A xeración zeta saca a lingua: «É forte que che ensinen galego en castelán»

CARMEN FERREIRO / S.F.

FUGAS

Oliezer, Candela, Mercedes e Anxo son e viven como galegofalantes.
Oliezer, Candela, Mercedes e Anxo son e viven como galegofalantes.

Paleofalantes ou neofalantes, eles concordan na necesidade de ser motor dunha lingua viva. «O esencial para falala é a escola. Fallamos moito na propia educación», advirten

26 sep 2025 . Actualizado a las 11:23 h.

«Estou namorado da lingua galega porque, á parte de ser moi útil, faime sentir que pertenzo máis a esta terra», explica Oliezer, un rapaz de 15 anos nado en Cumaná (Venezuela) que desde hai oito vive na Coruña, a metade deles como neofalante. O mesmo pásalle a Natalia, unha rapaza da mesma idade, tamén venezolana, que emigrou hai dous anos. Para ela, aprender a lingua non foi unha traba: «Xa un dos meus avós me ensinaba galego alá en Venezuela e, agora que teño soltura, practicámolo xuntos. Persoalmente, sempre me gustaron moito os idiomas e poder falar o galego aquí era tamén unha maneira de achegarme máis a esta cultura. Sempre foi unha meta e estouno conseguindo».

ANGEL MANSO

Natalia, 14 anos: «Xa un dos meus avós me ensinaba galego alá en Venezuela e agora, que teño máis soltura, practicámolo xuntos»

Natalia e Oliezer son compañeiros no proxecto que os fixo coñecerse e falar galego, Aquí Tamén Se Fala, iniciativa cultural impulsada por Alberto Pombo,director do IES Plurilingüe Rafael Dieste da Coruña, que achega o galego á xente nova e divulga o uso da lingua. Oliezer ou Oli, como lle chaman os amigos, recoñece que os inicios foron complicados. «A pesar de que sempre me custou moitísimo, a curiosidade de saber se ía poder era moito máis forte. Sen dúbida, o Aquí Tamén Se Fala axudoume e grazas a iso podo falar galego hoxe con todo o mundo», di. A única excepción no seu caso é na casa. «Estou intentando que miña tía e miña nai aprendan, fágolles fichas no ordenador e pasamos un bo tempo. Penso que é importante para o traballo que elas entendan galego», relata Oli emocionado.

Cada un soubo encontrar a súa zona de confort nos distintos eidos da cultura galega para familiarizarse co idioma. No caso de Natalia, ler libros de psicoloxía en galego nutre o seu interese sobre o tema, ademais de permitirlle practicar a gramática galega. En cambio, Oli disfruta de todo tipo de música en galego. E, grazas ao festival co mesmo nome do proxecto que organiza o seu instituto, tivo oportunidade de coñecer a moitos dos seus artistas favoritos: Boyanka Kostova, Xabier Díaz, Alana, Ulex ou Grande Amore, con quen están producindo unha canción no instituto, son algúns dos artistas que Oli e os seus compañeiros tiveron a oportunidade de coñecer. Oli deuse conta pola súa participación no festival do interese que ten pola comunicación e o xornalismo e amósase claro cando fala de futuro. «Teño claro o camiño que quero seguir. Farei un ciclo na Coruña e despois gustaríame facer a carreira de Xornalismo en Santiago», conta.

Ao igual que Oli, a Ana Mateu (Cuba, 29 anos) tamén lle gusta moito aprender coa música en galego. Ela é neofalante dende que chegou a Carballo, hai tres anos. Ana xa viña coa idea de aprender unha nova lingua, pero, grazas ao seu contido en redes e a oportunidade de abrir unha canle de YouTube para aprender galego en cen días, é algo que se lle fixo moito máis levadeiro. Ultimamente, di estar nun bucle de escoitar a canción titulada Hoxe, mañá e sempre de Tanxugueiras e, se falamos de TikTok, afirma que desde que empezou a falar galego o seu «para ti» está cheo de creadores de contido na lingua.

Ana conta que, segundo chegou da súa primeira clase de galego deste novo curso, segue a complicárselle o que tantas dores de cabeza lle dá: «O que máis difícil me resulta son os tempos verbais». Para ir mellorando pouco a pouco, Ana ten claro en quen vai apoiarse: na súa familia galega. «Dígolles aos meus amigos de aquí que me falen sempre en galego para que así poidamos practicar. Ata me fixen moi amiga da miña profe de galego, iso é un puntazo», considera Ana.

ANA GARCÍA

Candela, 24 anos: «Comecei contestando ao WhatsApp só en galego. Agora cada vez penso máis en galego»

É ben sabido que poder rodearse de xente que fala galego ou que está no mesmo proceso de aprendizaxe axuda. É a realidade de moitos neofalantes, como Candela, de 24 anos, nada en Bos Aires e chegada con só sete meses a Galicia. Toda a súa infancia na escola e parte do instituto estivo tinguida por unha ensinanza en castelán. «Empecei a falar galego hai agora dez anos porque me cambiei de instituto e alí a xente que coñecín falábao.

Foi chegar e sentir que tiña que falalo para poder integrarme, saíume de forma natural. Fun integrando progresivamente o cambio. Comecei contestando ao WhatsApp só en galego e despois na clase. Apoiábame moito no meu profesor de galego, el axudábame moitísimo, sobre todo co tema dos pronomes, era o que máis se me complicaba daquela», conta Candela. Actualmente, vai tachando obxectivos da súa lista pouco a pouco: «Unha cousa na que estou notando avances ultimamente é que cada vez penso máis en galego, en vez de en castelán. Antes tiña que estar traducindo todo o tempo na miña cabeza e agora sáeme de forma natural», explica.

