O vínculo do rock bravú e a pandeireta ten nome, Josefa de Bastavales

FUGAS

Josefa de Bastavales, na homenaxe que lle tributou o colectivo A Gentalha do Pichel no 2014.
Josefa de Bastavales, na homenaxe que lle tributou o colectivo A Gentalha do Pichel no 2014. Estrela Alonso

A avoa de Fátima Pego, da orquestra Panorama, é un dos símbolos dunha tradición que foi amiga do movemento Bravú. Así nolo recorda a baixista da banda Zënzar, Laura Romero. «Non hai que esquecer a historia do que fixo Mercedes Peón nos anos noventa, cando subía a un montón de grupos de pandereiteiras no mesmo palco onde estivera Julio Iglesias», recorda a artista rockeira

16 may 2025 . Actualizado a las 17:49 h.

Entre a pandeireta e o rock hai un vínculo con nome. Nomes, entre eles o da cantareira Josefa de Bastavales, símbolo do movemento Bravú. Ela foi unha das pioneiras que inspiraron o proxecto Músicas Galegas Ilustradas, da baixista e ilustradora Laura Romero.

­—Así que a pandeireta e o rock teñen algo en común...

—Coa pandeireta non sei, pero si coa tradición, aínda que sexa por contradicir o que se impón. Hai moitos grupos de rock que xorden da nada por rebeldía. Por outra parte, moitos do rock empezaron cantando o que había, coas avoas e coas nais, nas aldeas. Hai un pouso desa tradición.

­—O ruído do rock é forte, máis lene o da cantiga. Son xéneros moi distintos?

—Si en canto ao estilo e a musicalidade, pero moitas das mensaxes son as mesmas. Na banda onde eu toco, Zënzar, aprendín un montón de cousas, entre elas, que moitas das mensaxes están feitas noutro estilo de música, pero realmente son iguais que as mensaxes das avoas.

­—As letras de avoa son golpes de humor contra as babecadas do poder establecido.

—Con este neotradi, igual non é axeitado dicilo, pero aínda así para moita xente a música máis tradicional, o formato de pandeireteiras ou as regueifas, pode parecer algo aburrido. E, realmente, hai moito punk aí, aínda que non haxa polo medio unha guitarra eléctrica.

—Non morre ese clamor da rebeldía que quere facer xustiza.

—Non son experta, pero creo que moitas cantigas tradicionais chegaron traducidas porque se traduciron na ditadura. Despois da represión franquista, que sobrevivise todo iso, que máis rebeldía que esa!

—A rebeldía que madura é resistencia. Un exemplo é Josefa de Bastavales, avoa e colaboradora de Manu Chao?

—É avoa de Fátima Pego, da Panorama, aínda que houbo quen a presentou como «a avoa pandeireteira de Manu Chao». Falo de Josefa de Bastavales sabendo que non foi a única muller que colleu unha pandeireta. Pero a súa figura é importante porque cando empecei Músicas Galegas Ilustradas buscando pioneiras houbo un momento en que me interesou o rock bravú. E dixen «non haberá ningunha música polo bravú?». E atopei a esta muller de aquí, de Tordoia, que foi con toda a tropa bravú a Francia. A súa imaxe coa pandeireta na man en medio de miles de persoas en Lyon era a que estaba eu buscando. Josefa é o logo de Músicas Galegas Ilustradas e a que me levou a investigar sobre máis figuras coma ela, como Elíptica Orbita (sen til), que tamén sae no libro Ferreñas Rock and Roll. As poucas mulleres que se vinculaban co bravú elas mesmas non se consideraban parte do movemento, senón que estaban na tanxente. Por exemplo, As Garotas da Ribeira, que o petaron no seu día co Caghando duro no Luar. Falando do Luar, non hai que esquecer a historia do que fixo Mercedes Peón nos 90, cando subía a un montón de grupos de pandereiteiras no mesmo palco onde estivera Julio Iglesias un pouco antes. Ese é un xesto de igualar o valor da tradición ao do resto das músicas. Mercedes Peón foi a que empezou a traballar un pouco coa tradición e a modernidade. Falamos moito das Tanxus, pero xente como Peón e outras que ao mellor non eran tanto de pandeireta, como Cristina Pato, foron pioneiras. 

—Pero a gaita sempre tivo prestixio, a pandeireta non...

—Claro, a pandeireta sempre foi consideraba un instrumento menor. Quen normalmente eran importantes eran os gaiteiros. 

—E ti tiñas cantareiras na familia?

—Eu esa conexión non a teño porque a miña avoa paterna é de Málaga e a de aquí sempre me di que ten a ilusión de aprender a tocar a pandeireta, pero nunca a escoitei cantar. Eu o primeiro contacto que tiven co galego foi o Xabarín

—A estas alturas do concerto, aínda fai falta visibilizar o papel da muller na música?

—No que é a presenza nos festivais, aínda se nota moito a diferenza na porcentaxe de homes e mulleres. Falo de festivais en xeral. O tema de reivindicar o papel das mulleres na música ou en calquera outro eido non é unha cousa dun ano ou dous, debe ser unha cousa que se faga pouquiño a pouco e, dende hai anos, creo que o estamos facendo bastante ben. Eu noto moita diferenza en presenza feminina respecto a cando empecei co proxecto de Músicas Galegas Ilustradas. Non se trata de facelo todo nun ano e chao! É un traballo que debe facerse sempre. Todo o que se fai en coles e institutos hai que telo en conta, porque moitos así o fan. 

—Teñen algo que ver o baixo e a pandeireta?

Que son moi rítmicos, que e os dous foron infravalorados moito tempo. É verdade que o baixo non é un instrumento feminizado, pero si estivo e está aínda moi esquecido. E moitos dos ritmos que se fan coas pandeiretas son ritmos que se usan para outros estilos de música.