Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Pelis fabulosas que só podes ver en pequenos festivais

FUGAS

Algúns dos filmes que se proxectan estes días en Santiago, no marco da 20.ª edición da MICE, como «Salvaxe, salvaxe», «Eros», «A Savana e a Montanha», «Memoria de Soutelo» e «Rumba».
Algúns dos filmes que se proxectan estes días en Santiago, no marco da 20.ª edición da MICE, como «Salvaxe, salvaxe», «Eros», «A Savana e a Montanha», «Memoria de Soutelo» e «Rumba».

Santiago celebra o 20.º aniversario como capital do cine etnográfico, punto de encontro para filmes que exploran quen somos á marxe do circuíto máis comercial

13 mar 2025 . Actualizado a las 17:04 h.

Festa mestiza en Santiago!, porque de festa —recorda o cineasta Eloy Domínguez Serén— vén a palabra festival. Vinte anos son moito se ollamos a sensibilidade e evolución da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) que organiza o Museo do Pobo Galego dende o 2006. En Numax, no museo e no Teatro Principal de Compostela, ata o domingo haberá 50 proxeccións e outras actividades, tras a sesión inaugural da cita o mércores, cando se proxectou o documental O carro e o home, pioneiro do xénero en Galicia.

«Vinte anos...! Cando miras atrás, dis: 'Como é posible?'. É verdade que hai 20 anos que empezamos con isto. Logo te das conta de onde estamos e de todo o que fixemos polo medio e dis 'si, hai moito esforzo no camiño'», encaixa Ana Estévez Lavandeira, directora da mostra desde a edición inaugural ata esta. «Nacemos co obxectivo de cubrir un espazo que criamos que lle correspondía ao Museo do Pobo naquel momento: achegar aos públicos a relación entre o cine e a etnografía, que daquela non era algo do que se falase», di Ana, que dá por cumprido o primeiro obxectivo esencial. Aínda que hoxe hai quen se sorprende desa relación, fálase xa «con certa naturalidade de antropoloxía audiovisual». O cine é non só, neste caso, unha ferramenta de creación, tamén «de investigación e representación da diversidade cultural».

«A MICE, igual que outros festivais, como Curtocircuito, S8 ou Play Doc, entendeu rápido que hai aquí un cinema valioso, moi orixinal, que está a darse fóra das formas de cinema convencional. A miúdo, ese cinema fráxil ten máis verdade que o dos grandes orzamentos», achega Xisela Franco, cineasta documentalista que rompeu o molde con Interior, exterior, durante e quen matiza que este festival, «sendo internacional, é periférico (fóra da industria e o cinema mainstream) que ofrece un espazo para facer crítica e cuestionar as estruturas de autoridade desde a pluralidade de identidades culturais». «Sempre dixen —engade Xisela— que os nosos festivais galegos son as universidades da rúa».

Os cineastas galegos teñen na MICE, dende hai 20 anos, un lugar de encontro con outros directores internacionais, autores dun cine actual chegado dende lugares como Togo, Macedonia do Norte, Letonia ou Brasil.

Fotograma de «Rumba», unha das películas de Laila Pakalnina que se proxectan en Santiago na MICE.
Fotograma de «Rumba», unha das películas de Laila Pakalnina que se proxectan en Santiago na MICE.

Facer visible o invisible

Facer visible o invisible é un dos logros destas dúas décadas de mostra de cinema documental. «O que proxectamos é una cine minoritario como o é todo o cine documental. O cine ten variantes máis populares e outras que non o son tanto, pero si igual de necesarias pola defensa da diversidade do ecosistema cultural», defende Ana. «Unha parte importante do cine que fai Agnès Varda, por exemplo, esta feita con técnicas do cine etnográfico. O que intentamos achegar é esa relación entre cine e etnografía que se dá case dende o momento en que o cine nace. Podémonos retrotraer a Nanuk, el esquimal, ou a O carro e o home, do ano 45».

