Los Eternos: «Para nós Andrés do Barro é sempre un referente, tanto no pop como no rock americano»

FUGAS

Cudi (izquierda) e Chewis, compoñentes de Los Eternos
Cudi (izquierda) e Chewis, compoñentes de Los Eternos carlos abal lobato

A banda ferrolá publica «San Antón», un disco en galego coas letras póstumas de Arantza Navarrete, no que ás sonoridades do rock americano achéganlle tamén as do pop e o folk

23 may 2025 . Actualizado a las 22:06 h.

Antes de morrer vítima dun cancro, Arantza Navarrete, parella de Chewis, o guitarrista de Los Eternos, e letrista dos últimos tres discos da banda, deixou testemuñada en cancións a última etapa da súa vida. Nove cancións que falan de sentimentos, de dor, de vida e de morte, coas que o grupo artellou San Antón (Ferror Records), un disco íntimo e profundamente intenso ao que, a pesar da dureza dos seus textos, Los Eternos non quixeron tinguir de negro. Como na súa fermosa portada, enchérono de cores, de mar e de sonoridades que enriquecen a súa querenza natural polo rock americano. En San Antón tamén hai pop, hai folk, hai metais, violíns, acordeóns... E, sobre todo, hai infinita emoción. «Aínda que non subira ao escenario nin saíra nas fotos, Los Eternos debémoslle todo a Arantza. Ela foi unha peza fundamental do grupo. Estivo presente en todas as decisións importantes. Por iso este disco está dedicado a ela», conta Cudi, voz e guitarra dos ferroláns.

—A primeira pregunta é obvia: por que agora cantades en galego?

—Foi Arantza quen decidiu facer estas letras en galego sen avisarnos sequera. Chegou un día e dixo: «Vai sendo hora de que fagades un disco en galego». E nós encantados porque somos galegofalantes.

—Entón, porque os anteriores foron en inglés ou en castelán?

—Non o sei, a verdade. Despois do Back on the Road, que foi en inglés, tamén foi Arantza quen decidiu escribir en castelán as letras do seguinte, Vientos solitarios.

—O baleiro que deixou Arantza levouvos a reformular o proxecto do grupo?

—A verdade é que dende que morreu estivemos centrados exclusivamente en preparar este disco e publicalo. Agora que xa está editado, aínda non nos paramos a pensar que imos facer. Xa temos temas novos, algúns con letras que ela deixara feitas, pero aínda non sabemos por onde imos seguir. A nosa primeira idea é volver un pouco ao noso pasado máis rockeiro.

—Pois dá a sensación de que este achegamento ao pop e ao folk que propoñedes neste disco está sendo moi ben recibido.

—A verdade é que si, que o feedback que nos está chegando é moi positivo. Está tendo unha repercusión moito máis grande do que agardabamos e unhas críticas abrumadoras. Eu, persoalmente, teño que recoñecer que tamén me gustan moito como quedaron esas sonoridades. Así que, quen sabe... Se cadra seguimos por estes derroteiros.

—Ademais da propia historia de Arantza hai outro elemento que determina moito este disco: a xeografía.

—Si, este é un disco para nós, para Cedeira, para a nosa xente, para os mariñeiros...

—Outra sensación é a de que o espírito de Andrés do Barro sobrevoa este álbum.

—Absolutamente. Para nós é un referente fundamental, tanto a nivel de pop como de música americana. Porque el en moitos temas achegábase ao estilo do rock americano.

—Xa levades un cantos aniños co grupo, cres que a escena musical galega está sendo xusta con Los Eternos?

—Nós estamos contentos co que levamos feito. Nós non vivimos da música. Sempre dixemos que é algo que facemos para pasalo ben. Así que mentres iso sexa así e o corpo aguante, imos seguir facendo música. Que nos gusta que recoñezan o noso traballo e que nos chamen para tocar en moitos sitios? Pois claro. Pero se non é así, non pasa nada. Con distintas formacións, Chewis e mais eu xa publicamos 15 discos. A estas alturas xa non temos moitas máis aspiracións. Dámosnos por satisfeitos.

—En «Sombras na noite» cantades «No bando dos vencidos vivo dende que nacín». É esa a sensación?

—Esa é a letra máis escura e pesimista que escribiu Arantza, porque xa a fixo na fase final da súa enfermidade. Nós para nada temos a sensación de estar no lado dos vencidos. Nós somos felices tocando, tomando unhas cervexas e estando cos amigos. Con iso bástanos para sentirnos gañadores.

—Nin sequera tivestes esa sensación de expectativas incumpridas despois do que vos pasou tras fichar por Warner no 2010?

—Iso si foi un pouco chasco, a verdade. Aí si que quedamos un pouco decepcionados. Firmar con Warner era algo absolutamente inesperado para nós e xerounos unhas expectativas que despois non se cumpriron porque, a verdade, non nos fixeron moito caso. Nunca chegaron a pasar as cousas que nos prometeron que ían pasar.

—A escena ferrolá está extraordinariamente activa. Podemos estar a falar dun novo «son Ferrol»?

—Dende logo, o que hai é un nivelón brutal de músicos en Ferrolterra. Só en Cedeira, que ten seis mil habitantes, agora mesmo debe haber uns dez grupos. É algo marabilloso.

—E como ves en Galicia o ambiente do rock and roll, e máis en concreto, o do rock americano?

—Está un pouco parado. Cada vez hai máis grupos de versións que fan rock americano ou country. Pero a nivel de grupos con temas propios, como somos nós, está bastante difícil. Está complicado sacar un disco e máis aínda defendelo nas salas. Os locais xa só queren grupos de versións.

—E tampouco tedes cabida nos festivais.

—Cero. Se te fixas, en todos os festivais sempre están os catro de sempre. Salvo en festivais pequenos como poden ser o Xirapop, o Touliña ou o Felipop, grupos como nós non teñen cabida.

—Aínda así, como dicides en «Vellos camiños»: «Quedan moitos camiños por andar»?

—Efectivamente, hai moitos camiños. Veremos por cal nos decantamos.