Na casa sempre se sentiu arroupada. Acolleron con moito cariño o cambio de Candela e animárona a mellorar cada día: «De feito, miña nai, despois de levar toda a vida na Arxentina, tamén comezou a estudar galego e agora fálao e enténdeo á perfección». A día de hoxe, Candela móvese en todos os contextos da súa vida en galego e por experiencia como neofalante entende o autoodio que se pode sentir cara ao idioma: «Ás veces quérente facer crer que es inferior por falar galego». Pola súas vivencias, ela defende que «é importante que se fale galego na casa, pero o esencial é falalo na escola. Sei de moitos casos nos que na casa falan en galego e na escola non. É imprescindible contar con clases en galego e cunha rede de persoas ao teu redor que o falen, se non, como pasa na maioría dos casos, os nenos acaban sendo influenciados. Da mesma maneira, penso que se na casa as crianzas medran con debuxos, música e libros en galego entenderán que é o normal, que non ten nada de malo e que non hai por que reprimirse noutros contextos».

Se houbese unha balanza para facer referencia ao uso da lingua, no outro lado, nas antípodas dos neofalantes, estarían aqueles galegos coñecidos hoxe como paleofalantes, que medraron co galego como lingua nai e que a día de hoxe a seguen empregando como lingua vehicular.

Mercedes (Noia, 25 anos), mariscadora e creadora de contido para TikTok coñecida como Totateki, medrou nun fogar coa lingua galega como idioma principal. En cambio, a súa situación na escola non era tan idílica como a que Candela puido vivir no seu cambio de instituto. «Cando ía á escola, a maioría de materias eran en castelán. E chegoume a tocar unha profesora de galego que daba as clases en castelán, é moi forte. Hai que defender o idioma e non fallar na educación», considera Mercedes.

Mercedes, 24 anos: «Cando ía á escola chegoume a tocar unha profe de galego que daba as clases en castelán, é moi forte»

O seu contido nas redes sociais alterna entre os dous idiomas: «Aínda que ás veces fago vídeos en castelán, non constitúen a maioría. Fóra das redes, falo galego en todos os contextos que mo permiten. Hai veces, incluso cando viaxo, que non dou o cambiado o chip e sáeme só».

O odio en redes nunca queda fóra e Mercedes é algo que corrobora cada vez que sobe un vídeo. « Póñenme máis comentarios de crítica polo feito de usar a gheada e o seseo que polo feito de falar en galego. Parece que aínda non se sabe que é un trazo dialectal, tan válido coma outra variante», explica. Aínda así, asegura, non todo son malas novas: «Que hoxe haxa xente facendo contido nas redes sociais en galego de todo tipo é incrible, ao igual que o bum da música en galego paréceme o mellor que lle puido pasar ao idioma, atrae moitísima xente nova e, sobre todo, pon en valor o que temos, que é unha lingua marabillosa».

LAURA LEIRAS

Anxo, 24 anos: «Hai quen me dixo que se escribise as letras en castelán chegaría a máis xente. Se fose así, non me sentiría a gusto comigo mesmo»

Anxo é, precisamente, unha das moitas persoas que apostan pola creación de música en galego. Con 24 anos, escribe e produce as súas letras dende Vilalba para o mundo xunto ao seu irmán Duarte, baixo os pseudónimos de Shera e Sile. «Hai xente que me ten dito que se escribise as letras en castelán, chegaría a moitísima máis xente. A min paréceme unha parvada, a verdade. Se fixese letras en castelán, non me sentiría a gusto comigo mesmo, nin representado», conta Anxo, quen confesa que, a pesar de ser criado en galego e de crecer nunha escola e instituto no que a maioría dos rapaces eran galegofalantes, houbo un certo momento da adolescencia no que vacilou. «Non sei por que o facía, pero se me falaban en castelán, contestaba en castelán. Agora iso xa cambiou. Obviamente, se sei que non me van entender cambio, pero por regra xeral contesto en galego».

A diferenza de Anxo, Iria, unha rapaza de Brión tamén de 24 anos, non tivo a mesma sorte no instituto e na escola: «Fun notando que había compañeiros e compañeiras que fixeron un cambio que eu non fixen. A min nunca me cambiaron a lingua na casa. A miña contorna familiar tamén sempre falou galego, e foi sempre no que me sentín máis cómoda. Quizais polo feito de querer manter a miña lingua houbo ocasións nas que me sentín menos escoitada en certos contextos sociais por falar galego». Esta problemática foi creando nela unha idea rotunda acerca do ensino e do uso da lingua tanto na casa como na escola. «Ambas son importantes, pero eu creo que hai que poñer énfase nos contidos que se consuman. Á fin e ao cabo, se queres aprender inglés, tes que ver películas nese idioma, pois o mesmo pasa co noso», opina Iria.

Iso mesmo escoitaba Silvia, unha rapaza de 27 anos de Castroverde, afincada en Santiago e criada en galego, paleofalante dende que ten uso de razón, nun faladoiro ao que asistiu recentemente. «Concordo moito co que dicía [a comunicadora] Eira Losada, quen falaba da necesidade de converternos en motor da lingua no sentido de que, se ti empregas o galego, sempre vai haber xente ao teu redor que che conteste en galego. E, aínda que non sexan a maioría, estás provocando un pequeno cambio que xa é un triunfo», pensa Silvia.

Como galegofalante de toda a vida, ela non considera meritorio o feito de seguir vivindo acotío na lingua na que se criou. «Para min non supuxo un esforzo o feito de seguir falando na miña lingua porque é como medrei e como sempre me relacionei —conclúe—. Admiro aos neofalantes, porque é de valorar a súa escolla decidida por facer un cambio. No meu caso, a miña lingua é o que son».