Leticia Rey: «Estou descubrindo que me gusta máis cantar en galego do que me gustaba cantar en inglés»
FUGAS

A artista coruñesa publica o seu segundo disco, «Danza luz», e faino só en formato físico. «É arriscado, como todo o que fago», di
03 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Tres anos despois daquel sedoso Lux, Leticia Rey renova o seu cancioneiro cun disco no que incorpora suxestivas novidades. Todas as letras de Danza luz son en galego e, desta volta, nelas a artista déixase seducir tamén polas sombras. E collen novos rumbos as sonoridades, tinguidas agora de tons que a achegan máis ás raíces. De aquí e de acolá. O que non varía é a intensidade, a maxia e a capacidade de emocionar coa que Leticia Rey transmite as súas composicións. Coa súa poderosa, precisa e preciosa voz como eixo vertebrador e argumento central, e axudada por unha exquisita instrumentación a cargo de Iago Mouriño, no piano; Vadim Yucknevich ao acordeón e Benxamín Otero ao corno inglés.
—Non sei se chama máis a atención que este disco sexa en galego ou que o primeiro fose en inglés e castelán.
—É que eu estou súper en contacto coas tres linguas. Miña nai non era galega e meu pai si, así que eu me criei en castelán e galego. O do inglés vén de que fixen Filoloxía Inglesa e é unha lingua coa que sempre tiven unha conexión moi profunda. Eu creo que noutra vida debín de ser británica [ri]. Neste disco quixen explorar os sons aos que me leva o galego, que son totalmente diferentes dos que me pode levar outra lingua. E estou descubrindo que me gusta moito máis cantar en galego do que me gustaba cantar en inglés. Sinto que me permite unha maior exploración a nivel de composición e de voz. En calquera caso, as cancións que compuxen nun idioma nunca tería podido compoñelas noutro. Se eu tivese intentado compoñer Danza luz en inglés, teríame saído un churro.
—Aínda que o anterior disco se titulase «Lux», dá a sensación de que cando realmente viches a luz foi neste.
—Este disco ten unha exploración diferente da luz. Mentres que Lux exploraba o puramente luminoso e o positivo, en Danza luz están máis presentes as sombras. As dun mesmo. Os nosos demos internos. Danza luz é unha aperta a esoutra cara, unha invitación a danzar con ela para atopar a luz tamén dende aí, integrando e non negando. É unha viaxe espiritual de aceptación de que non todo é sempre marabilloso.
—Hai máis luz ou máis sombra neste disco?
—Hai máis sombra... Pero é unha sombra luminosa, unha sombra cuqui [ri]. Todos temos sufrimentos e vivencias duras, partes de nós que non molan e que incluso poden ser danosas. E non serve con dicir «ah! yo tengo mis sombras pero es que soy así». Non, amigo. Tes que responsabilizarte desas partes non tan positivas e tratalas para que non sexan daniñas nin para ti nin para os demais. Con cariño, pero tratalas.
—Considéraste un pouco mística?
—Xa me considerei máis. Pero si, si que me atrae o místico. Dende un lugar profundo e ancestral. Non me mola nada ese misticismo baleiro ou banal.
—Xa que citas a palabra, por que repites «Baleiro», unha canción que xa estaba no primeiro disco?
—En realidade, Baleiro sempre foi deste disco. É o lugar do que parte todo. Foi tirar do fío de Baleiro e naceu todo o resto.
—A voz é a gran protagonista do teu álbum pero, é a voz a gran maltratada da música do século XXI?
—Si, e quizais a máis esquecida tamén. As novas tecnoloxías e as redes sociais dannos aos artistas pequenos algo tan positivo como poder ensinarlle o que facemos ao resto do mundo, pero tamén leva a que calquera poida facer de todo en calquera momento e que xurdan cousas de moi baixa calidade. E é o que sucede coa voz, que xa non fai falta estudar se grazas as máquinas podo conseguir un resultado resultón.
—Non haininguna colaboración, que é algo que agora está como moi de moda.
—Non, é certo. Quizis porque a nivel conceptual non me tiña moito sentido. É algo que me gustaría facer pero, se cadra, noutros proxectos.
—Por que unha decisión tan arriscada como publicar o disco só en formato físico?
—Parte dun esgotamento deste mundo de inmediatez e frenesí ao que estamos sometidos. Eu quería reivindicar a pausa, a calma e o silencio. Para min é terapéutico coller un disco soa e escoitalo de principio a fin. Sen máis ruído que ese. Eu creo que iso é saúde. Mira, eu saco o disco en plataformas e a semana que vén ninguén se acorda del. E a min este disco custoume dous anos parilo. Ademais, as plataformas maltratan moito os artistas porque o retorno é practicamente nulo. E nós investimos moitísimo esforzo e diñeiro en crear todo isto para que, ao final, xa non digo que teña repercusión, porque eu sei perfectamente o estilo de música que fago e a onde podo chegar, pero sentir polo menos que ten o cariño que creo que se merece. Ademais, o disco físico é unha obra de arte. A ilustradora María Maquiera fixo un traballo marabilloso e o libreto, deseñado por Andrés Rey, tamén é moi especial porque ten manuscritos do caderno que eu utilicei para bosquexar todo.
—Onde se pode conseguir «Danza luz»?
—De momento, na Coruña, en Rockbox e no Jazz Café. Pero en breve imos ter venta online. E, por suposto, nos concertos.
—E nas plataformas, cando?
—Non sabemos. Si que vai estar en plataformas porque se non é como se non existiras, pero de momento aínda non.
—Dis: «Eu sei onde podo chegar». Onde podes e onde queres chegar?
—Eu non teño o foco en chegar a ningún sitio porque se fixese iso, xa non estaría conectada co que sinto por dentro senón con se lle gusta á xente ou se me van chamar de tal sitio. Pero son consciente de que cando escoito o produto final digo: «Está moi bonito, pero que facemos con isto?». A ver, que igual me levo unha sorpresa. Eu sempre confío en que cando as cousas están feitas con alma, tocan as almas das outras persoas. Igual son unha ilusa, pero eu teño ese romanticismo artístico.