«O PP é tan tolerante coa corrupción como incapaz de resolver os problemas»

GALICIA
Guillerme Vázquez cre que o BNG volveu resintonizar coa sociedade e mantén a incertidume sobre futuros pactos co PSdeG
29 abr 2011 . Actualizado a las 12:56 h.Guillerme Vázquez (Pontevedra, 1952) cumpre dous anos como portavoz nacional do BNG. O 22 de maio afronta a primeira cita electoral dende ese cargo. «Imos a por todas porque no último ano o incremento de simpatía cara ao BNG é notable»·
-¿Cal é o obxectivo?
-Mellorar os resultados das autonómicas e municipais. Dicir un número de alcaldías é difícil.
-Non empezan ben, coa inhabilitación do candidato de Arzúa.
-O PP usou unha lei prevista para impedir a participación da esquerda aberzale para inhabilitar a un alcalde do BNG. O noso alcalde non é culpable, só paga unha decisión dun alcalde do PP, que outorgou unha licenza que agora se revela ilegal. É unha utilización torticeira da lei. Pero tamén que o saiba o PP: a nós iranos moi ben en Arzúa.
-¿Que habería que facer cos concelleiros imputados?
-É necesaria unha modificación para que os comportamentos de corrupción nos concellos teñan o castigo axeitado. E a partir de aí cortar estas prácticas demasiado xeralizadas. Hai demasiados casos que acaban sen ningunha pena. O PP, que pretende dar leccións de ética, é tan tolerante coa corrupción nas súas propias filas, e cos tránsfugas, como incompetente para resolver os problemas dos cidadáns en Galicia, como o paro.
-¿Repetirá o BNG os pactos co PSdeG nos concellos?
-Nós presentámonos coas nosas propostas e os nosos perfís. E despois da campaña hai que ter maiorías para soster gobernos municipais. Cando chegue ese momento, veremos que se fai.
-¿Non teme que as convulsas asembleas para elixir aos candidatos locais lles prexudiquen?
-Eu non comparto que foran convulsas, ou non máis que en outro partido que permita aos afiliados elixir as candidaturas.
-A UPG conseguiu impoñer en moitas desas asembleas candidatos moi pouco coñecidos...
-O mito da UPG é extraordinario. Non o admito. Chegaría á conclusión de que os afiliados do BNG son unha panda de ovellas dirixidas non se sabe por que escuros fíos. A militancia do BNG é madura, con criterio e elixe o que lle convén. Polo tanto, rexeito que a UPG impuxera nada. Incorporamos moita xente nova, o que demostra que o BNG está resintonizando coa sociedade e cada vez máis xente está disposta a sumarse ás listas.
-¿Está o BNG en situación de captar voto desencantado de esquerdas?
-O que temos claro é que calquera elector que se sinta galego e de esquerdas ten o voto útil no BNG. Somos nós os que mantemos en Galiza a posición de esquerda fronte á reforma laboral, á rebaixa das pensións, aos recortes na sanidade, no ensino. Hoxe, un elector de esquerda sabe que o voto útil é o BNG.
-¿Por que son incapaces PSdeG e BNG de poñerse de acordo para facer una oposición forte?
-¿E por que o imos facer?
-Para ter máis forza fronte a un PP con maioría absoluta.
-Somos diferentes. Se alguén lle está plantando cara a Feijoo é o BNG. Podemos falar do financiamento autonómico, de desenvolvemento ferroviario, da caixa... Incluso no decreto eólico, onde se demostrou que o PP mentía para facer un novo concurso e favorecer aos amigos.
-Pero tamén foron capaces de acadar pactos co PP.
-Si, porque o PP foi capaz de chegar a acordos con nós. Cando se separou acabou conseguindo unha situación como na que está agora a caixa, co perigo que ten xa de acabar bancarizada.
-Entendo que no lle satisfai a situación na que queda a caixa.
-Nós fixemos unhas propostas e foron PP e PSOE os que as modificaron para facer unha fusión que non compartimos. En catro meses pasouse dunha fusión viable a un decreto -que apoiaron uns e sobre o que se abstiveron outros- que se fai para vender as caixas a prezo de saldo. Agora hai que ver se se salvan os mobles mentres o presidente da Xunta está de oínte.