Ademais da proxección de máis dun cento de curtametraxes e de longos, o festival de terror e de fantasía de Vilagarcía ofrece desde hoxe un programa cargado de charlas con persoeiros do cinema e do cómic, obradoiros, exposicións de superheroes e de monstros ou unha singular e arrepiante cea na noite do Samaín
24 oct 2025 . Actualizado a las 07:22 h.Para moitos aínda un descoñecido, o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa é un portal único que durante dez días, co gallo do Samaín, do Halloween ou do nome que se lle dea en cada lugar á celebración do día dos defuntos, sitúa a Galicia no centro do mapa do cinema de terror e fantástico do planeta. Incluído hai escasos meses na lista dos 90 mellores certames do xénero pola maior revista de referencia no asunto, Dread Central, o monstro ao que Luis Miguel Rosales e o seu equipo levan dando vida nos dez últimos anos tras o relifting ao festival audiovisual decano do país ofrecerá, desde hoxe ata o 2 de novembro e entrada gratis, o visionado de máis dun cento de curtametraxes e de longos procedentes de 36 países. Entre eles, 17 estreas mundiais e media ducia de películas desembarcadas de Sitges. E nomes propios, como o de Javier Fesser, o home tras El milagro de P. Tinto ou Campeones, que con Depredador aspira a volver conquistar o premio á mellor curtametraxe na cita vilagarciá tras gañalo antes no 2016.
Con todo, o Curtas vai moito máis aló da pantalla xigante, atravesando cada ano a cuarta parede cun programa que non para de medrar edición tras edición. Co pase de clásicos do cinema de terror silente acompañados de música en vivo, As mans de Orlac (1925), esta noite co mestre Jorge Gil ó piano, e O Golem (1920), co grupo de cámara vigués Caspervek o día 30. Con obradoiros para escolares sobre o uso do croma ou da música nas películas fantásticas. Dando a oportunidade de aprender, de maneira práctica, a modelar un monstro guiado polos especialistas Víctor Marín e Daniel Martínez. Servindo para 70 persoas a cea de Samaín máis arrepiante na derradeira noite de outubro diante da proxección do clásico Re-Animator con actores de carne e óso intearactuando cos comensais. Cun photocall ante o coche da película Harry Potter y la cámara secreta. Montando exposicións de heroes Marvel ou a maior sobre monstros do cinema reproducidos a escala de Europa, esta última de creada polo propio certame. Como o concerto na cerimonia de clausura, único na súa especie, co pase sen son de A noite dos mortos viventes de George A. Romero e actores interpretando diálogos en galego da película con música en vivo da Orquesta Clásica de Vigo.
E entre todo o anterior, charlas maxistrais de primeiros espadas do cinema, coma Paco Plaza, Marcus Nispel ou Arturo Balseiro, e do mundo da banda deseñada, caso de Xermánico, Aneke ou Salvador Larroca.
Todo o programa, co contido, días, horas e as reservas e inscricións nas diferentes actividades limitadas por aforo, está dispoñible na web curtas.org.