
«Se no abrente deste día puideramos voar sobor da nosa terra, e percorrela en todas direccións, asistiriamos á marabilla dunha mañá única?», así comeza o Alba de Gloria que Castelao pronunciou o 25 de xullo de 1948, no exilio arxentino. Hoxe, case oitenta anos despois, seguimos construíndo o soño de noso e aí están, cunha traxectoria inequívoca, tantos referentes que son guía
25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ana Romaní
Forte compromiso social
A súa traxectoria como xornalista está moi apegada á radio pública, onde dirixiu o Diario Cultural durante case tres décadas. O programa converteuse neste tempo nun referente da información cultural do país e aínda había espazo para convocar premios ou realizar outras actividades arredor do libro ou do teatro. Sempre cunha visión feminista, participou na creación da revista Festa da Palabra Silenciada e da asociación Mulleres Galegas na Comunicación. Recibiu o Premio Nacional de Xornalismo como profesional veraz e cun forte compromiso social. Así mesmo, é unha recoñecida poeta con obras tan celebradas como Estremas.

Menchu Lamas
Atlántica e mundial
Nos oitenta creou o movemento Atlántica xunto a outros artistas que situaron a arte galega no panorama internacional. Na actualidade é unha pintora referencial que expuxo por todo o mundo. A súa paixón pola intensidade cromática ou a fusión de recursos abstractos e figurativos fan a súa obra moi persoal. Os peixes, os cabalos de mar e as serpes, tamén as lúas ou os círculos, son recorrentes na súa pintura, dotada dunha iconografía propia. Para ela «cando a cor respira, o cadro vibra e toma corpo».

Chus Pato
Poesía vinculada á lingua
A poeta recibiu o pasado ano o Premio Nacional de Poesía por Sonora, unha conversa entre o poema e a morte. Sen dúbida, é unha das nosas autoras máis traducidas e a súa poesía está vinculada á lingua e ao territorio indiscutiblemente. Nos seus versos sempre arrisca, experimenta, xoga de maneira consciente coa linguaxe, sen arredarse do seu compromiso social e político. Os versos de Secesión forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard, xunto aos de Jack Kerouac, T. S. Eliot, Borges, Elizabeth Bishop e outros grandes da literatura universal, os primeiros en lingua galega.

Manuel Rivas
Coherente e versátil
Xornalista radical, escritor necesario. Entende a literatura como medio para explicar aquilo que non se pode contar doutro xeito e faino dende diferentes xéneros, incluso hibridándoos. Para o autor, o núcleo da súa escrita é a poesía, porque a literatura ou é poética ou non é. O pasado ano foi recoñecido co Premio Nacional pola súa calidade narrativa, por unha traxectoria coherente, versátil, que sabe adaptarse aos tempos. A defensa da memoria histórica, a responsabilidade social, está sempre en todo o que escribe. É unha voz insubornable, a voz de Nunca Máis, a que berra «Mayday» nun mundo en emerxencia.

Margarita Ledo Andión
A muller como país
Xornalista, activista política, escritora e cineasta. O seu proxecto cinematográfico comezou neste século con Santa Liberdade e, dende entón, non deixou de rodar pezas apegadas á historia de noso. A súa é unha aposta entre o documental e a ficción e sempre dende unha perspectiva de país e de muller. Así, A cicatriz branca afonda na vida das emigrantes na Arxentina. En Nación retrata a loita das operarias traballadoras da fábrica A Pontesa e, recentemente, en Prefiro condenarme, reparou na figura dunha mariscadora da ría de Ferrol acusada no franquismo de adulterio. Sen o seu relato non seriamos nós.

Patricia de Lorenzo
O risco é loitar
Actriz, xestora cultural e unha das almas de Chévere, compañía que gañou o Premio Nacional pola súa traxectoria coherente, baseada no compromiso coa escena galega e co teatro documental. Defende propostas arriscadas, porque o teatro debe incomodar ou, cando menos, facernos reflexionar, para iso cómpre artellalo dende os principios da igualdade, o feminismo e a loita social. O idioma e o país marcan a súa traxectoria. Recibiu o Mestre Mateo á mellor actriz polo seu papel en Eroski Paraíso.

Bieito Romero
Nome propio do luar
Hai uns días recollía a Medalla Castelao xunto aos compañeiros de Luar na Lubre, grupo co que leva corenta anos enriba dos escenarios. Gaiteiro, sempre bebeu das raíces tradicionais galegas, pero en diálogo constante coa música celta: bretoa, irlandesa ou escocesa. Durante este tempo superaron os 2.500 concertos e actuaron en máis de 50 países, recibiron premios e venderon miles de discos, un recoñecemento que nunca antes conseguira un grupo galego. Recentemente a palabra luar entrou no dicionario da Real Academia Galega, unha mostra do éxito desta formación á que está ligada tamén a voz de Rosa Cedrón.

