Pide unha caixa solvente e galega, defende a postura dos socialistas no proceso, ao tempo que reclama un novo Estatuto para que Galicia perfeccione o autogoberno
11 abr 2010 . Actualizado a las 03:14 h.Axudou a Touriño a facer a transición no PSdeG, foi deputado no Congreso e dende hai un ano Antón Louro Goyanes (Carnota, 1952) é o delegado do Goberno desde hai un ano e un dos pesos pesados dos socialistas galegos, xunto a José Blanco e Pachi Vázquez.
-¿Como é a relación coa Xunta do PP?
-É cordial. Cando hai un problema hai un teléfono ao que chamar. Os Gobernos están para entenderse, non para confrontar. Lamentablemente, non sempre o diálogo ocupa todo o espazo.
-Nas caixas, por exemplo.
-Pois si. O Goberno de España puxo recursos para reordenar o sistema financeiro. En Galicia, o presidente Feijoo quixo ser o campión, pero hai viaxes que non se poden facer en solitario. Fixo unha lei a toda velocidade para lograr a fusión. ¡Que parvada! O importante era crear as condicións necesarias para manter un poder financeiro propio. E iso pasa, como agora se demostra, por un diálogo intenso entre as caixas, co impulso da sociedade, para construír un proxecto con posibilidades de futuro. O primeiro é a solvencia; segundo, galeguidade; terceiro, profesionalidade, democracia e transparencia. Un cóctel servido nas mellores condicións.
-O PSdeG mantivo unha postura cambiante, dende rexeitar a fusión, defender un SIP e agora querer a integración.
-O PSdeG defendeu sempre a permanencia das caixas en Galicia, que debía ser a cuestión fundamental. Pero ao longo destes meses o debate centrouse en se a lei de caixas era constitucional. Alguén creou confusión.
-¿Quen?
-Pois quen máis responsabilidade ten, o presidente da Xunta. Durante un tempo parecía que o importante era a lei. Agora, sen embargo, están sentadas a falar quen o ten que facer, as caixas. E hai vontade vontade política de quen goberna en Galicia, que se dou conta agora.
-¿Seguirá adiante o Goberno co recurso á lei de caixas?
-Existe toda a vontade por parte do Goberno de falar, corrixir e darlle para adiante. Aínda que eu creo que se pode mellorar a lei, sen présa.
-¿Non é pouco respectuoso que Zapatero non responda á carta que lle enviou Feijoo pedíndolle unha reunión?
-A carta foi un caneo de Feijoo. O Goberno de España ten un secretario de Estado de Relación coas Comunidades Autónomas, o señor Zarrías, que é o interlocutor, e a Xunta non o pode cambiar.
-¿Vai saír adiante a fusión?
-Teño confianza en que Galicia logre un poder maior que o de agora. Pero hai que facelo con moita xenerosidade. Non se poden facer xogadas de tres al cuarto, de se gano tres votos ou perdo seis. É impropio de políticos responsables e patrióticos. De todos modos, o interesante agora é que puxemos o carro nas vías.
-¿En que outras cousas erra Feijoo?
-Non acerta no tema da lingua, nin no financiamento nin no Xacobeo. Pero sobre todo Feijoo non acerta porque abandona o diálogo para buscar permanentemente a confrontación co Goberno de España. Pode reclamar o que queira, pero non pode inventar barricadas. Nunca houbo un Goberno en España tan comprometido con Galicia. Dáme a impresión de que responde máis á estratexia do PP que á estratexia necesaria para gobernar aos galegos. Está infectado polo virus que infecta ao PP dende o 2004 e que non lles deixa dixerir a derrota electoral.