A ruta literaria que explica o milagre galego de Lorca

María Salgado
María Salgado REDACCIÓN / LA VOZ

FUGAS

Ficha do alumno Federico García Lorca na Universidad de Granada, e primeira edición de «Seis poemas galegos» (editorial Nós, 1935).
Ficha do alumno Federico García Lorca na Universidad de Granada, e primeira edición de «Seis poemas galegos» (editorial Nós, 1935). Fundación Barrié

Cando se cumpren noventa anos da publicación de «Seis poemas galegos», percorremos a Compostela que lembra o feito insólito de que o xenio granadino escribise na nosa lingua

17 oct 2025 . Actualizado a las 22:17 h.

Nos «bosquecillos líricos» de Lorca medraron insospeitadamente romances con lúas que bailan, romances perfumados por herbas de prata, romances mollados pola choiva clara. E foi un milagre. O xenio granadino ficou «fulminado» pola beleza de Compostela e da Quintana, a «praza-butaca», á que lle dedicou un dos Seis poemas galegos (Nós, 1935), a súa única obra noutra lingua e os versos na nosa máis reeditados e traducidos do século XX. Cando se cumpren noventa anos da súa publicación, percorremos un paseo literario polos lugares da urbe que marcaron ao poeta nas súas viaxes de 1916 e 1932, e facémolo da man dun cicerone apaixonado, Henrique Alvarellos, editor e autor de Federico García Lorca en Santiago de Compostela, nunha actividade popular e gratuíta organizada pola Semana do Libro.

O editor Henrique Alvarellos, na praza da Quintana, facendo de cicerone nun paseo pola Compostela que marcou ao andaluz.
O editor Henrique Alvarellos, na praza da Quintana, facendo de cicerone nun paseo pola Compostela que marcou ao andaluz. María Salgado.

As raiolas desta mañá de outono quentan con forza aínda estival os muros da cidade de pedra que o escritor amaba polo seu «sol camelia» e a súa «luz enferma», como lembrara Ánxel Fole nun artigo en Galicia Emigrante. Pero á fonda impresión que a paisaxe galega produciu no andaluz sumouse unha conxunción de circunstancias que conduciron ao feito insólito de que a man que compuxera Bodas de sangre tamén o faría no noso idioma, deixando este agasallo, esta ofrenda a nosa cultura. Esa conxunción de estrelas que guiaron a Lorca ata Compostela foron os versos de Rosalía de Castro; a xeración de intelectuais que, entregadísimos, o convidaron no ano de ouro da República; e a creación da compañía de teatro universitario ambulante La Barraca, dirixida polo poeta, e que ese luminoso verán actuou nas grandes vilas do país.

Lorca, na escalinata da Quintana, en Santiago, no verán de 1932, xunto a dous integrantes da compañía de teatro La Barraca: Arturo Sáenz de la Calzada e Ketty Aguado. Nesta mesma praza, ás once da noite do 24 de agosto, representaron os «Entremeses» de Cervantes ante máis de seis mil persoas.
Lorca, na escalinata da Quintana, en Santiago, no verán de 1932, xunto a dous integrantes da compañía de teatro La Barraca: Arturo Sáenz de la Calzada e Ketty Aguado. Nesta mesma praza, ás once da noite do 24 de agosto, representaron os «Entremeses» de Cervantes ante máis de seis mil persoas. Alvarellos Editora

«Rosalía foi o primeiro alicerce, o primeiro piar da inmersión de Lorca na nosa cultura e na nosa cidade. En outubro de 1917, xusto un ano despois da súa visita de estudos a Galicia, estaba escribindo os seus primeiros poemas e lendo Follas Novas», sinala Alvarellos na Quintana, o lugar favorito do andaluz. «Desearía quedarme a vivir aquí toda la vida», diría, subido á torre da Berenguela, ao tamén escritor Arturo Cuadrado. A súa devoción rosaliana medrara cando volveu a Santiago en 1932. Dúas veces, no mes de maio —a segunda, para facer un poema compostelano— e a terceira, en agosto, como director teatral. O seu amigo ferrolán Ernesto Guerra da Cal serviulle de dicionario vivente, segundo explicaría este anos despois nunha carta a Eduardo Blanco Amor: «Él me decía un verso en castellano y yo lo traducía libremente al gallego, buscando, como es natural, las palabras que a él más pudieran impresionarle por color, sonido y evocación mágica».

Parada da ruta literaria diante do Hotel Compostela, na praza de Galicia, onde Lorca aloxouse en maio e agosto de 1932.
Parada da ruta literaria diante do Hotel Compostela, na praza de Galicia, onde Lorca aloxouse en maio e agosto de 1932. María Salgado

Aloxábase no Hotel Compostela, na rúa do Hórreo, daquela recén inaugurado, onde recibiu unha gran homenaxe na noite do 7 de maio. No seu xa desaparecido salón-comedor, citáronse Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, Ánxel Fole, Francisco Fernández del Riego, Carlos Maside, Luis Seoane, Domingo García Sabell e, entre máis de cento cincuenta persoas, o estudante Carlos Martínez Barbeito, que fixo de cronista: «Recitó versos suyos y ajenos, y la noche acabó cantando él cantigas gallegas de Martín Códax, la de A Nosa Señora da Barca, y otras populares». Tres días despois e antes de marchar para Madrid, os máis achegados organizáronlle outra cea no primeiro andar do bar Viño, na praza de Mazarelos, onde Maside lle fixo un retrato nun pano de mesa de papel.

Retrato de Lorca firmado por Carlos Maside.
Retrato de Lorca firmado por Carlos Maside.

Os manuscritos dos Seis poemas galegos, que hoxe están na Fundación Eduardo Blanco Amor, recolleunos o ourensán cando visitou a Lorca na Huerta de San Vicente en 1935. «Lo encontré muy interesado en la literatura gallega; era una especie de fascinación», explicaría nos anos cincuenta no Centro Galego de Bos Aires, onde os amosaría por primeira vez en público. «Estoy muy contento de que mis versos vayan a salir en Santiago. A medida que la poesía en castellano se me hace profesional, siento dentro de mí que la poesía en gallego se me está haciendo vocacional», respondeulle o xenio nunha carta que non se conserva.

A editorial Nós, na rúa do Vilar, 15. Unha placa lembra que esta casa acolleu a imprenta fundada por Ánxel Casal da que saíron os «Seis poemas galegos», de García Lorca, en decembro de 1935.
A editorial Nós, na rúa do Vilar, 15. Unha placa lembra que esta casa acolleu a imprenta fundada por Ánxel Casal da que saíron os «Seis poemas galegos», de García Lorca, en decembro de 1935. María Salgado.

Camiñamos paseniño ata a rúa do Vilar, onde estaba a editorial Nós, antes de ser saqueada e queimada polos golpistas. Alí, detrás dunha porta verde, Ánxel Casal publicou en decembro de 1935 douscentos exemplares do poemario. «La edición es modesta, como mis medios, pero está hecho con el entusiasmo de este humilde colaborador del renacimiento gallego», escribiulle a Federico, que en xuño de 1936 seguía tan marabillado cos seus versos galegos que mandou parar o coche no que viaxaba para recitalos á beira da estrada. Dous meses despois, autor e editor foron asasinados.