Lisdexia: «Se alguén se ofende polas nosas cancións, misión cumprida»

FUGAS

cedida

O irreverente e provador grupo de Muros presenta o venres na sala Sónar de Santiago o seu novo disco, «Escravos do baile»

09 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten Muros, posiblemente, a maior canteira de músicos per cápita de Galicia. E cando lles preguntas por que, sempre asoma un nome: Terbutalina. Un dos seus máis fieis herdeiros son Lisdexia, un quinteto de punk rock irreverente, provocador e combativo que, tras dous anos de parón, vén de publicar o seu novo traballo. Escravos do baile, que así se titula, é un epé no que, sen perder os seus sinais de identidade, Lisdexia adéntrase en novos camiños sonoros. As guitarras ardentes e os ritmos frenéticos, por suposto, seguen aí. E a retranca aceda e as ansias por molestar e arremeter contra todo non perden un ápice de intensidade. Pero ao mesmo tempo hai momentos, como en Borrachos Nazionalistas Gayegos (coidado co título... e coa letra), nos que coquetean co funk, e outros como Ay Gayego nos que incluso se achegan ao tradi. «Queriamonos sacar un pouco do que viñamos facendo ata agora. Saírnos do punk rock clásico», explica Antón Vara, baixista de Lisdexia.

—Non faltará quen tras escoitar «Ay Gayego» diga «agora como está de moda o tradi, tamén lle pegan a iso».

—Non foi por moda. Ao noso batería gústalle ese rollo porque tocou en agrupacións tradicionais e un día dixo «que pasa se a Ay Gayego lle metemos polo medio un ritmo de muiñeira?». Probamos, molounos o efecto que facía e como combinaba coa voz das rapazas, e tiramos por aí para ese tema. De feito, a idea desa canción xurdiu hai xa bastante tempo a raíz dun comentario que nos puxeran nun videoclip que tiñamos en YouTube. Dicíannos algo así como que «se falades un pouco peor o galego, xa directamente non o falades». E aí foi cando dixemos «ah, si? Prepárate!»

—Por que hai en Galicia tantos grupos que mesturan música, crítica e humor?

—Supoño que será por esa retranca que temos aínda que non queiramos.

—Tivestes algunha vez algún problema polas vosas letras?

—Problemas propiamente ditos non. Pero si que unha vez iamos ir a TVG e estiveron mirando o disco e dixéronnos que ao mellor non podiamos ir porque non sabían que tema noso se podería poñer sin que fose chungo para soar pola tele.

—E ao final, fostes?

—Estivemos ao límite pero si, ao final fomos e tocamos Barricola.

—Agora que superastes o punk rock, teñen éxito grupos como Biznaga ou Carolina Durante, que asumen esa herdanza.

—Si, parece que empeza a volver a valorarse o feito de tocar os teus instrumentos e dar un pouco de caña. Que haxa grupos que destacan por iso é unha boa nova.

—O disco ábrese con «Jungla». ¿Sentídesvos así na escena musical galega, como nunha xungla?

—A veces si, a verdade. Hai bastante competencia entre bandas, entre festivais... De feito, ese tema vai un pouco por aí.

—Por que cres que aínda non estoupou un proxecto como o de Lisdexia?

—Supoño que tamén é culpa nosa. Sacamos Espabila as mamadas e despois estivemos un par de anos parados e sen sacar máis música. Ata que chegou un momento no que dixemos: «Que facemos? Ou paramos para sempre ou seguimos pero facéndoo ben». E como a todos nos mola isto, decidimos seguir. Intentamos profesionalizarnos un pouco máis e buscar un son propio que nos diferencie do resto.

—Sen abandonar as ganas de molestar.

—É que iso é o estilo propio. Todas as nosas letras xorden a raíz de cousas que nos pasan ou que vemos por aí e sobre que queremos dar a nosa opinión para que alguén se sinta aludido.

—E se alguén se sente ofendido?

—Misión cumprida.

  • SANTIAGO. SÓNAR. VENRES 11. 21.00 H. 10.20 EUROS