
O rap, do trap e a electrónica son as ferramentas sonoras das que se serve o músico de Viveiro Xosé Maseda para trasladar a corazón aberto as súas inquedanzas en torno ao paso do tempo
04 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.É imposible non empatizar con Xmaseda65 tras escoitar Pontes, un disco con exquisitas producións e moi coidados textos no que Xosé Maseda, o músico de Viveiro que está detrás dese alcume, se abre en canle, provocando ao tempo tenrura e admiración.
Pontes é o relato en oito capítulos, sonorizados en clave de hip hop e sutil electrónica, das súas ansias, do seu crecemento persoal, dos seus soños, da súa ambición musical. Da súa traxectoria e do seu desexo de triunfar ou morrer no intento. «Teño claro a onde quero chegar. A poder profesionalizar a miña música e facer un produto de calidade que cando chegue o momento lle poida ensinar con orgullo aos meus fillos», conta aos seus 22 anos.
A paixón de Xosé Maseda pola música vén de lonxe. De neno formou parte do grupo de música tradicional do Barqueiro e despois estudou percusión no Conservatorio de Viveiro. «As miñas primeiras lembranzas musicais son ir no coche cos meus pais escoitando a Sabina ou a Fito e Fitipaldis. De feito, aínda me gustan», confesa.
Claro que a súa proposta vai hoxe por un camiño diferente. En Pontes teñen cabida os rapeados de vella escola, o trap e o boombap, pero os beats máis melódicos que por momentos, como en Tempo gastao, case o achegan ao pop.
A riqueza musical do disco vén determinada pola presenza de produtores como Peter Petrowski, Sky J, Rodro ou July e colaboracións como as de Kid Mount ou Willow GHZ. Pero son as letras —non en van Xosé Maseda estudou Filoloxía Galega— as que converten este disco nun traballo excepcional, nun retrato introspectivo que parte do individual pero que se torna recoñecible no colectivo. «Unha das características da miña música é unha lírica moi coidada, onde cada palabra cumpre a súa función e todas queren dicir algo».
O fundamental que Xmaseda 65 intenta que lle chegue á xente é «o que ten que dicir un rapaz normal de 22 anos que naceu nunha familia de clase media de Viveiro, que intenta non aparentar nada do que non é, e que fala do que lle pasa no día a día, do que sente e das cousas que lle xeran inquietude», relata, para de seguido engadir: «Parece mentira pero a día de hoxe alguén que fale dende o punto de vista dunha persoa normal é o que menos abonda na música». Canta razón.