Francisco Leiro
O xigante da escultura
Seguramente é o escultor vivo máis relevante do Estado. A madeira e a pedra cobran vida nas súas mans, nesas reinterpretacións inconfundibles dos seres mitolóxicos, como a do Sereo que preside a Porta do Sol de Vigo. Non só a mitoloxía inspira o artista, tamén lle gusta esculpir oficios ou a realidade, como a traxedia do Prestige que inspirou unhas mariscadoras con capachos que recollen coas mans chapapote. É membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e a súa vida desenvolveuse entre Nova York, Madrid e o seu Cambados natal. A súa obra está presente nas mellores coleccións do mundo e é un xigante da escultura.

Mabel Rivera
Talento sostible nas táboas
Comezou como actriz de teatro nos anos setenta e fíxose unha cara familiar ao traballar en series como Pratos Combinados ou O sabor das margaridas. Con todo, o recoñecemento profesional chegoulle da man de Alejandro Amenábar cando lle ofreceu un papel en Mar adentro, polo que gañou un Goya á mellor actriz de reparto. Traballou en moitas das montaxes do Centro Dramático Galego e en películas como As pantasmas de Goya ou María Solinha. Segue activa e para mostra a súa participación en Rapa, unha serie rodada nun dos espazos da súa infancia, a serra da Capelada. A maiores promove unha fundación para un rural sostible.

Soledad Penalta
A nosa dama de ferro e aceiro
A nena que debuxaba moito descubriu en EE.UU. que a súa verdadeira vocación era a escultura metálica e, aínda que comezara na cerámica con mestres como Díaz Pardo, axiña se converteu na dama de ferro galega, capaz de traballar este metal e o aceiro ao seu antollo. Foi a primeira muller numeraria da sección de escultura da Real Academia Galega de Belas Artes e as súas pezas espállanse polos espazos públicos, como na contorna da torre de Hércules. Segue activa, e acaba de realizar a portada do libro Compostela.

Elena Ferro
A alquimista dos zocos
Cando o mundo artesanal esmorecía, Elena Ferro decidiu seguir coa tradición familiar e manter o obradoiro onde medrou a carón de seu avó, seu pai e unha tía. Aínda que nun primeiro momento foi difícil, conseguiu cambiar o estigma dos zocos grazas a deseños coloristas e confortables. Na actualidade expórtanse a case unha quincena de países, o que supón o 15% das vendas totais da marca. Gañou o Premio Nacional de Artesanía e o negocio vai máis alá, pois agora tamén se poden mercar fanequeiras ou sandalias.

Uxía Senlle
Espírito integrador
Este ano celebra catro décadas na música. Comezou cando había poucas mulleres e fíxoo con ese espírito integrador que a caracteriza. Neste tempo promoveu iniciativas como Cantos na Maré e grupos como María Fumaça ou Malvela. Renovou a música galega achegándoa a outros ritmos, especialmente os da lusofonía. Foi unha das voces de Nunca Máis e cantou nos campamentos de refuxiados saharauís. A súa capacidade para reinterpretar a música tradicional é, sen dúbida, un dos seus valores, así como o seu compromiso.

Xosé Manuel Pereiro
O xornalismo bravú
Xornalista vocacional e versátil, pois na súa dilatada carreira escribiu nos principais xornais galegos, foi correspondente, traballou na radio, dirixiu programas de televisión e escribiu guións. Fundou a revista Loia ou Bravú, na procura dun periodismo alternativo, rabudo, incómodo. Foi decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e na actualidade codirixe a revista Luzes, que fundou xunto a Manuel Rivas.

Miguelanxo Prado
Estrela universal do cómic
Hai máis dunha década foi galardoado co Premio Nacional do Cómic, pola súa obra Ardalén, unha novela gráfica que afonda na memoria, nos recordos que nos marcan e que chegan a determinar o noso lugar no mundo. Nos anos 90 dedicouse tamén a deseñar personaxe animados para o Xabarín Club e para outros proxectos internacionais. Durante 25 anos foi o director do salón internacional do cómic Viñetas dende o Atlántico, na Coruña.

MORRIS
A cara de décadas de oficio
Acaba de recibir o premio Talia ao mellor actor de reparto polo seu papel na obra 1936, coa que o Centro Dramático Nacional colleitou un enorme éxito de crítica e de público. O seu é un rostro habitual do audiovisual e participou en series míticas como Pratos combinados, Padre Casares ou Fariña. Ademais dos papeis en películas tan lembradas como A esmorga ou Los lunes al sol. O amor polo teatro levouno a fundar a compañía Artello.