«Quixera ser un debuxo de Castelao»

Nacho Mirás Fole, nacho.miras@lavoz.es

GALICIA

É xemelgo astral do Lute por nacer os dous no mesmo día do mesmo ano; e porque a el tampouco lle colle o corpo na pel

20 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Non hai cousa peor para un entrevistador que chegar á redacción e comprobar que a gravadora estragou o traballo todo. Sorte que Xosé Luis Bernal López (Santiago, 1942) é un tipo co que se pode contar para tentar de arranxar a desfeita. «¡Anda que como fóra unha primicia ou un carallo...!», di con sorna. -¡Que papelón! Temos que comezar outra vez aquí, no Derby. Eu dicíalle que poñendo «Farruco» en Internet, o primeiro que sae é: «Irmá de Farruquito». -E eu dicíache... a ver..., que a diferenza entre ese señor e máis eu é moi manifesta. Polo meu respecto á humanidade, nunca tería unha actitude como a del. Si que podo ser irmá del en canto ao teatro, á farándula, ao aplauso... -Logo seguiamos con que vostede, salvando as distancias, tamén tivo os seus problemas legais... -Iso empalmábamolo cando che dicía que era xemelgo astral do Lute, que nacemos o mesmo día, do mesmo ano e do mesmo mes, e que lle mandara unha carta dicindo que mentres el saltaba as tapias dos cárceres, eu saltaba as tapias dos colexios «de niños bien», no Peleteiro de Santiago. A ver, que me perdo... E que lle contaba que, tanto a el como a min, non nos collía o noso corpo na nosa pel. -Entón falaba doutro incidente por meterse co caudillo... -Dixera que «su excremencia, el jefe del establo, presidía el consejo de misterios en el palacio del parvo». Tamén cando, presentando no Salón Teatro o concurso de Míster Feo, que finalmente gañou Alejo Pérez Triviño, chameille Cantinflas a Franco. -Tamén falamos do último lío no que se meteu coa Banda Municipal de Santiago... -Foi ao ver que a banda non daba unha actuación, e fun chamarlles a atención, ao primeiro amistosamente. Pero as cousas foron a maiores. Primeiro chameilles palanquíns; de palanquíns pasei a asalariados; e, de alí, a «valientes hijos de puta». Su señoría condenoume a pagar cincuenta euros, xa depositados na conta correspondente. E ti me preguntabas de onde viña o Farruco... -Efectivamente, viña de... -Eu dicíache que grazas a unha tía avoa, que se chamaba Manuela, analfabeta e sabia, que me contaba historias. E do contacto co público na ferretería do meu pai. -Entón é cando eu lle preguntaba que a que anda agora... -Con Julio Lago, nunha historia de memorias do 36, onde fago unhas narracións e falo, por exemplo, das irmás Fandiño Ricart, Coralia e Maruja, inmortalizadas na estatua da Alameda de Compostela, as queridas e recordadas Marías, irmás de dous cenetistas, Manuel e Antón. E que elas foron represaliadas polas Brigadas del Amanecer, comandadas polo brigada Quintela. E acabaron con esa loucura estraña, vestíndose con traxes de antroido amable e soñador e pintando as súas caras con fariña de arroz. Tamén fago unha relación de personaxes sinistros, como o Manivelas, un taxista de Compostela que acompañaba ás brigadas. Aos que quedaban amarrados na barandilla da ponte, no derradeiro estertor da morte, o Manivelas partíalles as mans coa manivela de arrancar o coche. -Puxémonos serios lembrando a historia terrible de Germancito... -Un individuo raquítico con voz de paxariño, enfermizo e fillo único, que formou parte da cuadrilla que paseou ao seu propio pai. Entonces ti preguntábasme por este cambio do cómico ao dramático... -Diga, logo.. -Eu dicíache que foi, e sen facer a pelota, grazas a Vídeo Voz, cando me chamaron para facer o papel do Alfonso de Terras de Miranda. Aí descubrín que Farruco podía ter outro fillo. E digo Farruco, porque xa non sei se son Farruco ou Xosé Luis Bernal. E tamén che dicía que un compañeiro preguntou un día que ía facer de vello. -E era... -Que cando fose moi vello faría o que fixen de neno, que foi o vello. Farruco durará ata que dure Xosé Luis Bernal. O cabo Mosteiro, o pai Conservando, o fotógrafo da minuta, irán quedando polo camiño. -Xa case está todo. Agora viña a parte das súas comuñóns pola rúa do Franco... -¡Gústame comulgar con esas hostias cóncavas que son as cuncas! Aínda que cada vez hai menos Franco, invadido por esa peste de «Todo a cien», onde venden calamina e botafumiches. Igual agora quedou unha entrevista máis deslavazada... -Só falta iso tan bonito que dixo de que se aprendía as viñetas de Castelao... -Si, díxenche: «Quixera ser un debuxo de Castelao». E ti tomaches nota e dixeches: «¡Ese vai ser o titular da entrevista!».