O poderío interxeracional da música galega reflectido en voz e alma de muller

FUGAS

A cantante Sabela
A cantante Sabela -

O Noso Canto reúne a máis de 30 artistas consolidadas e emerxentes nun proxecto sonoro que reivindica a igualdade de xénero

15 mar 2025 . Actualizado a las 13:08 h.

O 8-M foi o contexto, pero a oportuna mensaxe que ven transmitir O Noso Canto ten validez en calquera momento do ano. De feito, era unha realidade que xa hai tempo que resoaba a voz en grito. A meirande parte do mellor que lle aconteceu á música galega neste século chegou da man e da voz das mulleres.

Aínda así, queda moito por conseguir na inserción da muller na industria musical. E iso é o que reclama esta iniciativa xurdida a partir dunha idea e un proxecto de Belém Tajes e promovida pola Consellería de Política Social e Igualdade. En palabras da súa titular, Fabiola García, o que busca O Noso Canto «é reivindicar a unión de diferentes xeracións de mulleres, demostrar a forza que temos todas xuntas e todo o que podemos conseguir».

Durante catro días, máis de trinta artistas -entre cantantes, instrumentistas e técnicas-, de entre 10 e 86 anos, gravaron dúas cancións: Latexo e Aperta.

Latexo foi gravada en clave de pop experimental por artistas emerxentes. Sabela e Yoly Saa encargáronse das voces principais. Os coros foron feitos por Nastasia Zürcher, Catuxa Salom, Carolina Rubirosa, Leticia Rey, Icía Varela, Sara Nebra, Claudia Abril, Ana Moas, Sara Gimeno e as voces brancas de de Amelia, Aitana, Aroa, Celtia, Grecia e María. A propia Belém Tajes foi quen gravou os sintetizadores.

Aperta, en clave de folk e pop, é obra das «artistas consolidadas». Rosa Cedrón, Uxía e Lucía Pérez puxeron as voces. Caamaño&Ameixeiras, Bea Martínez, Anaïs Barbier, María Jorge (de Caldo) e catro integrantes de Adufeiras de Salitre (Bea Mariño, Carolina Vázquez, Iria López e María Pardo) encargáronse da instrumentación.

E a partir de aí é onde entra en xogo a maxia. As dúas cancións poden ser escoitadas por separado ou sincronizadas á vez. De aí tamén un dos leit motiv do proxecto: «Todas xuntas resoamos máis fortes». Recoñece Belém Tajes que a idea foi «moi tola» pero que o resultado «é moi lindo».

A cuestión da interxeracionalidade foi outro dos principios inspiradores de O Noso Canto. «Na música existe un problema grande de idadismo. Facer deste proxecto algo que transcendera de xeracións era fundamental. Por iso quixen que estiveran representadas dende a miña avoa que ten 86 anos ata as nenas dun coro infantil», expón Tajes.

Tamén a conselleira Fabiola García subliña ese aspecto. «O que máis me emocionou persoalmente foi comprobar o que podemos facer xuntas, a unión de mulleres de diferentes idades, sen importar a cor política, e o lonxe que podemos chegar cun único obxectivo: apoiarnos para seguir logrando grandes cousas».

Para Rosa Cedrón, o retrouso da canción -«tira de min, que eu sempre tirarei de ti»- é a perfecta representación do que simboliza esta canción e este encontro. «Foi marabilloso comprobar que por detrás de nós chegan mulleres moi poderosas. E chegan arrasando. Para min foi un pouco como cederlles o relevo», conta.

Un relevo que a cantante Sabela recolle entre agradecementos. «Se non fose polas que estiveron antes, nós igual non estabamos aquí», comenta. Sabela, que valora esta experiencia como «superreconfortante», subliña a importancia de crear comunidade, como se creou entre as participantes. «A música sempre bebe de sinerxías. E en encontros coma este ves por onde están agromando novas sementes».

Tamén valora Sabela dun xeito moi especial o feito de que ademais de moitas idades, en O Noso Canto houbera tamén representación de moitos estilos e moitos ámbitos profesionais. «Precisamos que as nenas, xa sexa no artístico ou na parte técnica, teñan referentes». Porque, como engade Rosa Cedrón, «Quédanos moito camiño por percorrer. É moi duro facerse respectar dentro dun mundo de homes, como aínda é o da música».

Pero o proxecto non remata coa publicación desta canción. Como indica Fabiola García, «grazas á xenerosidade da compositora e do resto de artistas que ceden os dereitos desta peza, e cunha achega económica da Xunta, imos poñer en marcha unha bolsa de formación para incrementar a presenza da muller nos sectores masculinizados da industria musical».