Perú prepara os xogadores do Arousa para visitar o Polvorín «coas cabezas máis limpas posibles»

FUTBOL GALLEGO

O técnico interino centrouse en recuperar a enerxía do primeiro equipo. O conxunto xuvenil mídese hoxe o Covadonga sen o seu pichichi, Seijo, baixa para mes e medio
15 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.David López, Perú, comparecía este venres ante a prensa a menos de 48 horas da súa estrea coma adestrador interino do Arousa na Tercera RFEF no campo do Polvorín, e na véspera do primeiro dos seus dous partidos desta fin de semana, dirixindo hoxe o cadro de División Honor Juvenil no Manuel Jiménez fronte ao Covadonga. Unha solución dous por un xurdida tras a saída, o pasado luns, de Míchel Alonso do banco da Lomba e á espera de que o director deportivo do club vilagarcián, Dani Abalo, lle atope un substituto ao técnico ferrolán.
Perú salientou o excelente ambiente que atopou e co que traballa desde que o mércores dirixise a súa primeira sesión de adestramento co primeiro equipo: «Atopeime un equipo con moi boa actitude e predisposición, cos xogadores colaboradores, en liña a como o estaban facendo antes» da saída de Míchel Alonso. «Estou contento co seu traballo, e co recibimento».
Fronte a un filial do CD Lugo de «futbolistas novos, un conxunto dinámico e valente que quererá ser vertical», o adestrador do Arousa prepara cos seus homes un plan de partido orientado a non pasar moito tempo sen o balón e a que o rival non poida correr. Unha estratexia para a que o Arousa non poderá contar cos mancados Pacheco, Concheiro e Álex Compa.
Máis aló do deseño da estratexia fronte o Polvorín, marcado polas limitacións que, recoñece, ten neste momento en materia de coñecemento da Liga de Terceira, Perú di que o seu labor nestes primeiros días focalizouse principalmente en: «Acercar os uns aos outros, facer máis forte se cabe o grupo. Sumar. Que as cabezas vaian o máis limpas posibles, de maneira que a situación —seis partidos sen gañar e marcha de Alonso— lles afecte o menos posible. E recuperar esa enerxía que tiña o equipo» antes da súa crise, conclúe.
Sobre a posibilidade de que as circunstancias obriguen ou animen a que Perú sexa a solución definitiva para o resto da temporada, o técnico arousán reitera que lle sería complicado compaxinar a súa ocupación laboral coa dirección do primeiro equipo vilagarcián máis aló do esforzo que fixo esta semana. Con todo, di «esperar acontecementos e despois ver o que se pode. Todo adestrador ten o soño de chegar aí. Xa o feito de que conten contigo para unha situación así sendo integrante da base é moi de agradecerlles á dirección deportiva e á directiva do club», comenta un Perú que se confesa «ilusionado».
O xuvenil perde mes e medio a Seijo
Cinco goles, os cinco cos que o Arousa goleaba o Pontevedra (3-0) e empataba a 2 co Choco nos seus últimos dous partidos. Seijo, o dianteiro centro do Arousa na División de Honor Juvenil, estaba de doce, ata que o pasado mércores, durante un adestramento, partiu un dedo dun pé. Unha lesión que o manterá afastado dos terreos de xogo arredor de seis semanas. Hoxe, debendo seguir desde a grada do Manuel Jiménez o transcendental duelo dos seus compañeiros co CD Covadonga (16 horas), no que o Arousa ten da súa man dar un paso de xigante cara a permanencia. Oitavo con 26 puntos, o Arousa sacáballe antes do encontro 7 puntos ao Covadonga, duodécimo un posto por riba da zona de descenso que abre a Gimnástica de Torrelavega con 17 puntos.