Cantando «Fairytale of New York»

FUGAS

El ya fallecido Shane MacGowan interpretando « Fairytale of New York».
El ya fallecido Shane MacGowan interpretando « Fairytale of New York».

07 dic 2025 . Actualizado a las 22:08 h.

Nuns días deixarei o piso onde vivín os últimos dezasete anos. Ando metido nas tarefas penosas da mudanza, rodeado de vultos, algo entolecido coa idea de estar desmontando case dúas décadas da miña vida para metela entre cartóns. Tento poñerme a salvo das tentacións sentimentalistas, pero hai veces en que unha pequena operación de empaquetado, a priori inofensiva, devén en acordanzas incontroladas. Vou seleccionando libros en caixas e a pel arreguízaseme co recordo de lecturas apoteóticas, escudos contra todos os fríos. Abro caixóns e armarios da cociña, maquinando un plan de desaloxo para pratos e cubertos, e véñenme á boca sabores triunfais de xantares con amigos, gustos de seráns cómplices, padais de risas redentoras. Descolgo cadros das paredes —fotografías, carteis de filmes, motivos noir—, e con esa demolición controlada evoco un millón de noites diante do ordenador, alimentando a presbicia e o desexo de darlle xeito a unha historia. Escribiu Cesare Pavese: «Non perdemos nada. O malestar, o desgusto, a angustia, adquiren riqueza na lembranza. A vida é máis grande e está máis chea do que imaxinamos». Debátome entre o suspiro melancólico e a rabia de clase. Explícase polos prezos dos alugueiros, que subiron case un 22 % en dous anos, e por ter que lamentar unha vez máis que un ben de primeira necesidade como a vivenda, sen unha regulamentación adecuada, siga sendo un campo aberto ao delirio da especulación. Agardo que algún día, pola supervivencia das xeracións que comezan a camiñar, berremos de volta nas prazas. Mentres iso non ocorre, levo para un fogar novo a memoria serena destoutro no que escribo detrás dunha barricada de caixas e tarecos ciscados aquí e alá, cos gatos celebrando dende o amencer a progresión imparable do caos. Agora que se aproxima o Nadal e toca dicir adeus a esta casa, descubro tamén que medra en min a sensación coa que os irlandeses despediron a Shane MacGowan hai un par de anos, cantando Fairytale of New York diante do seu cadaleito: unha ledicia triste e unha pena alegre que se confunden coma irmás xemelgas, bebedoras de cervexa. Estaba de ser, caín no sentimentalismo. Pero como non facelo cando debes abandonar unha parede, unha fiestra, un ángulo do mundo. Como non sentirse atravesado de súpeto pola espada do tempo. Pecho unha porta por última vez: diríxome a outro abrigadoiro no que seguir aprendendo este oficio raro de vivir.