«Coñezo a moitos alcaldes do PP que falan ben do Plan E»

La Voz

GALICIA

O presidente da Xunta afirmou que por mor da débeda a institución non diminuirá os fondos ás Administracións locais. Non obstante, Fernández reivindica un maior apoio económico: «Agora estamos negociando coa Xunta o financiamento local para os próximos catro anos. Non estamos completamente satisfeitos con que se diga que non se van reducir as achegas, porque nós o que pretendemos é que non só se manteña, senón que se incremente. A nosa proposta é un incremento de 15 millóns cada ano durante catro anos, o que suporían 60 millóns adicionais para o Fondo Galego de Cooperación Local. E para que a Xunta non teña que sacar os cartos de non se sabe onde, tamén lle demos unha solución: existe un capítulo nos Orzamentos da Xunta de 430 millóns de euros que se destina a pequenas axudas e subvencións a concellos, do que se pode retirar cada ano 15 millóns, o que aínda lle deixaría moito percorrido».

-Nese contexto, Núñez Feijoo tamén criticou o Plan E.

-A experiencia que eu teño do Plan E é moi positiva e coñezo a moitos alcaldes e alcaldesas do PP que falan moi ben do plan porque consideran que lles salvaron os investimentos do seu concello. Hai que ver cada cousa no seu momento. Cando se deseñou, en decembro do 2008, o que se necesitaba era xerar emprego e mover a economía. Co cal, non se pode xulgar hoxe, no 2010, o do 2008 porque o contexto é diferente. Nese sentido, creo que se cumpriron os obxectivos, porque había empresas que viñan a falar con nós e nos dicían que tiñan aos operarios parados nas naves engraxando a maquinaria.

-Esta semana o ex conselleiro socialista Méndez Romeu avogou por revisar os custes políticos dos pactos PSdeG-BNG. ¿Comparte esa idea?

-Creo que os pactos que permiten gobernos de progreso nos concellos deben ser valorados positivamente, e iso seino ben como alcalde dende o 2003 en virtude dun pacto entre PSdeG e BNG. Outra cousa é que a coalición se mantivera os primeiros catro anos, o que permitiu garantir a alcaldía á lista máis votada de esquerdas, pero despois separouse. Gobernar en solitario é difícil, pero é posible. Outro matiz é como se establece a proporcionalidade da coalición. Non pode ter tanto peso nun goberno a formación que sae con 9 concelleiros que a que ten 2, e nese sentido é como interpreto as palabras de José Luis Méndez Romeu. Se un ten 9 e outro ten 2, non se pode pretender gobernar ao 50%.