Marilar Aleixandre anticipou os problemas da serie 'Adolescencia': «Aínda me piden, 17 anos despois, falar en institutos da novela de dúas rapazas violadas»

FUGAS

O éxito da serie «Adolescencia» conleva un novo auxe de libros sobre as problemáticas dos mozos. Nese eido a escritora é precursora
23 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Marilar Aleixandre admite rindo que non ve a televisión, algo que, como escritora e académica da RAG, lle permite ter máis tempo para seguir cunha prolífica traxectoria. «Pero, aínda así, sei ben do que fala a serie Adolescencia», contrapón, aludindo á ficción de Netflix sobre un rapaz de 13 anos acusado de asasinar a unha compañeira do centro escolar, que bate conciencias ao abordar eidos como unha masculinidade tóxica, a falla de supervisión de certos pais do que fan os fillos nas redes, a propagación nelas de discursos de odio ou o acoso escolar. Unha sacudida emocional que nos últimos meses derivou na relectura de libros audaces para mozos que xa anticiparan conflitos. «A novela A Cabeza de Medusa, do 2008, que parte de dúas rapazas que son violadas e ten como eixe a amplificación social da violación, lese hoxe nos institutos moito máis que cando foi escrita, sobre todo desde as mandas e o movemento Me Too», apunta a escritora sobre un premiado libro que, con 15 reimpresións e 15.000 exemplares vendidos despois, non perde forza.
—A orixe desa obra rompedora, na que unha das dúas protagonistas xa avanza na primeira liña que vai ser violada, vén da súa época como directora dun instituto...
—Si, aínda que foi publicada 20 anos despois, pero iso quedárame dentro; sabía que algún día o escribiría... As personaxes son inventadas, pero parte dunha circunstancia real. Eu fun profesora e directora nun centro de Vigo nun momento en que dúas rapazas foran violadas fóra do instituto. Houbera tamén pintadas, como as que recolle a obra, feitas nun baño e que as revitimiza. O consello escolar que aborda o debate sobre a expulsión ou non do rapaz acusado de facelas segue bastante ao pé da letra o que ocorreu... Anos despois de editarse a novela recibín un email. Dicía así: «Non me lembrarás, pero eu son unha das rapazas de A Cabeza de Medusa... Moitas grazas por escribir a nosa historia...». Emocioneime. Logo, nunha feira do libro en Vigo, ela veume saudar coa súa filla.
—A obra céntrase non tanto na violación física como na social de despois...
—Si, inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira, eu quería reflectir como nos días seguintes á violación, as rapazas descobren, ao igual que a Medusa, que moitos non se atreven a miralas en fite, intentando facer repensar sobre quen debe avergoñarse. A distinta postura dos pais das mozas, que se debaten entre denunciar ou non, polas complicacións que lles pode ocasionar, é algo central.
—Como fora e é recibida a obra?
—Sempre moi ben. Os rapaces nunca tiveron problemas co libro. Cun argumento tratado de maneira delicada, hai que confiar neles cando se trata de chamarlle ás cousas polo seu nome. Iso si, lembro comentarios, illados, duns comerciais, cando a obra se traducira tamén ao castelán [está tamén en éuscaro e inglés], de que era un tema que non interesaba nos institutos... Non obstante, aínda agora, 17 anos despois de publicarse, seguen chamándome de distintos centros para ir falar sobre ela. Hai pouco contactáronme dun para unha charla sobre as mulleres na Academia. En plena polémica polas mandas, eu propuxen a cambio un debate cos estudantes sobre A Cabeza de Medusa. Ao comezo no centro tiñan reservas por se non era un libro adecuado para cuarto da ESO, algo que eu non entendía. Ao final fíxose, e mentres eu lles introducía en porcentaxes de mulleres que foran acosadas e violadas, trasladando o cálculo a cantas das cen nenas alí presentes lles podería pasar, unha rapaza da primeira fila ergueu a man e relatou: «Eu fun violada». Case caio. Pensei en como mudara todo. Antes era algo que se ocultaba...
—Aínda así, moitos falan de regresión entre os mozos ante o auxe do feminismo...
—O risco de volver para atrás sempre existe; vémolo agora con todo o que acontece. Pero as mulleres adoptaron a perspectiva feminista e iso é importante. Eu nas presentacións en institutos noto que cada vez hai máis preguntas de rapaces. Algo que tamén percibo é que, fronte a series que poñen en dúbida o papel dos mestres, moitos están atentos ao que acontece, tratando de facerlles ver bulos das redes.
—Vese como unha precursora, con valentes libros convertidos en clásicos?
—Para min é unha gran satisfacción que acabe de saír unha nova edición de A expedición do Pacífico, unha obra de aventuras de 1994 sobre unha nena de 12 anos, agochada como polisón nunha expedición científica. Foi a primeira obra xuvenil en lograr o Premio da Crítica Galega á creación literaria, e segue avanzando. No seu momento chocou que introducise o tema de menstruación... Tampouco esquezo cando, falando nun centro doutro libro, A banda sen futuro, sobre unha rapaza acomplexada que debe facer amigos no seu instituto novo, un alumno preguntou: «Como sabes o que pensamos?». Quedei pasmada, pola distancia en anos... [ri].