Montxo retírase tras case dúas décadas de goles no Lourenzá: «Veu despedirme ata miña nai, que me viu xogar dúas veces»

FUTBOL GALLEGO

Marcou ao Guntín nunha despedida de lenda en Santa Cruz: «Pinguei o moco»
02 jun 2022 . Actualizado a las 20:54 h.O Lourenzá chegou á última xornada sen xogarse nada, coa permanencia en Primeira Galicia asegurada, pero viviu unha festa de altura no empate 1-1 contra o Guntín en Santa Cruz. Club e afección, que son como unha familia, despediron ao grande a un dos futbolistas que máis alegrías lles deu co seu esforzo e goles durante as dúas últimas décadas: Ramón Seivane Pérez, Montxo (Lourenzá, 1985).
—Como foi a súa despedida?
—Estou moi agradecido polo cariño que recibín de toda a xente que se achegou a Santa Cruz, incluído aos xogadores do Guntín, que a pesar de que metín o gol que os descendía. Foi un día cheo de emocións, ata pinguei o moco. Veu moita xente que case nunca vai ao fútbol, ata miña nai, que me viu xogar dúas veces. A afección estivo de dez, como sempre nesta tempada e as anteriores. Cantábanme que marcara, aínda que fose en propia. Saltei ao campo con todo o mundo aplaudindo, a Faba Brava preparoume ata unha pancarta e os xogadores dos dous equipos fixéronme o pasillo. E encima, fallei un par delas claras que me fixeron pensar que non marcaría nun día tan especial, pero ao final metín un goliño que me soubo como se gañara a Champions. Despois recibín un montón de wasaps de compañeiros, de rivais, exadestradores e moita xente que non imaxinaba que me apreciara tanto... E tamén estou agradecido á directiva, que nos inculcou os valores que temos e é unha peza chave para que o deporte sexa o que é en Lourenzá. Nada sería posible sen eles.
—Este foi o seu gol máis especial?
—É un gol inesquecible. Foi unha xogada combinativa, recibín no lateral da área, tirei a parede con Luis e definín ao pau curto. Por sorte, metín moitos goles nestes anos, pero este será dos máis especiais. Tamén os catro que metín ao Ribadeo no Pepe Barrera nun partido que perdíamos 3-0 ao descanso e acabamos gañando 4-5 no desconto, e calquera contra o Mondoñedo, tamén os recordo con ledicia.
—Defendía esta camiseta desde o 2003. Como foron os inicios?
—No 2003 foi cando se formou o equipo sénior, xusto cando eu saía dos xuvenís. Comecei de neno nas Escolas Deportivas e pouco a pouco fun subindo peldaños ata chegar ao primeiro equipo. Agora xa era o único que quedaba daquela quinta, non é para retirarse? (rí).
—Pois aínda tiña un rol importante. Por que se retira?
—Andaba lesionado seguido, indo ao fisio dúas veces tódalas semanas e sen poder adestrar como eu quero. Son un xogador de banda, explosivo e, quizais, se cambiara un pouco a forma de xogar podería estirar un ano ou dous a miña carreira, pero co equipo salvado e a xeración de bos xogadores que chegaron e continúan saíndo do xuvenil, é o momento. O equipo non queda coxo, hai relevo.
—E en Primeira Galicia. Antes da pandemia parecían condenados.
—Si, salvounos a pandemia. Seguín en activo porque o podíamos facer moito mellor e quería retirarme no campo.

«Case ninguén sabe que estiven medio curso no Foz; aos 4 partidos pedín volver»
—Cantos goles meteu?
—Nin idea. Foron moitos anos e practicamente sempre xoguei de titular, aínda que houbo unha etapa na que José Manuel me vía máis de revulsivo. Tiven dous anos en Segunda Rexional que pasei de 20, en Primeira nunca. Sempre fun o segundo máximo goleador do equipo por detrás de Recalde, e o ano que o superei, meteu máis Chinco.
—E cantos ascensos celebrou?
—Tras facer o equipo tardamos tres anos en subir a Segunda Rexional con Cristóbal, e ao ano seguinte xa ascendemos a Primeira. Logo tamén subimos con José Manuel, Roberto Ramallal e esta última vez con Diego Rego.
—Tivo ofertas para saír?
—Case ninguén sabe que estiven medio ano no Foz; aos catro partidos pedín volver. Íamos últimos en Preferente e o Lourenzá estaba para subir e eu quería estar aí, pero ese ano xa non puiden xogar. Era moi novo e queríao todo. Na celebración si que estiven, como un máis. Tamén me chamou varias veces o Ribadeo. Traballaba alí e podía serme cómodo, pero eu quería xogar ca miña xente en Vilanova.
—Que adestrador o marcou máis?
—Con todos tiven unha boa relación, pero Roberto Ramallal, que xa me colleu máis maior, aínda me ensinou moitas cousas. No táctico quizais foi o mellor, outros pensaban máis no físico. Con Segundo López andabamos como motos, chegábamos ao descanso perdendo e sabíamos que gañaríamos, Cristóbal foi como un pai para os máis novos e de José Manuel tamén gardo un gran recordo. Diego Rego era da casa e xerouse unha confianza coa que me sentín moi cómodo, todo estaba ben.
—E os compañeiros?
—Hai moitos, pero con Recalde e Garrafín levo moitos anos no fútbol e na vida. Dani Rego outro tanto, éramos xa inseparables sen xogar ao fútbol. Da xente coa que non tiña trato, sen dúbida, Javi Chinchón, que se converteu nun moi bo amigo. E tamén David, o mellor afeccionado do Lourenzá.