MoOoM propón un ritual sonoro de ritmos atlánticos

FUGAS

MoOoM é o proxecto musical de Ciara Cabodevila.
MoOoM é o proxecto musical de Ciara Cabodevila. Dark Memories

Tras este proxecto está Ciara Cabodevila, unha inqueda artista, investigadora e arquivista documental de Bueu que leva anos en Barcelona exercendo como activista e como profesional no ámbito da cultura e que soña con volver a Galicia

26 ago 2026 . Actualizado a las 15:08 h.

Non todas as vías nas que conflúen a música electrónica e as de raíz —non necesariamente galegas— son autoestradas. Segue habendo corredoiras polas que case ninguén transita porque facelo implica aventurarse e arriscar. E é precisamente aí, nesas estreitas congostras, desprovistas de sinalización e de fachos luminescentes, onde máis a gusto se encontra MoOoM e onde máis doado é atopala.

MoOoM é o proxecto musical de Ciara Cabodevila, unha inqueda artista, investigadora e arquivista documental de Bueu que leva anos en Barcelona exercendo como activista e como profesional no ámbito da cultura e que soña con volver a Galicia.

Hai uns meses, MoOoM publicou o seu primeiro disco, Atlántica, e fíxoo da man de Ferror Records. «Tiña algunha outra proposta, pero quería vincular o meu proxecto a xente de Galicia», comenta Ciara, a quen, antes que nada, lle preguntamos polo significado do seu nome artístico. «MoOoM vén ser como un anagrama. Ese xogo entre minúsculas e maiúsculas representa o sol saíndo entre dúas montañas. Tamén hai a quen lle lembra o muxir dunha vaca, e a min iso encántame igualmente».

Aínda que para simplificar, conviremos en adscribir MoOoM ao caixón da folktrónica, o enfoque MoOoM diferénciase rotundamente do estándar da etiqueta.

Ciara, que se define a si mesma como «unha serea cósmica enlazada entre yemayá e calquera persoa que emigra», presenta a súa proposta musical como «un ritual sonoro de ritmos atlánticos, que en directo se transforma nun transo, nunha comuñón, nunha catarse colectiva».

Un ritual que en Atlántica exprésase en sete paisaxes sonoras nas que se mestura a música galega de tradición oral, as texturas electrónicas e o folclore de distintas partes de Latinoamérica. Agora ben, que ninguén agarde ningún tipo de formalismo na representación dos ritmos tradicionais. MoOoM utilízaos para descontruilos e crear algo completamente diferente. Nas súas composicións, os sons de sintetizadores modulares mestúranse con gravacións antigas de folk galego e sampleados instrumentais de diversos ritmos atlánticos para atopar novas sonoridades cun grande poder de fascinación pero non aptos para os paladares máis convencionais.

Dende o punto de vista conceptual, hai tres elementos que determinan o álbum de presentación de MoOoM e que están entreligados entre si: a emigración, a identidade e o mar. E sempre cun obxectivo: procurar unha conexión emocional con quen escoita as súas cancións. Ciara chega a dicir que facer este disco «foi un proceso colectivo e de sanación ancestral» e sinala tres elementos claves que a impulsan a crear música: «a sinestesia, a catarse e a espiritualidade».

A aproximación á música de Ciara Cabodevila vén, primeiro, dunha investigación académica e, logo, a nivel artístico, dende a performance, o cabaré e outro tipo de escenas nas que se soe xerar unha sinestesia creativa. De feito, é ese concepto de catarse colectiva é o que máis lle interesa do feito musical. «Fuxir de entender a música como un producto e ir máis ao concepto primario de que o ritual é música», di. «Eu nunca esquezo a miña tía avoa que, fixera o que fixera, sempre estaba cantando. Esa implicación viva da música no cotiá é un latexo que está inmanente en min».

Pero tamén hai nas cancións de Mooom outras formas de aproximarse a esa realidade do ritual e do colectivo, como a idea da paisaxe sonora. «O que fago é fusionar esa parte máis telúrica e anterga da tradición cos novos discursos que se están xerando nestes contextos posmodernos e urbanos», explica.

Esta fin de semana Mooom participa no Rototom, un dos grandes festivais europeos de reggae que se celebra en Benicàssim, no que estreará un novo tema, gravado xunto ao xamaicano Skarra Mucci, referencia mundial do xénero. E a finais de setembro, da man do selo Ferror Records, verá a luz a edición en vinilo de Atlántica. «Só serán 200 copias e cen levarán unha sorpresa manufacturada por min para que levedes un pedaciño da miña enerxía para o voso fogar», adianta a artista.