«Cabréame que se diga que a Universidade fabrica parados»

Nacho Mirás Fole | nacho.miras@lavoz.es

GALICIA

XOSÉ CASTRO

É un estudoso dos calendarios e dos acrónimos; ten un gran sentido do humor e fai todo o posible para non perder o contacto co alumnado, incluso dar clase

22 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Non é raro atoparse con el no Castromil que vai da Coruña a Santiago. «¿Para que vou molestar ao chofer?», di. José María Barja Pérez (Mondoñedo, 1951) cumpre dous anos como reitor da Universidade da Coruña e a súa cabeza é un ferver constante. -Os reitores, malos ou bos, sempre son magníficos... -Pero o reitor é magnífico porque manda en todos, non porque sexa marabilloso. Iso si, o cargo viste moito. -¿Imaxínase? Un filme de vaqueiros que se chamara «Os sete reitores»... -En Galicia somos tres, e xa algunha vez nos comparaban cos tres Reis Magos. -¿E non dá a impresión de que os tres viven en parroquias illadas? Como Alvedro, Lavacolla e Peinador. -Son institucións separadas, pero si que hai cada vez máis interrelación, é unha cousa buscada polos tres e o sistema vai nesa dirección. -¡A ver se imos chegar á conclusión de que é mellor fusionarse nunha universidade soa! -Non, ese debate rematou, é un tema pechado. -Como bo matemático, póñame nunha columna os «haberes» destes dous anos... -Por exemplo, a transparencia informativa, aprobamos o estatuto, pactouse un plano de financiamento coa Xunta, fixéronse un montón de regulamentos.... -¿E nos «debes»? -Quedan cousas. Por exemplo, o tema das residencias, que vai tardar máis. -Lin os números da súa elección e foi votado polo 77% dos estudantes. ¿Ofreceu barra libre? - [Ri] A participación foi moi importante. -Convén non perder o contacto coa esencia da institución, os alumnos... -Por iso un, de cando en vez, vai dar clase. Ao fin, nós somos mestres que, nunha época, estamos na xestión. -¿E cando escoita que as universidades son fábricas de parados? -Iso cabréame, non é verdade. É un dos tópicos que hai que romper. Está demostrado que canto máis nivel académico temos máis altas son a remuneracións e a seguridade do emprego. Outra cousa é que haxa subemprego. Pero non somos conscientes do que cambiou este país pola difusión do ensino. O que é terrible é que os titulados galegos teñan que estar en Alemania, en Barcelona... Estamos a exportar cerebros. -Dixéronme que é un estudoso dos calendarios. Pensei que iso só se facía para cadrar as vacacións e facer sete días de tres. -Para iso tamén é importante. Viña o outro día en La Voz un chiste de Olafo. El dicíalle á muller: «¡Non chegamos a fin de mes!». E ela contestaba: «Pois temos que mercar un calendario cos meses máis curtos». ¡Pois tamén hai calendarios cos meses máis curtos! Teño un montón de bibliografía sobre o asunto. É un tema cada vez máis actual, estamos a falar de cousas que pasan en Oriente Medio, onde hai tres calendarios en vigor, o noso, o xudeu e o islámico. En Irán teñen un calendario persa... é bo ter en conta que non todo o mundo está no mesmo día. -O noso non é dos peores, polos festivos, digo... -O máis exacto é a última versión do chinés, que foi deseñado polos xesuítas, baseado no coñecemento occidental da astronomía. O máis absurdo é o de Bali, onde hai semanas de dous, tres, catro, cinco, e ata nove días que van rotando. E cando se dan certas combinacións, tócalles día libre. -¿Volverase a presentar a reitor? -Pode ser, o que non teño é vocación eterna. -Sei que vostede ten un gran sentido do humor ¿Sabe aquel? Din que os matemáticos nunca morren, que só perden algunhas funcións... -Tamén está aquela definición que di que o matemático é un señor ao que lle das café e produce teoremas [Rimos os dous].