Abalo recibe unha chamada de Barroso e o presidente pídelle que reconsidere volver ao equipo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

MONICA IRAGO

O presidente do Arousa di que o futbolista lle pedíu desculpas

31 oct 2023 . Actualizado a las 17:37 h.

Unha semana atrás, o Arousa emitía un comunicado público informando da negativa do coruñés Gabriel Barroso a volver adestrar co equipo de Luisito Míguez. O futbolista explicaba entón a La Voz de Galicia que a razón era «personal» e cinguíase ao feito de ter deixado de desfrutar do fútbol desde a súa chegada ao vestiario vilagarcián, deixando claro con todo que non existía o máis mínimo problema nin co corpo técnico nin cos seus ata entón compañeiros de equipo. Desde entón, a afección arlequinada estaba pendente de coñecer a decisión que a comisión deportiva do club adoptase sobre o futbolista, se ben tanto o presidente, Manolo Abalo, coma o propio Luisito Míguez eran contrarios a darlle a baixa a Barroso.

Preguntado polo asunto, Abalo dixo que onte recibiu unha chamada do xogador. «Foi a primeira vez que me chamou a min ou a alguén da directiva. Pediume desculpas», conta o presidente do Arousa, que sen entrar en detalles, afirma que Barroso nin lle pediu a baixa nin volver ao equipo. Pola súa banda, «díxenlle que non foran formas e pedínlle que reconsiderase a súa decisión», sinala Abalo, que queda «en espera de acontecementos».