Un alalá para Begoña

Mercedes Corbillón FUGAS

FUGAS

A escritora Begoña Caamaño
A escritora Begoña Caamaño RAG

Ando a mirar ao mar, que baila con ondas discretas. Non son as ondas do mar de Vigo, aquel do xograr e de Begoña, que naceu no barrio do Calvario na cidade das illas e das cantigas e morreu soñando cunha casa branca na Mariña. Iso escribiu á súa amiga Uxía nunha carta de despedida cando soubo que o cancro non remitiría, que acababa o tempo neste mundo. Esperaba pechar os ollos tranquila escoitando ese alalá que cantaba a súa amiga. Tiña só 50 anos e unha obra curta e inmensa. Din que chegou tarde á literatura, pero unha escritora como ela chega á literatura moito tempo antes de publicar un libro. Seguramente desde que Circe ou Penélope ou Morgana, seres míticos sen moita voz, como acostuman ser as mulleres nas narracións dos outros, secundarios e silentes, tomaban a palabra na súa cabeza. Na presentación dunha das súas novelas na Alameda de Santiago, dixo que contaba historias porque as historias permitíanlle facer máis verdadeira a verdade. Cóntao Encarna Otero nun libro que segue os seus pasos por Compostela.

Os lugares tamén se constrúen coas persoas que van deixando as súas pegadas e ela deixou en Santiago, a onde veu traballar na Radio Galega, un regueiro de risas, de amigas, de loitas, de periodismo, de pensamento, seguramente de amoríos que acolleron espazos como o Dezaseis ou a Casa das Crechas. Recorda o libreiro de Couceiro as flores que chegaron o día da presentación de Morgana en Esmelle. As amigas están sempre presentes, na obra e na vida; tamén a alegría, o compromiso, o feminismo.

O libro é precioso, cun retrato de Fernando Vicente na portada na que sae coa man na meixela, un xesto común nas fotografías que hai dela, apoiándose como se lle pesasen as palabras. Seguramente non lle deu tempo a dicilas todas, pero dixo as xustas, con sentido. Uxía vén de publicar un libro-disco no que lle canta. Non hai mellor homenaxe que unha canción, aínda que dirán os académicos que mellor o nomeamento para as Letras. Pero o disco é precioso, como a casa branca imaxinada por Miguelanxo Prado para rematar o libriño. En Indómitas hai unha nova versión de ese alalá. A voz de Uxía: «Teño unha casiña branca /na Mariña entre Loureiros/teño paz e teño amor/ estou vivindo no ceo».