Sangre de Muérdago: «Fóra de Galicia ninguén nos di por que cantamos en galego»

FUGAS

Saúl Nogareda, Xoel López, Georg Börner e Pablo Caamiña integran o cuarteto, que publica o álbum «Xardín».
Saúl Nogareda, Xoel López, Georg Börner e Pablo Caamiña integran o cuarteto, que publica o álbum «Xardín». cedida

«Somos como icebergs, a parte que se ve é unha mínima porcentaxe do traballo que se fai detrás de bastidores», di o grupo galego que máis actúa fóra de España, que intenta por fin, despois de 18 anos, ser profeta na súa terra 

30 oct 2025 . Actualizado a las 17:57 h.

Certo é que dos 18 anos de historia de Sangre de Muérdago, dez tiveron como epicentro a cidade alemá de Leipzig, onde residía Pablo Caamiña, fundador e alma máter da banda. Iso si, nese tempo nunca deixaron de compoñer e cantar en galego nin de apoiarse nas raíces musicais e na mitoloxía da súa terra. A pesar diso, as súas xiras (22 europeas, tres por América do Norte e unha en Asia) tiveron discreta acollida en Galicia, onde non deixan de ser un grupo de culto, admiradísimos, iso é certo, polos seguidores do neofolk con certos tintes místicos. O regreso de Caamiña a Galicia hai tres anos ten como primeiro froito musical Xardín, o sétimo álbum do grupo, concibido e parido xa en terras galegas.

—Reflíctese iso no disco?

—Seguro. Non porque haxa máis influencia de música galega, que non o creo, pero a nivel anímico o disco anterior escribino lidando con algúns sentimentos un pouco duros e este fíxeno dun xeito moito máis liberado. O outro foi unha especie de menciña ou de pomada para me dar eu por enriba, e chegar a Galicia foi como chegar a un solpor fermoso e volver sentir moita emoción dentro de min.

—En «Xardín» hai tres cancións inspiradas en melodías tradicionais galegas.

—Esa é unha pauta que se repite sempre. Nós non podemos dicir que tocamos música tradicional galega, pero en todos os discos hai algunha peza tradicional que nos gusta e arranxámola ao noso xeito para que forme parte do noso xardín.

—Poderiamos definir o voso son como postfolk?

—Si, postfolk, neofolk..., xa nolo teñen dito. Eu sempre digo que as melodías tradicionais no seu día tamén foron melodías contemporáneas. E nós, o que intentamos é facer cancións para o futuro que quizás algún día, se son abrazadas pola xente, poidan ser cancións tradicionais.

—Hai cancións que soan como a outro tempo. Gustaríache ter vivido noutro momento histórico?

—Non por romanticismo, pero si por curiosidade. En realidade, máis que ter vivido noutra época, gustaríame que tivésemos ido por outro camiño nesta, e que as nosas prioridades tivesen sido outras. Non ter posto todo ao servizo da tecnoloxía e do mercado global. E despois, si, hai momentos na historia que me xeran curiosidade, como os tempos dos recolectores e cazadores, cunha terra habitada por menos seres humanos e moitas máis especies animais.

—Iso de non ser profeta na terra, no voso caso, cúmprese?

—Totalmente. En Galicia eu sinto un apoio forte por parte do público pero a niveis institucionais non temos ningunha axuda. É algo que xa é parte da nosa historia. Nós sempre funcionamos dunha forma autoxestionada. E se non tivésemos botado para adiante con tanta teimosía, como tantos outros proxectos, probablemente este tamén tería quedado polo camiño. Pouco a pouco imos abrindo tamén aquí o noso pequeno oco, pero si que hai uns anos para nós era moito máis doado tocar en París ou en San Francisco que en Compostela.

—O que si tedes demostrado é que cantar en galego non é unha barreira...

—Absolutamente ningunha. A gran maioría da xente que vai aos nosos concertos fóra non entende nin catro palabras do que estamos cantando, pero eu teño escoitado a iranís cantando en galego, a norteamericanos, a suecos..., a xente de todas as partes. E sempre que viñeron a dicirme algo foi positivo. Ninguén me preguntou nunca por que non cantades en castelán ou en inglés. O que conecta a audiencia co artista é outro tipo de fío.

—Hai un certo misticismo en Sangre de Muérdago?

—A min gústame máis chamalo misterio. As melodías e as harmonías son unha ferramenta moi valiosa para facer sentir un montón de cousas, pero o misterio é moi evocador. Sempre que topamos algo misterioso, atráenos dalgún modo. Ese desexo por saber e por descubrir é algo inherente dentro de nós. E unha das cousas que intentamos coa nosa música é lembrarlle á xente que o mundo que nos rodea aínda está cheísimo de misterios. Mesmo aquí ao lado. Por aí, e porque utilizamos moito o imaxinario colectivo, as mouras, as meigas, vén quizais ese lado místico de Sangre de Muérdago.

—O que tamén hai é moita introspección.

—Dende logo. É unha música que está escarvada dos adentros. Eu, cando me sento a compoñer abro moitas xanelas, deixo que saian cousas para fóra e tento conectar con partes de min que están pousadas no fondo de min mesmo.

 —Hai elementos que están sempre moi presentes nas vosas cancións, como a natureza, o lume, o sol, o concepto da ecoloxía...

—Si, son sinais de identidade que discorren con nós ao longo da nosa carreira. A natureza é o epicentro do noso imaxinario, e é tan plural e diversa que dende aí podes abrir calquera xanela.

—Como van ser os concertos desta xira, que imos ver en Vigo e na Coruña?

—Van ser intensos. Imos a tocar unha gran parte do novo álbum, pero tamén pezas de discos anteriores que nunca tocamos antes en directo.

—Rematades a presentación do disco dicindo: «Colleitamos o que sementamos». Que queres transmitir con esa idea?

—Ese é o vello concepto do karma e é un fío condutor do disco. O que ti sementas é o que despois vas colleitar E por outro lado, tamén, o que ti proxectas de cara a fóra, como te relacionas cos demais, ten que ver despois con como serás recibido. Se queres que te traten ben nesta vida e neste mundo, as garantías máis grandes telas tratando ti ben aos demais.

—Ti tes a sensación de que tes sementado máis que colleitado?

—A nivel persoal, absolutamente. Eu dedícome moi fondamente e dun xeito devocional a este proxecto dende hai moitísimos anos. E vaia, non me quero queixar, non vai por aí a cousa. Pero só eu sei o traballo que hai detrás destes 18 anos de carreira. Somos como icebergs. A parte que se ve é unha mínima porcentaxe do traballo que se fai detrás de bastidores. Pero eu creo que o nivel de entrega de alguén que se dedica arte é dificilmente recompensada. Ao final, a maior recompensa que recibo deste traballo é pensar: «Eu podo morrer tranquilo xa só por saber que fun parte de algo que soa así». E nese sentido síntome recompensadísimo a nivel persoal. Despois, se falamos a nivel de mercado ou da industria musical, aí penso que case ninguén se pode sentir recompensado. Posiblemente nin os que están na parte máis alta da pirámide.

  • MOS REBULLÓN, VENRES 24
  • A CORUÑA GARUFA, DOMINGO 26