O Arousa volverá este domingo a xogar na Lomba tras recuperar o Concello o céspede

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

MONICA IRAGO

Ravella confía en que o campo aguante o resto do curso e en ter o proxecto para a súa rexeneración a fondo en tres semanas

11 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa volverá xogar coma local este vindeiro domingo por segunda semana consecutiva, mais faráo nun campo diferente. Logo de competir desprazado ao sintético do Manuel Jiménez nas súas dúas últimas comparecencias coma anfitrión, o 23 de febreiro con vitoria sobre o pechacancelas, Betanzos (2-1), e hai dous días con agónico empate ante o penúltimo clasificado, o Atlético Arteixo (3-3), o conxunto que dirixe David López, Perú, recibirá este domingo ás 17 horas no campo da Lomba o outro equipo inmerso neste momento na zona de descenso directo, o Barbadás. E iso, porque o Concello de Vilagarcía, titular do estadio, recibiu o visto bo dos técnicos que procederon aos traballos de recuperación urxente dun terreo de xogo que chegou a ser impracticable. 

«Grazas aos traballos feitos e ao descanso o campo está ben, e penso que agora poderá aguantar ata final da temporada», sinalou onte o concelleiro de Deportes, Carlos Coira. Declaracións feitas tras comprobar os efectos do picado, do areado, do sementado e do aboado practicado nun recinto que en varias zonas perdera todo rastro de verde, converténdose nunha perigosa lameira para os futbolistas. Un remendo que o Concello quere completar cunha intervención a fondo. Con tal fin, di Coira, agarda recibir en tres semanas catro presupostos para a redacción dun proxecto de recuperación integral do campo. Un primeiro paso que determinará o grao de intervención e o orzamento precisos para solucionar os problemas crónicos da Lomba.