
A curiosidade de Xosé Cermeño, en «Vantaxes e inconvenientes de case todo» , a súa ollada singular, por veces inquisitiva e crítica, en ocasións simplemente descritiva, brilla cando se acaroa aos camiños da ironía e do humor
09 ago 2025 . Actualizado a las 22:14 h.Xosé Cermeño (A Coruña, 1959) é un autor ao que seguín con interese desde aquelas pezas narrativas xa un tanto afastadas no tempo que foron Ciencia de facer as camas e Os nervios da cabeza, ambas de 1994. Igualmente, Cermeño posúe unha salientable traxectoria como guionista de diversas series de ficción en galego.
Tras a recente Días felices con Fábia (2023), cunha recensión oportunamente feita nestas páxinas, gorentounos un libro dificilmente clasificable como é este Vantaxes e inconvenientes de case todo. Irónico desde as instancias do seu título, é un volume que traza unha liña inequívoca de continuidade con Os ensaios de Montaigne (por certo, unha escolma deles felizmente traducidos por Gonzalo Navaza para o Servizo de Publicacións da USC), coa obra de Bioy Casares ou coa de Joseph Roth, que publicou tamén un libro titulado Gabinete de curiosidades. Igualmente, é palpable esa atmosfera común que comparte con pezas do propio Navaza, de Carlos López, Queipo, Manuel Veiga, Xavier Seoane, Calros Solla ou con ese memorable, aínda que talvez máis canónico, O gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte (2014), de Irene e Rodrigo Pérez Pintos.
E, en efecto, velaquí unha especie de gabinete de curiosidades no que conxuga un discurso persoal e autobiográfico, marcado polo fragmentarismo e acugulado de digresións, onde ocupan un espazo preponderante aquelas que se vinculan coa literatura e coa escritura. Pero, loxicamente, non só, pois por aquí transitan os ecos de innúmeras lecturas, abofé, mais igualmente as páxinas poñen o foco en asuntos que dirixen a súa ollada á gastronomía, aos barcos, aos tubérculos, aos misterios por desvelar, ao mar, ás librarías ou ao cine. A curiosidade do autor, a súa ollada singular, por veces inquisitiva e crítica, en ocasións simplemente descritiva, brilla cando se acaroa aos camiños da ironía e do humor polos que transita con manifesta eficacia. Neste sentido, a súa é unha prosa que sempre nos interpela e que olla o cotián cunha perspectiva diferente para revelar ángulos en tantas ocasións desapercibidos. Un libro atemporal e para todas as épocas, mais probablemente ben acaído para estas datas estivais.