
«A burra, a mesa e o pau», que contará con funcións en Santiago ata o 20 de abril, é a primeira produción propia deste ano da compañía pública
14 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Unha neveira que está nas últimas e hai que reparar porque carecen de cartos para mercar outra. Un gato enfermo que queda sen ir ao veterinario porque non dan pagado a consulta. Os aforros gardados no bote do cacao non chegan. E, fronte a esta situación, a única saída posible semella que está nun golpe de sorte, o gordo da lotería, unha herdanza non esperada..., en definitiva, unha solución máxica. Esa é a realidade que afronta a familia de clase obreira dos anos 90 que ata o 20 de abril se sobe ás táboas de mércores a domingo no Salón Teatro de Santiago na primeira produción propia do Centro Dramático Galego (CDG) deste ano, A burra, a mesa e o pau.
A montaxe toma como referente inicial o conto dos irmáns Grimm de A mesa, o burro e o bastón, cunha familia con escasos recursos que acaba tendo fartura por medio da sorte. Non é a única alusión aos contos clásicos e populares, senón que estes están moi presentes ao longo da peza para tecer un mundo cargado de simbolismo que se move entre a realidade e a fantasía. O resultado é unha traxicomedia que achega crítica social e cuestións para a reflexión: «Pódese ser feliz no traballo? Vivir no traballo. Traballar para toda a vida. Para todas as vidas», din sobre as táboas uns personaxes que converteron a súa casa nunha fábrica para uns ingresos extras irrisorios empaquetando caixas con artigos que se venderán como de luxo, porque «a miseria trae traballo para despois do traballo». Unha realidade na que toda reivindicación acaba diluíndose.

Por que poñer a ollada nunha familia dos 90? «A situación que se retrata no espectáculo vénse dando ata a actualidade e temo que se prolongará, aínda que espero estar errada. A decisión de situar a peza nos 90 vén de que teño a impresión —case a certeza— de que foi a época que aquí en Galicia se comezou a producir un fenómeno de desactivación da loita obreira e un proceso de desclasamento. De súpeto, parecía que todas as familias podían ser de clase media», responde Lorena Conde, directora e dramaturga desta montaxe da compañía teatral da Xunta de Galicia. Unha proposta, ademais, que fala moito ao presente. «Deberiamos vernos reflectidas nela. Se vives do teu traballo, es obreira; aínda que traballes nunha oficina con mobiliario carísimo. Esa foi unha cousa que deixou clarísima a crise: as traballadoras que vivían ignorando as loitas sociais porque se consideraban alleas atopáronse de súpeto coa realidade máis crúa, que só había protección para os capitais», engade.
elenco de quince artistas
De darlle vida sobre as táboas a esta familia dos anos 90 encárganse Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar. Un elenco «multidisciplinar» e interxeracional, xa que intérpretes que acumulan décadas de traxectoria sobre as táboas comparten escenario con outros que están dando os primeiros pasos. Todo iso para conformar un traballo moi coral, tal e como incidía na presentación do proxecto Arantza Villar, porque durante boa parte do espectáculo a quincena de intérpretes está sobre as táboas do Salón Teatro. Ademais, tamén participaron activamente na creación. «Todo foi definido durante o proceso», lembra a directora sobre unha peza na que os ditos populares e os contos clásicos xogan un papel importante. «Nos contos populares sempre se presenta ocasión para que a xente pobre mude de estado por intercesión dalgún elemento máxico, e iso sempre me pareceu fascinante. Co tempo, cheguei a ver unha relación clara entre esas fantasías e as fantasías que as traballadoras temos con respecto aos xogos de azar ou a golpes de sorte bastante improbables que nos alivien un pouco a carga», afirma Lorena Conde.
Nesta ocasión, a produción da compañía teatral dependente da Agadic non irá de xira, senón que permanecerá durante todo o tempo na súa sede en Santiago, onde a escenografía tamén sorprende ao espectador con distintos espazos. Iso si, para facilitar que o público se achegue continuará a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que facilita servizo gratuíto de autocares para ver o espectáculo ao que xa se sumaron máis de 65 concellos das catro provincias. Precisamente, para facilitar tamén que público doutros puntos de Galicia se poida achegar para gozar de A burra, a mesa e o pau adiantáronse as funcións —que duran uns 90 minutos— ás 18 horas. Segundo explicaba o director do CDG, Fran Núñez, isto posibilita que xente doutras cidades se achegue en transporte público, posto que despois teñen servizo para regresar ás súas casas, algo que quedaba limitado cando as sesións comezaban ás 20 horas.