Unha nova «Ítaca»: O tecer e destecer de Penélope

Ramón Nicolás

FUGAS

María Besteiros publica a súa primeira novela.
María Besteiros publica a súa primeira novela. SANTI M. AMIL

A primeira novela de María Besteiros, finalista do premio Xerais do ano pasado, moldea unha Ítaca de carne e óso que pon o foco na figura de Penélope como eixe central: unha nai que se converte nun ser fronteirizo

06 feb 2025 . Actualizado a las 14:03 h.

Son comúns as revisións dun dos textos fundacionais da literatura que protagonizan Ulises, Penélope e Telémaco. As súas personalidades, o que simbolizan e a potencialidade que atesouran como palimpsestos que xeraron outros textos chegan aos nosos días. Como non pensar no Ulises cunqueiriano onde nunha Ítaca imaxinaria se recitaban hexámetros ao son dun pandeiro; como non pensar na revisión de Penélope que quedou na obra de Begoña Caamaño, na Ítaca de Kavafis ou en tantos outros ecos.

Esta, que é a primeira novela de María Besteiros e que resultou ademais finalista do premio Xerais do ano pasado, moldea unha Ítaca de carne e óso que, ao tempo, é un territorio desolado e cincento que pon o foco na figura de Penélope como eixe central: unha nai que se converte nun ser fronteirizo, esgazada polas feridas e as perdas que se proxectan no corpo, na mente e na vida cotiá. Neste contexto, situado nunha contorna doméstica de hoxe, será onde Telémaco, o seu fillo, madurece axiña e vai converterse no preciso soporte vital mentres Ulises exhibe unha personalidade carente de afecto, enigmática, distante e allea, sempre viaxando na construción dunha epopea persoal ou nin tan sequera niso.

Ítaca é un libro construído a través de fragmentos dominados por unha voz narrativa panóptica —agás o final— que nos conduce de adiante para atrás, ou ao revés, tal e como sobreveñen os recordos. Ítaca solicítanos felizmente un esforzo para que tamén nós construamos e formemos parte desta historia e a súa solidez inspírase no manexo de certo minimalismo ou brevidade —resultado dun estimable proceso de depuración— que entendo como marca da autora presente nos seus anteriores libros de poesía. No seu haber conto a vontade de erixir unha cartografía que nos conduza polos camiños da morte xestacional e da vivencia da maternidade, obxectivadas con transparencia, sen concesións a tabús nin eufemismos.

Ítaca tamén se debruza por volta do concepto das perdas e o dó; fálanos dos coidados, da depresión, das violencias, dos abismos e do finximento; afonda, ademais, no simbolismo dos espazos e dos obxectos para nunca esquecer a función dos nobelos de Penélope nese seu doloroso tecer e destecer.