Deixalo pasar

Antón Lestón
Antón Lestón A REDONDA

FUTBOL GALLEGO

BASILIO BELLO

01 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Minuto 87 dun partido de Terceira Futgal, o menor nivel de todo o fútbol galego. Un dos tantos choques remata cun dos tantos enganchóns que hai en cada encontro entre o porteiro local e un visitante. A nai do primeiro, prótestalle ao segundo e este responde, maleducado, gañándose unha merecida expulsión. A partir de aí, a enésima mostra de que vivimos nunha sociedade decadente e chea de odio, cando dende na grada comezan insultar continuamente á nai do porteiro, que impotente, e moi nervioso, coméntallo ao árbitro. Eu vou con el, e dinos que estamos «esaxerando». Non sei con que ánimo, pois imos perdendo 2-3 contra un equipo que tiña dous menos e era o minuto 87. A pausa só lle viría ben a eles. Repítollo ao colexiado e dime que «iso pasa en tódolos campos». Ao que xa canso de ver como o compañeiro está incluso con bágoas nos ollos, respóndolle claro: «Que pasaría se en vez de chamarlle «puta de mierda» a súa nai, lle chamasen «negro de mierda». E contéstame que iso sería distinto porque estariamos a falar de racismo, que ten o seu protocolo.

Odio e mala educación. Non hai máis. Nun caso e noutro. E négome a pensar que un partido de fútbol sexa tan importante como para non frenalo se vemos a un home chorando por non poder defender á súa nai. Non quero que o noso amado deporte sexa exposición dese buenismo no que nos queren facer crer. Que a rivalidade e a defensa do noso é tan básica como que, para gañar, hai que marcar máis goles. E sempre me gustaron eses feudos hostís, tamén na nosa contorna, onde a afección local apreta ben ao visitante. Pero hai límites que non se deben superar e non o podemos deixar correr porque «iso pase en tódolos campos».

O presidente visitante intentou calar á súa xente e os xogadores estaban de acordo con que aquilo era intolerable. Así que, vendo que entre os actores estamos nas mesmas, fáiseme máis incomprensible que non se deteña o xogo nestas situacións. Miña nai levaba sen pisar un campo dende que eu tiña 16 anos por culpa dun avó que non paraba de dicir burradas dende a varanda. Onte, a unhas semanas de cumprir os 30, quedei sen motivos para que volva. Non hai goles que celebrar cando iso pasa.