Cantareiras, as mil voces dun país de tradición e futuro

FUGAS

PINTO Y CHINTO

Ata Torrente Ballester marabillouse ao velas en acción. Elas foron as nosas pandeireteiras históricas máis internacionais, co seu estilo de tocar co puño pechado, con forza, sen renunciar ao que eran. Que medre a foliada!

16 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Eva, Adolfina, Rosa, Prudencia, Asunción, Teresa, Adela, Manuela son todos nomes de cantareiras recollidos nos cancioneiros onde se atesoura a nosa literatura oral popular. A Real Academia Galega decidiu este ano escoller a algunhas delas para dedicarlles a gran festividade deste noso país, pero os seus rostros son espello de todas as demais. Nas súas gorxas gardaron a alegría dun pobo, o sentimento de raíz dunha estirpe; nos seus pés os puntos cos que gastaron os zapatos nas ruadas, nas súas mans a viveza de quen fai bailar os instrumentos.

Cando a musicóloga suíza Dorothé Schubarth chegou a Galicia atopou nas nosas aldeas o tesouro dun pobo e dedicou centos de horas a testemuñalo. Ao chegar a Compostela mercara unha pandeireta, a mellor que atopara, pois decatouse axiña que moitas cantareiras non tiñan unha de seu. Ao moveren de novo as ferreñas axiña abrollaban as cantigas, unha tras outra e de maneira improvisada, coma se o tempo non pasase, coma se a aldea seguise viva e chea de xente. Sorrían ao lembrar outros tempos, aqueles en que ao rematar os labores do campo se cantaba, tamén nas festas, no Nadal ou en calquera eira que servía de espazo para argallar un serán.

En 1925 nacía Eva Castiñeira, en Agranzón, nun tempo difícil en que a infancia duraba pouco e a escola era escasa. Aprendeu das súas maiores a bailar e a tocar a pandeireta naqueles meses de inverno en que armaban unha ruada para faceren as noites máis curtas. Nos sesenta trasladouse á Coruña e comezou a traballar de empregada do fogar na casa dun dos fundadores da discográfica Ruada, Martín Fernández Maceiras, quen enseguida se decatou do acervo cultural que Eva posuía. Non tardou en falar co seu amigo Rodrigo Romaní e a idea de gravala cos seus temas xurdiu a continuación. Eva marcou un fito na historia da música galega pois, no verán de 1981, no pavillón de Deportes de Riazor, subiu por vez primeira a un escenario cun grupo folk.

Pola contra, nin Adolfina nin Rosa Casás Rama pisaron un escenario. Tía e sobriña traballaban a terra, tiñan animais e andaban ao xornal, onde sempre alegraban as duras tarefas do campo botándolle unhas cantigas. A súa precaria economía de subsistencia levou a Rosa a mandar a dous dos seus fillos a servir, mentres elas lavaban roupa para fóra e se esforzaban por saír adiante. Cando Dorothé chegou á Vila da Igrexa preguntou na escola, pero a rapazada descoñecía se as avoas cantaban. O mestre si escoitara a súa avoa Adolfina e levouna canda ela, tamén chamaron a Rosa, quen para entón se instalara na Coruña. Levaban anos sen cantar por xunto, pero cando comezaron agromaron todos os coñecementos que atesouraban e axiña fixeron falar a pandeireta que lles prestara Dorothé.

Na parroquia de Mens instalárase en 1971 a Cátedra Ambulante da Sección Feminina da Falanxe Española e, vendo a riqueza daquelas xentes, propóñenlles subir ao escenario do teatro Colón da Coruña, para asombro dos presentes. Só uns meses despois intégranse «as vellas de Mens» na Agrupación Folklórica Aturuxo, con quen, durante vinte anos, percorreron escenarios de Portugal, Francia e, incluso, Arxentina, vencendo o medo ao avión. Os emigrantes choraban ao velas, eran a imaxe das nais, das avoas, daquel mundo que obrigados deixaran atrás. Entre o público estaba Torrente Ballester, que se marabillou ao velas actuar. Foron as nosas pandeireteiras históricas máis internacionais, co seu estilo de tocar co puño pechado, con forza, sen renunciar ao que elas eran, sempre vestidas de loito, co pano na cabeza e a súa pandeireta nunha bolsa de plástico.

A ditadura supuxo a tristura, o silencio, tamén os prexuízos sobre o noso, por iso en tantas familias se rompeu a cadea de transmisión da lingua, pero non só. Elas foron o último bastión dunha cultura tradicional que esmoreceu, para logo revivir nas novas xeracións que souberon aprecialas: subíronas aos escenarios, recolleron o seu saber, leváronas á televisión, compilaron a súa poesía, cantaron e tocaron ao seu xeito... ata este ano en que lle dedicamos o Día das Letras Galegas. Elas son ponte co futuro e áncora para a lingua e a cultura de noso. Neste día e sempre, que medre a foliada!