As 20 galegas máis influentes da cultura

FUGAS

Algunas das mulleres galegas máis influentes da cultura: Luz Casal, Yolanda Castaño, Teresa Fernández Valdés, Ledicia Costas, Esther Estévez, María Pujalte, María Vázquez, María Oruña, Rosario Álvarez, Mercedes Peón, Patricia de Lorenzo, Marta Pazos e Chelo Loureiro.
Algunas das mulleres galegas máis influentes da cultura: Luz Casal, Yolanda Castaño, Teresa Fernández Valdés, Ledicia Costas, Esther Estévez, María Pujalte, María Vázquez, María Oruña, Rosario Álvarez, Mercedes Peón, Patricia de Lorenzo, Marta Pazos e Chelo Loureiro.

Son 20 das mulleres galegas que abriron camiño, que teñen percorrido e que acadaron o éxito de crítica e público sen fronteiras. Consultamos a varias personalidades culturalmente activas en Galicia para elaborar esta lista de «influencers» de valor incalculable na que hai moitos nomes que engadir

07 mar 2025 . Actualizado a las 17:59 h.

A directora Margarita Ledo.
A directora Margarita Ledo. XOÁN REY. | EFE

Margarita Ledo, cineasta

A memoria xusta

Xornalista, escritora, cineasta, activista cultural, Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) é todo, é unha das nosas top en feminismo, liberdade, memoria histórica e coherencia. Premio Nacional de Cine e Audiovisual, vén de presentar Prefiero condenarme e de ver incorporarse ao Museo Reina Sofía as súas películas Santa Libertad e Nación.

Tanxugueiras no concerto que deron no Coliseum da Coruña en decembro do 2023.
Tanxugueiras no concerto que deron no Coliseum da Coruña en decembro do 2023. Marcos Miguez

Tanxugueiras, pandeireteiras

A forza neta da sororidade

O trío de pandeireteiras que acariñaron a representación de España en Eurovisión manteñen unha estreita relación cun referente de longo da nosa música, Guadi Galego, coa que veñen de lanzar single conxunto, Inconformismo. Son exemplo de agradecido (coa tradición), creativo e expansivo.

A música Luz Casal.
A música Luz Casal.

Luz Casal, música

Pioneira do rock que acendeu a «Negra sombra»

A Luz de Boimorto é unha das galegas con maior éxito mundial, ao longo de 40 anos de carreira musical. Foi unha pioneira do rock. Te dejé marchar, Piensa en mí e a súa versión de Negra Sombra de Rosalía soan entre as súas moitas obras mestras. Medalla de ouro de Galicia, medalla das Artes de Francia e premio nacional de Músicas Actuales, Luz é unha diva que desmoroa a adversidade.

A poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.
A poeta e xestora cultural Yolanda Castaño. SANDRA ALONSO

Yolanda Castaño, poeta

O nome internacional da poesía galega

Xestora cultural e poeta independente, Yolanda Castaño (Santiago, 1977) fíxoo todo en poesía rebentando moldes e fronteiras. Premio Nacional de Poesía por Materia, a autora dirixe o ciclo Poetas Di(n)versos, o Festival Pontepoética e o Taller Internacional de Traducción na illa de San Simón, tres fitos que potencian o diálogo da poesía galega coas do mundo. Está a piques de publicar novo poemario.

A artista Ángela de la Cruz.
A artista Ángela de la Cruz. SANDRA ALONSO

Ángela de la Cruz, pintora

Desafío brutal e universal

Coruñesa de 1965, formada e residente en Londres, a pintora e escultora galega que fixo da brutalidade emocional obra mestra recibiu o Premio Nacional de Artes Plásticas no 2017, sete anos despois de aspirar ao prestixioso Turner Prize. Actualmente, e ata abril, desafía os límites da arte en Palma de Mallorca.

