ESCRITOR Escribe coa mesma paixón que cando tiña trinta anos; e vén de publicar unha parte da extensa memoria dun emigrante retornado
06 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A actualidade de Cuba é a escusa, pero o diálogo vai por outros territorios. Ter que achicar unha conversa con Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928) é unha verdadeira mágoa. -É fermoso que os «vellos» escritores saquen libros novos. -Teño moitos proxectos e oxalá teña folgos para levalos adiante. Escribo coa mesma paixón que cando tiña trinta ou corenta anos. -«Vinte anos retornando» (Xerais, 2006) é unha parte dunha ampla memoria... -Non son unhas memorias sistemáticas. Dixo alguén que pode ser un primeiro libro de memorias, pero non sei se haberá máis. Son doce diarios, doce xornais de cada unha das veces que vin a Galicia mentres era emigrante. -¿Non se idealiza Galicia cando un está fóra? -Idealízase e retense. -¿E non lle defraudou cando volveu para quedar? -Non. Na América de Bos Aires, nos cincuenta, na etapa do contacto cos galeguistas, non había tanta idealización. Galicia nese momento estaba moi por debaixo do labor patriótico que se facía alí, tiña tamén unha maior pobreza artística. Pero de América viñeron moitas iniciativas. Alegreime moito cando, no 76, de xeito case clandestino, cantamos o himno galego en Vigo. Estaban Paz Andrade, os irmáns Blázquez... Aínda se cantaba con certo temor. O curioso é que nós viñamos de cantalo en actos públicos en Bos Aires. Ademais, os emigrantes dos cincuenta tiñamos o privilexio de recibir clases en galego de Lingua, de Historia, de Economía, de Arte... ¡Iso non o tiñan nin os universitarios de Santiago! E os profesores chamábanse Dieste, Baltar, Valenzuela, Blanco Amor... -Cuba sempre está na súa memoria... -Marchei no 61 e fundei no 69 a sección galega do Instituto de Literatura e Lingüística de La Habana. Era a primeira vez que, desde un organismo dun Estado estranxeiro, se estudaba sistematicamente a presenza da emigración galega. En Cuba reunín o fondo bibliográfico galego máis importante de América. ¿Sabes que tamén en Cuba estivo a prensa de máis calidade que houbo no mundo dunha colectividade de emigrantes? -Que cousa, conservar Galicia fóra de Galicia... -En Cuba, o galego está á par do ruso, do árabe, do chinés ou do francés. No teatro García Lorca de La Habana hai unha placa que recorda que alí se interpretou por primeira vez o «himno nacional gallego». Hará cen anos no 2007. -¿Pensou en quedar? -Pensei. Gústanme o clima e a xente, é un pobo marabilloso. Pero Galicia tiraba moito por min. -¿Exiliado ou emigrante? -Non hai fronteira entre as dúas cousas. Aínda que non marchei por razóns políticas como Seoane ou Castelao, os que participabamos na defensa da cultura galega eramos exiliados todos. -Anisia, a súa muller, ¿integrouse á volta como unha galega máis? Ela naceu en Cuba... -É filla de ourensáns e chegou a Bos Aires con vinte anos. Non era fácil subtraerse á presenza da cultura galega. Tivo como mestre a Blanco Amor, integrouse facilmente. O que peor leva aquí e o clima. Cando casamos en Bos Aires, fundamos Follas Novas para reunir todos os libros galegos que se publicaban alí. Memorias dun neno labrego publicouse alí. -«Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre». Xeracións enteiras crecemos con ese comezo... -Despois de 45 anos segue a publicarse, saen edicións de 10.000 exemplares. -¿Como lle iría a Balbino na Galicia de hoxe? -Vestiría mellor; tería xoguetes comprados; comería mellor... Pero aínda hoxe hai Balbinos na Galicia profunda, aínda que haxa tractores, e luz eléctrica. -¿É a obra da que se sente máis orgulloso? -Teño libros máis elaborados, pero quérolle moito porque é un testemuño autobiográfico, non en canto ao que ocorre, pero si ao ambiente social, a testemuña dun rapaz dos anos corenta nunha aldea de Galicia. Pero eu non escapei da casa nin lle rompín a cabeza a ninguén. -¿Parécelle mal que digan de vostede que é unha institución? -Pareceríame mal, non me considero. Son un rapaz de aldea, fillo de labregos, que emigrou e descubriu a Galicia da emigración, que se volveu na defensa do seu país. Podía ter chegado a rico na Arxentina, pero non me interesou.