«Indemnizaranme cos cartos dos cidadáns, como nas innumerables sentenzas que teñen en contra»

E. G. S. LUGO/LA VOZ.

GALICIA

15 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai 25 anos que é membro da Policía Local de Lugo. Benito Martínez Muinelo está casado e ten dúas fillas universitarias. Sindicalista de CSIF, o seu nome está asociado á dura oposición dun amplo sector do citado corpo a decisións adoptadas polos sucesivos equipos do alcalde, José López Orozco. Acaba de ser suspendido de emprego e soldo (aínda non ten a comunicación oficial) durante tres anos por denunciar a escasa vixilancia existente na sede policial no verán do 2008. Está convencido de que existe unha persecución contra os axentes máis críticos.

-Despois de que nin o xulgado nin a Audiencia viran motivo de delito nas súas declaracións, ¿esperaba unha sanción como esta?

-Se eu crera que non había ningún tipo de persecución en todo isto, esperaría que non houbera nin expediente; pero como si creo, e afirmo como xa fixen máis veces, que hai persecución á Policía Local, e concretamente a calquera, que, como a min, lle toque liderar as protestas como representante sindical, entonces si que esperaba que se atreveran a meterme un ano de suspensión. Agora, aplicarme tres anos, cando saben que non hai nada de nada, como dixo o xulgado, paréceme demasiado grave.

-Supoño que recorrerá...

-Si. Isto ten recurso contencioso, que esperamos gañar, pero, mentres, a xunta de goberno consigue o que se propoñía, que é mediatizar á opinión pública en contra da policía, neste caso poñéndome a min como estandarte. E se lles sae mal, indemnizaranme cos cartos dos cidadáns, como nas innumerables sentenzas que teñen en contra.

-Desde o primeiro mandato de Orozco hai conflitos na Policía Local. ¿Por que foi imposible chegar a acordos?

-Eu xa dixen en máis dunha ocasión que non vexo difícil o acordo. Pero nunca, desde que son representante sindical, se reuniron con nós para arreglar o conflito. Ao concelleiro Rábade [delegado de Protección da Comunidade] pedímoslle tres veces reunións, e o único que fixo sempre foi apuntar e calar. É un home que non ten nin idea de que vai todo isto. As mesas de negociación non son tal, porque traen unha proposta, déixana ver e inmediatamente a aproban. Iso non é negociar.

-¿Por que son tan frecuentes os conflitos nas policías locais de Galicia?

-Cada concello é un caso. Pero moitos teñen que ver coa Lei de Coordinación das Policías Locais, porque pretenderon cambiarnos de grupo [nivel funcionarial] sen remuneración económica. En moitos sitios houbo acordos.