Esther Estévez presentará «Luar» durante esta temporada.
Esther Estévez presentará «Luar» durante esta temporada. PACO RODRÍGUEZ

Esther Estévez, xornalista

O bum do galego en TikTok

Con 27 anos, esta xornalista de Verín ten xa un lustro de percorrido como artífice dun dos fenómenos que revolucionaron a comunicación en redes do galego nos últimos anos. Mestre Mateo 2022 e 2023 á mellor comunicadora, a condutora do Dígocho Eu é implacable como «mestra» de galego TikTok.

A escritora Ledicia Costas.
A escritora Ledicia Costas. MARCOS MÍGUEZ

Ledicia Costas, escritora

Cociñeira de superéxitos

Avogada e escritora «dark pero riquiña», levou a literatura ao ceo do corazón xuvenil. A viguesa do 79 é a única autora que gañou tres veces o Premio Lazarillo. Premio Nacional por Escarlatina, a cociñeira defunta, medalla Castelao, vén de ser Premio Zenda. Dirixe o gran festival HematoFesti, festival de humor e literatura pioneiro en Vigo.

A actriz coruñesa María Pujalte.
A actriz coruñesa María Pujalte. Manuel de los Glanes

María Pujalte, actriz

Misterio, maneiras e táboas

Marcou sen pose con Periodistas e 7 vidas, e engaiola aos mozos con Sapere Aude e a toda a familia coa serie de cozy crime castizo Los misterios de Laura. Coruñesa de 1966, é dende os 90 unha das grandes do teatro galego, xunto a María Bouzas. Ten o Pedigree de Cans e o cariño de todo o país.

Emma Lustres, fundadora de  Vaca Films.
Emma Lustres, fundadora de  Vaca Films. Cesar Quian

Emma Lustres, produtora

Facer do valor galego empresa

Emma Lustres (O Grove, 1975), é un dos nomes propios máis rotundos da produción audivisual de Galicia cara ao mundo. No 2003 fundou Vaca Films, un pequeno que en vinte anos se fixo xigante a forza de talento e éxito tanto de crítica como de público. A empresa e o valor galego medran con ela.

A cómica Carolina Iglesias, Percebes y Grelos.
A cómica Carolina Iglesias, Percebes y Grelos. Kiko Huesca | EFE

Carolina Iglesias, cómica

Percebes y Grelos no YouTube

Carolina Iglesias (Oleiros, 1993) triunfa como Percebes y Grelos e con Estirando el chicle nas redes. Cómica, guionista e youtuber, foi a persoa máis nova en ser recoñecida, no 2021, co Premio Marcela y Elisa polo seu labor en favor dos dereitos do colectivo LGTBI+. Galeguidade Z, diversa.

A filóloga Rosario Álvarez.
A filóloga Rosario Álvarez. PACO RODRÍGUEZ

Rosario Álvarez, filóloga

A nosa illa do tesouro

Foi a primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega, é membro do Instituto da Lingua Galega e unha das máis sólidas investigadoras de fondo da nosa lingua, da súa gramática e a súa historia. Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952), premio Ramón Otero Pedrayo 2021 xunto a Menchu Lamas, é coautora do Atlas Lingüístico de Galicia, un mapamundi da riqueza do galego moderno.

A produtora Teresa Fernández Valdés.
A produtora Teresa Fernández Valdés. MARTA REGUERA

Teresa Fernández Valdés, produtora executiva

A meiga das series

Non é das caras máis visibles, pero si das que non se apartan para botarlle valor ao audiovisual. Fóra de serie Fernández Valdés (Pontevedra, 1980) como cofundadora de Bambú (Fariña, La promesa, Las chicas del cable). Foi a primeira española en recibir a Medalla de Honor de Cannes no MIPCOM. No 2024 montou a produtora Te Espero en Marte.

A actriz Melania Cruz.
A actriz Melania Cruz.

Melania Cruz, actriz

A madurez escénica

É a notable diferenza interpretativa de Melania Cruz (Lugo, 1983) unha das chaves do éxito de series e películas con tan boa acollida como Clanes, Justicia Artificial, Rapa, La Unidad, Ons, Malencolía ou Fariña. Valor xa clásico no teatro, presente con futuro das artes escénicas, a cofundadora de A Quinta do Cuadrante é unha das galegas con maior proxección internacional.

