«Debe manterse a prohibición de edificar nos 500 metros do litoral»

GALICIA

A nova presidenta de Adega avoga por políticas que eviten o despoboamento no rural e a ampliación da Rede Natura

25 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois de oito anos na xunta directiva de Adega, Virxinia Rodríguez é dende esta fin de semana a nova presidenta da asociación ecoloxista, en substitución de Adela Figueroa. O colectivo alerta da «crise ambiental, ecolóxica e social» actual e anuncia que seguirá de preto cuestións en Galicia como a Rede Natura, os planos enerxéticos e de acuicultura, e a protección do litoral.

-¿A que se refiren con crise ambiental, ecolóxica e social?

-A crise económica que estamos a sufrir non é máis que o reflexo dunha crise social e ambiental. O modelo capitalista leva a unha depredación dos recursos naturais e entendemos que é necesario mudar o modelo socioeconómico que temos no mundo. Non se soluciona unha crise por vender máis coches: estase focalizando no gran responsable do cambio climático, o transporte de persoas en vehículos que non son os axeitados. As políticas teñen que ir noutro camiño e non recortar nos programas da Consellería de Medio Ambiente ou a diminución de orzamentos para ONG. Debe promoverse o medio ambiente e os empregos asociados a el.

-¿Como se concreta en Galicia esa crise ambiental e social?

-No sector agrícola estase vendo dun xeito moi claro esta problemática. Os problemas do sector lácteo están asociados a unha crise ambiental clara. Necesitamos políticas que eviten o despoboamento. A potencialidade da paisaxe está vinculada cos usos que se deron da terra: había xente que vivía nela e a traballaba, e por desgraza, está despoboándose, e debería evitarse con políticas efectivas que favorezan o asentamento no rural e que a xente que vive en entornos naturais protexidos teña privilexios porque son quen permitiron que esas zonas estean como están. É un sector moi envellecido e habería que traballar para que xente nova poida asentarse no rural. No litoral, esa construción sen control que se deu favoreceu a creación de traballo, pero no momento en que chegou o declive caeron tamén os empregos. En Galicia non debe promoverse ese tipo de construción: non podemos ser un novo Mediterráneo, hai que preservar uns valores naturais e promover un turismo de calidade e a longo prazo.

-¿Cando falan de involución nas políticas ambientais refírense ao cambio na Xunta, ou no bipartito tamén houbo medidas non satisfactorias?

-Os 16 anos de Goberno do PP foron moi negativos para o medio ambiente, sobre todo os últimos da etapa de Fraga, cando se produciron a maioría dos atentados ecolóxicos, e o diálogo era nulo. Co bipartito, á marxe de que puidésemos ter enfrontamentos en cuestións que non apoiabamos, si observamos un diálogo e colaboracións puntuais. Vimos de xeito moi positivo o plano hidroeléctrico, que melloraba o anterior, coa demora na construción de minicentrais, así como a ampliación da Rede Natura, aínda que pensabamos que debía ser máis ambiciosa.

-¿Que cuestións consideran máis urxentes en Galicia?

-A defensa da Rede Natura vai ser clave: queremos unha ampliación inmediata, baseada na ampliación anterior, e así llo imos facer chegar á Xunta. Tamén van estar enriba da mesa o seguimento dos planos eólicos e de acuicultura de López Veiga, así como a protección do litoral. Imos pedir que se manteña a prohibición de edificar nos 500 metros de costa e evitar que se volva a unha construción insustentable, como o caso de Barreiros, por exemplo. A contaminación dos ríos e as construcións das hidroeléctricas van ser liñas de traballo, igual que o fortalecemento da organización.