«A prepotencia dificulta a acción de goberno»

La Voz

GALICIA

02 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando se trata de falar de Abel Caballero, Santiago Domínguez manéxase a modo. Detrás da cautela, emerxen dúas formas diferentes de entender a política. -En Vigo temos un alcalde socialista e isto tería que notarse. Aquí sempre tivemos a inercia de mendigar, e iso hai que cambialo. Boto en falla do alcalde que esixa e non pida. Hai que esixir aínda que os gobernantes sexan da túa propia cor política. Eu vou visitar ao vicepresidente da Xunta e non lle pido, dígolle o que quero para esta cidade. -¿O PXOM ven de alterar os equilibrios do bipartito? -Non, porque o PSOE está a defender o que sempre defendeu o BNG: este Plan Xeral. A diferenza está nas formas. Nós temos outra maneira de relacionarnos. Un alcalde nunca debe mirar por encima do ombro a colectivos que representan á cidade. Hai unha diferenza entre gobernar e mandar. Gobernar é coordinar esforzos. Mandar significa dicir: «Quero que se faga isto». Boto en falla que se goberne dende outra perspectiva. -¿O alcalde manda ou goberna? -Nalgunhas ocasións goberna e noutras manda. -¿En qué proporción? -Non levo a conta. -¿Como anda de talante Abel Caballero? -Iso do talante é un tópico que o señor Zapatero puxo en funcionamento. Non se goberna con ou sen talante, gobérnase e punto. Aínda que as relacións con Abel Caballero foran nefastas, aínda que fora unha persoa ca que non me entendera, circunstancias que non se dan nestes momentos, daríame igual se esta cidade avanza. O problema do mal talante, da prepotencia é que dificulta a acción de goberno. Non vou cualificar o talante do señor Caballero; eu non lle pido que me dore máis ou menos a píldora. Eu esíxolle que as súas actitudes non impidan a acción de goberno.