
Ten 20 anos, é de Xinzo e ven de publicar «NeoAmor», un disco que é testemuña dunha nova escena urbana galega, sen medo a sentir, a gozar e a bailar.
30 may 2025 . Actualizado a las 13:22 h.Preguntoulle Kid Mount a ChatGPT que opinaba del e díxolle que era «como se Rosalía tivese tido un primo galego que escribe cancións de amor nunha libreta de corazóns rotos e coitelos». «E está bastante acertado», confesa o músico. Pero quen é realmente Kid Mount, ou O Neno do Monte, como tamén lle gusta que lle chamen? Pois é un rapaz de 20 anos de Xinzo, aínda que afincado agora en Compostela, que vén de publicar o seu segundo disco, NeoAmor, toda unha declaración sentimental sen autocensura e unha viaxe honesta en sete cancións —todas elas cantadas en galego— polas distintas formas de amar. «É un experimento emocional, un estrullón ao corazón», di O Neno do Monte. «Quixen falar do amor sen filtros e sen a idealización coa que se adoita falar dese tema». Cada unha das cancións de NeoAmor propón unha visión distinta deste sentimento. Dende o primeiro enganche emocional ao pracer impulsivo e sen límites, ao desexo máis carnal ou ao amor consciente ecomprometido. Percorridas todas elas por sensacións como a contradición, a culpa ou euforia.
En cada canción Kid Mount mergúllase nunha maneira distinta mediante a cal vivir un mesmo amor. Adicto amosa a dependencia do primeiro enganche emocional. Po’Caralho contrapón intensidade e crueza. Brinca afonda no desexo máis carnal. Meu amor, 666999 e Sao Paulo exploran o amor comprometido, consciente e pleno, e Como un can celebra o pracer impulsivo e sen límites.
No terreo estritamente musical, Kid Mount desenvólvese dun xeito bastante persoal, entre o reguetón, o denbow e o funk. «Quixen facer algo que non só se escoite senón que se sinta no corpo. Que che faga moverte e bailar pero tamén pensar. Que che sirva tanto para perrear na discoteca como para un domingo de baixón. Eu entendo estas cancións como un berro de liberdade, de identidade e, sobre todo, de querer sen medo», di. Porque para Kid Mount, e isto é unha achega marabillosa, «sentir é revolucionario».
Relata tamén o músico de Xinzo que a música chegoulle como un refuxio e acabou sendo unha forma de contar o que non sabía dicir doutra maneira. Con 18 anos publicou o seu primeiro disco, pero ha de ser este NeoAmor, coa produción de Chris Indian, o que o asente como figura moi a ter en conta nunha nova escena urbana galega, sen medo a sentir, a gozar e a bailar.
Unha escena que, en palabras de Kid Mount, «está fortísima», en pleno crecemento e cunha variedade riquísima de xéneros. «Somos rapazada de 20 anos con moita fame. Aparte somos todos colegas porque non existe competitividade nin envexas. O máis bonito é que temos un fin común e cremos que o máis importante é tecer unha rede na que tiremos uns polos outros. Sempre o dicimos, se vai un, imos todos».
Para o artista da Limia, o que fan falta que mais espazos aposten polos proxectos emerxentes para que a escena siga medrando e teña máis visibilidade. «Que festivais, institucións e plataformas nos abran as portas e así o salto sería máis natural. De todos modos, tamén é bonito ver como todo isto está crecendo dende abaixo con moita paixón, traballo e colaboración. E creo que, ao final, o que estamos facendo nós vai acabar chegando porque é auténtico.», conclúe.