A MICE proxecta este mércores no Teatro Principal compostelán unha coia dixitalizada do filme inaugural do cinema galego «O carro e o home».
A MICE proxecta este mércores no Teatro Principal compostelán unha coia dixitalizada do filme inaugural do cinema galego «O carro e o home».

Cal é hoxe a vixencia deste filme de Antonio Fernández-Román guionizado coa colaboración de Xocas? «Primeiro, dá valiosa información sobre de onde vimos e o que fomos. É unha lección de historia. E segundo, ten esa cousa de presentar e comunicar a cultura galega con alegría, mostrando unha vida no rural como unha vida de esforzo, pero sen vitimismo», responde a directora da MICE.

Que pelis non cómpre perder das que se proxectan na presente edición? Catro filmes galegos (Memoria de Soutelo, Corre o vento, Aurora e Resonancias) van a concurso na sección oficial e compiten polo premio á excelencia antropolóxica na sección internacional. Antes da estrea en cines comerciais, a MICE vén de ofrecer a proxección de Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca, Biznaga de Plata no Festival de Málaga.

«Memoria de Soutelo» é un dos filmes galegos a concurso este ano.
«Memoria de Soutelo» é un dos filmes galegos a concurso este ano. MICE

«O ecosistema de festivais galegos non está no mainstream, ofrece a posibilidade de ver outros xeitos de ollar tras a cámara», subliña a directora da MICE. E a singularidade da ollada de Laila Pakalnina é a que protagoniza este ano a sección «Impropias». A cineasta letona leva mañá, sábado, ao espectador dende Numax á fervenza máis ancha de Europa en Rumba.

Con esta directora letona, e amiga, ofrece hoxe un coloquio o cineasta de Simes Eloy Domínguez Serén (Rompente, Al otro lado del mar), que está traballando na montaxe da súa nova película, Tralovento, na que tivo «o luxo» de integrar parte da súa vida no seu traballo. «Todos somos igual de distintos» é unha frase de Eloy que espella os vimbios do traballo da MICE e que el entendeu tras vivir en lugares tan distintos como o deserto do Sáhara, o Ártico, Suecia ou Italia. «É fermoso decatarse de que unha persoa en Alxeria ten as mesmas dúbidas e os mesmos medos, alén das súas circunstancias, ca ti. Descubrir as particularidades de cada persoa é fascinante», advirte quen viu a progresión da MICE como punto de encontro do cine. 

Este festival foi dende o principio, sinalan os entrevistados por Fugas, «un festival con perspectiva xénero», cando aínda nin sabiamos o que implicaba o concepto. «A mirada das mulleres estase a escribir desde hai pouco, na literatura ou no cinema, as mulleres non foron suxeitos históricos ata tempos recentes. No cinema nos últimos anos as cousas están mudando e cada vez hai máis mulleres visibles dirixindo filmes. Cando as mulleres dirixen películas atopan miradas sobre as cousas e sobre si mesmas que antes non existían. É o poder da arte, falar do que non se falou (ou non se falou desa maneira) e inventar o que ainda non existe», sinala Xisela Franco.

«''Cinema etnográfico'' pode, en principio, asustar un pouco -advirte Eloy-, e para nada!... Ao final, é unha mostra de cinema moi plural no que se amosa a diversidade do mundo. Así, o termo etnográfico non debería ser tomado como algo disuasorio. Non fai falta ningunha estar interesado na etnografía para que che poidan gustar estas películas».

Hai pelis que só podes ver estes días en Santiago, ata o domingo. Singularidade de valor universal en pantalla grande. Cine fráxil que celebra a presenza, o tempo, a diversidade e o pouso das diferentes culturas do ser. Como di Eloy Domínguez Serén, «todos somos igual de distintos». Na mostra que leva o foco a Compostela estes días, a proba.

 Consulta aquí as películas que se proxectan nesta edición

e a programación da Mostra.