obra A traxedia do home, de Imre Madách, representada no Teatro Nacional de Hungría. E en cada trazo, en cada cicelada, está Galicia, naquelas imaxes máis abstractas e xeométricas, e naqueloutras máis realistas.
Na Biblioteca de Galicia, no Gaiás, pode visitarse dende onte a exposición Xosé Vizoso: o neno que debuxou un cabalo, tamén en Lugo se inaugurou Universo Vizoso. Será un ano para trazar con precisión todas as vetas dun artista que nos debuxou como pobo.