«Fun eu quen petei á porta do PP porque o proxecto de José Manuel Baltar paréceme ilusionante»

X. M. R.

GALICIA

12 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Eladio Fernández Vázquez situouse onte no ollo do furacán coa súa fichaxe polo PP. Belixerante dende sempre con José Luis Baltar na Deputación e con Elisa Nogueira en San Cibrao das Viñas, con graves acusacións sobre presuntas especulacións urbanísticas e irregularidades no concello onde Eladio Fernández é portavoz do PSOE, foi avalado por Baltar Blanco e Rosendo Luis Fernández, xenro de Elisa Nogueira, para entrar no PP.

-Os seus ex compañeiros aluden a problemas persoais para xustificar o seu pase.

-Non ten sentido ningún e é o máis descerebrado que escoitei na miña vida. Todo o que se fixo foi pola miña vontade e pola miña iniciativa, ninguén me induciu nin me ofreceu nada.

-¿É certo que unha persoa presentou a carta coa súa renuncia dez minutos antes da rolda de prensa?

-Totalmente. Como xa dixen na rolda de prensa, botei moitos anos como militante do PSOE e sempre me impliquei ao máximo, porque me sentía identificado. Foi unha etapa moi boa, na que atopei grandes persoas e amigos, e o lóxico é renunciar á militancia antes de dar a coñecer a miña implicación noutro proxecto político.

-¿Hai, como suxiren os seus ex compañeiros, algún tipo de acordo ou compensación?

-Esa é a típica estratexia para cando queres desprestixiar a alguén, pero neste caso van mal. Ninguén me ofreceu nada nin teño un acordo para nada, fun eu quen petei á porta do PP porque o proxecto de Manuel Baltar paréceme ilusionante e estou convencido de que estamos ante a última oportunidade para sacar a esta provincia de onde está. El ten un proxecto ilusionante e a capacidade de liderazgo para levalo adiante. Daquela, insisto, a iniciativa de entrar no PP foi miña: díxenlle que me parecía un bo proxecto e que, se querían contar coa miña participación, estaría encantado de implicarme.

-No PSOE aluden ao seu fracaso na aspiración de seguir como secretario provincial.

-Nin moito menos. Se tivese aspiracións de seguir como secretario provincial do PSOE presentaría a miña candidatura para optar ao posto, cousa que non fixen. E non é porque sexa moi difícil, porque nunha agrupación como a nosa con 20 avais xa chega, daquela xa me dirá que me custaba presentarme. Se houbese dúas candidaturas non pasaría nada, votaríase e nada máis, pero xa digo que non foi o caso.

-Os seus compañeiros mandáronlle un burofax logo de coñecer a súa fichaxe polo PP para que renuncie ás súas actas ¿Que vai facer?

-Díxeno na rolda de prensa e repítoo agora: as actas de concelleiro en San Cibrao das Viñas e de deputado provincial na Deputación de Ourense son miñas, non do partido, e seguirei a desenvolver o meu traballo como ata o de agora.

-Fálase de transfuguismo e de solicitar a súa declaración como tránsfuga.

-Non é este o caso. Aquí non estamos a falar dunha persoa que deixa unha formación para propiciar un cambio de goberno ou unha moción de censura, non é o caso [o PP ten maioría en San Cibrao das Viñas e na Deputación de Ourense]. Pasarei aos non adscritos, que é o que marca a lei para estes casos.

-Vostede denunciou serias irregularidades en San Cibrao das Viñas ¿Votará agora a favor de Elisa Nogueira?

-Díxeno e repítoo. Entro a militar no PP porque considero que Manuel Baltar conta cun proxecto ilusionante para relanzar esta provincia e como tal militante do PP actuarei apoiando as iniciativas deste grupo tanto no Concello de San Cibrao das Viñas como na corporación provincial da Deputación.