A música Mercedes Peón.
A música Mercedes Peón.

Mercedes Peón, música

A raíz da vangarda

Fusión mestra da artesanía musical e a vangarda, Mercedes Peón (Oza-Cesuras, 1967) marca o novo milenio. Amosa a singularidade da música galega como valor internacional. Premio Nacional de Música, Premio á Autenticidade e Premio da Crítica de Galicia, SÓS é un dos seus traballos máis celebrados no mundo. Deixaas é unha nova exploración.

A directora e produtora Chelo Loureiro.
A directora e produtora Chelo Loureiro. I. VALERIO

Chelo Loureiro, directora e produtora

Activista de ouro

Gañadora de catro Goyas, activista pola igualdade no eido audiovisual, Chelo Loureiro (Ferrol, 1958) é un dos nomes de referencia en animación. Na Galería Sargadelos de Ferrol desenvolveu unha intensa actividade cultural. Acadou o aplauso unánime no cine co filme Valentina e no 2024 levou o cuarto Goya por To bird or not to bird. É Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes 2024.

A actriz viguesa María Vázquez.
A actriz viguesa María Vázquez. Miguel Villar

María Vázquezactriz

María é as demais

Representa a moitas mulleres galegas (e non só) María Vázquez, unha das actrices galegas nas que sempre agroma Galicia, a denominación de orixe dunha cultura, dunha sensibilidade. Ramona en Matria, Biznaga de Ouro en Málaga, esta viguesa do 79 brilla en filmes delicados como María y los demás, O corpo aberto y Los pequeños amores. Valor feminino plural.

A escritora María Oruña.
A escritora María Oruña. Salvador Sas | EFE

María Oruña, escritora

Sempre top-vendas

Xunto a premios nacionais de longo percorrido como as autoras Marilar Aleixandre e Chus Pato, sobresaen na literatura galega que fai amigos polo mundo escritoras supervendas como María Oruña, que volve a Vigo con El albatros negro, que acaba de chegar ás librarías. Un tesouro somerxido na ría de Vigo atráenos a embarcar nesta aventura da raíña do thriller.

A actriz Patricia de Lorenzo.
A actriz Patricia de Lorenzo. JOSE MANUEL CASAL

Patricia de Lorenzo, actriz e guionista

Número un do teatro

Actriz dende os 19, esta coruñesa nacida no 71 é unha diva (non sempre visible) das táboas dende os noventa. Activista sen tregua no teatro e na música, a dobraxe e o audiovisual (Rapa), fai labores de dirección, produción e xestión en Chévere, Premio Nacional de Teatro. Espírito crítico, é un referente da loita feminista. «A nosa Mónica Randall», apunta a La Voz unha das fontes consultadas.

A dramaturga Marta Pazos.
A dramaturga Marta Pazos.

Marta Pazos, dramaturga

Cor e paixón nas táboas

Cor á parte ten o labor de Marta Pazos (Pontevedra, 1976), directora de escena, escenógrafa, dramaturga e artista visual, que fundou a compañía de teatro Voadora e o pasado 2024 estreou Dique, unha obra da compañía Nova Galega de Danza en homenaxe ás 200 mulleres galegas que escavaron o Dique da Campana en Ferrol, a maior obra de enxeñería hidráulica do século XIX. O ano pasado foi galardoada co Premio da Cultura Galega na modalidade de Artes Escénicas.

A escritora Eva Mejuto.
A escritora Eva Mejuto. EDITORIAL XERAIS

Eva Mejutoescritora e activista cultural

Innovadora de contos

Gran dinamizadora da vida cultural de Pontevedra, esta escritora, autora de diversas adaptacións de contos a álbums ilustrados, foi editora literaria en Kalandraka e Oqo, e é unha das almas do Salón Infantil e Xuvenil do Libro da súa cidade. Estandarte da nosa cultura en España, Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) recibiu no 2024 o Premio Agustín Fernández Paz pola novela Onde caben catro.