Perú, novo adestrador do Arousa: «Son o afortunado de dar o salto, pero o premio é a todo o colectivo da base»

FUTBOL GALLEGO

Con relevo xa no equipo de División Honor Juvenil, David López confía en mellorar o rendemento do conxunto vilagarcián na Tercera RFEF partindo do feito por Míchel Alonso
19 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.David López Carballo, Perú (Portas, 23 de decembro de 1978), dirixe hoxe o seu primeiro adestramento co equipo de Tercera RFEF do Arousa non xa como técnico interino, senón como o seu novo titular ata final da temporada. Faino entendendo o seu ascenso coma un premio do club ao gran labor realizado por todos os técnicos e xogadores da canteira arlequinada nos últimos anos, e confiando en mellorar o equipo cos cambios xustos e o seu toque persoal.
—Quen e cando lle comunica que o club quere que sexa vostede o relevo definitivo a Míchel Alonso?
—O luns pola tarde, despois da reunión da comisión deportiva e a directiva. Achegáronse ao Manuel Jiménez Dani —Abalo, director deportivo do club— e Pedro —Carregal, responsable da base xunto co propio Perú— e informáronme da decisión da comisión deportiva.
—Pero imaxino que lle preguntarían pola súa dispoñibilidade antes da reunión...
—A semana anterior preguntáranme que posibilidades tiña de cadrar a miña situación laboral co primeiro equipo, e ata onde poderiamos chegar para que fose factible para ambas partes que continuase con el.
—Había décadas que o Arousa non apostaba por un técnico da canteira como solución de emerxencia. Sorprendido pola confianza do club en vostede?
—Home! Ao mellor non sorprendido, pero si agradecido, evidentemente. Ao final é un gran premio ao valor do traballo que levas feito. Eu sería a cabeza visible, pero sempre estás rodeado de xente moi capacitada que axuda a que o traballo sexa bo. Ao igual que todos os xogadores cos que puiden contar na canteira, teñen moito peso e moito valor na traxectoria do xuvenil e seguramente en que agora conten comigo para levar o primeiro equipo. Este é un premio ao labor de toda a base.
—En dous anos levou o equipo xuvenil á División de Honor, na que o mantén desde hai tres temporadas. Experiencia e méritos en categoría nacional ten para avalar a súa fichaxe na Tercera RFEF…
—Ja, ja… Non sei se son méritos para avalar ou non. Eu estaba no xuvenil A, e ao mellor aí repercuten máis as cousas que as que se fan noutros equipos, pero na base hai moito talento de adestradores a parte do dos xogadores. O afortunado neste caso fun eu, pero hai moito talento que estivo e pasou pola base do Arousa, que non tivo a sorte que tiven eu de chegar ao primeiro equipo. Este premio é a todo o colectivo da base.
—Que cre que foi o que máis pesou na súa elección no club, o mercado dispoñible ou o cambio amosado polo equipo baixo a súa batuta este domingo, levantando un 2-0 para gañar 2-3 en Lugo?
—Pois aí, non sei. O que eu lle expuxen ao club é que non estaba esperando ese ascenso, nin moito menos, e que estaba á súa disposición. Para un adestrador da base é ilusionante sempre que conten contigo para unha situación coma esta, sabendo que a responsabilidade é moita. Sempre hai esa ilusión. Imaxínate que temos a sorte e acabas ascendendo este ano o club co que levas traballando tanto tempo; a recompensa sería inmensa, ser capaz de darlle esa alegría a todo o arousismo. Pero quería que o club estivese seguro de que eu o que quería era sumar e mellorar o máximo o equipo. E que o que escolleran íao dar por boa opción, e apoialo a morte.
—Os colíderes, UD Ourense e Racing Vilalbés, están a 8 puntos. Con 13 xornadas por diante, e coa Sarriana e o Estradense entre medias con 5 puntos de vantaxe sobre o Arousa, cre inda factible o título e o ascenso directo que o club se marcou coma obxectivo esta temporada?
—Creo que estamos nunha situación na que non deberiamos ir tan lonxe. Temos que mellorar todo en conxunto, no día a día, temos que mellorar en cada partido, en cada resultado, en cada adestramento, en cada acción; non írmonos tan a longo prazo. Non sei se isto agora igual pode ser ventaxista, pero iso ao final é unha lousa, unha presión para os xogadores. Cando miras a clasificación sempre miras esa situación, pero no que temos que pensar agora é no Betanzos, en ver como afrontamos ese partido; á semana seguinte imos a Ourense. Agora mesmo o obxectivo principal é asegurar a quinta praza, e sendo fiables, poderiamos ir progresando cara arriba.
—Que pensa cambiar no equipo para que o Arousa se converta nese colectivo sólido e fiable que precisa para darlle a volta á tortilla na clasificación?
—Temos un bo cadro de xogadores, como todos sabemos. Estaba ben traballado, porque o corpo técnico era espectacular, cunha profesionalidade dun nivel superior. Non vou entrar a facer borrón e conta nova, senón aproveitar todo ese traballo que hai detrás e meter os meus matices; que os xogadores se sintan máis cómodos no campo, con máis confianza, como os futbolistas que son, porque son grandes xogadores, e penso que as cousas sairán mellor.
Co cadro xuvenil no seu caderno, por convicción e pola lista crecente de baixas no Tercera
«Deixar o equipo xuvenil é unha situación que me dá mágoa. Gustaríame que os xogadores leven un grato recordo de min. Para calquera cousa que precisen, vanme ter aí». Así se refería onte David López, Perú, ao seu adeus obrigado ao conxunto de División Honor Juvenil. Un equipo que deixa tras cinco anos sétimo con 29 puntos, cun colchón de 10 máis o golaveraxe respecto ao descenso e en disposición de optar ao asalto do sexto posto nas nove xornadas de Liga que restan.
Adrián Tobío é o relevo de Perú
«Todo o que poida tirar deles é un premio que me gustaría darlles», declara Perú, ao que onte sucedeu no banco do xuvenil A Adrián Tobío, o ata agora adestrador do Arousa na División Honor Cadete.
Nado do corazón, pero tamén da convicción, o desexo do novo técnico do primeiro equipo arlequinado pasa a ser necesidade neste treito delicado da temporada que atravesa o Arousa na Liga de Tercera RFEF. A convocatoria de Pedro Bouzada, clave o domingo pasado na culminación con vitoria da remontada ante o Polvorín, forzando un penalti, apunta a quedarse curta esta semana ante o Betanzos visto o estado da enfermaría do primeiro conxunto vilagarcián.
Perú quere ser optimista á hora de confiar na recuperación de tres das catro baixas fronte ao Polvorín, as de Concheiro, de Iñaki Martínez e de Álex Compa, o pichichi do equipo. Sendo segura a continuidade no dique seco de Pacheco, cunha forte escordadura nun nocello, tamén o son as ausencias de Luis Castro e de José Rivera, por acumulación de amonestacións. Pero é que no corpo técnico arlequinado dan por descontadas tamén as ausencias de Tafa e de Duque, mancados en Lugo. O primeiro, cunha posible lesión ósea, e o segundo, cun problema muscular.