Táboas: «O paso do tempo porá todo no seu sitio»

m. b. santiago / la voz< / span>

GALICIA

A exconselleira de Vivenda non aclara se solicitará a súa baixa como militante

10 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Un día despois de anunciar a súa marcha, Teresa Táboas Veleiro tramitaba na Cámara galega a renuncia ao seu escano en representación do BNG. Onte tivo palabras de eloxio para todos os seus excompañeiros de traballo no Parlamento, pero eludiu pronunciarse sobre si se dará de baixa como militante da fronte.

-¿Pesaron máis as razóns persoais ou as políticas?

-As dúas. Por unha banda estar en política é sempre unha situación de estrés, de responsabilidade, sexa no Goberno, ou na oposición, e iso fai que non lle dediquemos o tempo que precisan outras cuestións do ámbito privado. E por outra hai que estar motivado, crer no que defendes, de aí que considerase que unha vez rematada a asemblea e xa aprobada a nova liña política, o máis responsable e coherente era facerse a un lado para que sexan outras persoas máis identificadas co proxecto as que o defendan.

-¿Que non lle gustou da última asemblea?

-O problema non é si me gusta máis ou menos; en todos os proxectos colectivos hai aspectos que valoras máis positivamente e outros que valoras menos e non por iso renuncias. O verdadeiramente importante é si o proxecto, que non é un fin, senón un instrumento ao servizo da sociedade, responde ás necesidades e expectativas das persoas ás que ten que servir. Antes da asemblea tiña dúbidas de que no BNG estiveramos axustando correctamente as nosas propostas ao que a xente prioriza e valora como máis importante. Despois da asemblea esas dúbidas se acentuaron.

-¿Ten pensado darse de baixa da fronte?

-Bastante difícil me foi tomar esta decisión, déame un tempo para analizar todo con perspectiva. Hai un refrán galego que di «auga toldada non reflicte nada». O futuro é o futuro e o paso do tempo porá todo no seu sitio. De momento estou no BNG.

-¿Está a organización abocada a unha ruptura?

-Nada nin ninguén está abocado a nada. As circunstancias externas son as circunstancias externas, pero o que fas depende sobre todo de ti.

-¿Cre que pode ter futuro un proxecto político fóra do BNG?

-Non sei, todo parece apuntar a que non. Pero o que si teño claro é que as medidas que está tomando o Goberno central ou o anterior, e as que nin toma nin deixa de tomar o Goberno galego son fondamente negativas para os intereses da maioría da sociedade galega. Desde logo tería que ser o momento de que o nacionalismo tivese unha oportunidade coa que atopar solucións desde a nosa realidade nun mundo globalizado.

-Jorquera di que non hai sitio para dúas forzas políticas nacionalistas...

-A complexidade social destes tempos nos que nos atopamos fai que sexa difícil prognosticar nada.

-¿Que responsabilidade cre que tería a UPG se houbera unha ruptura no Bloque Nacionalista Galego?

-Cando algo rompe, unha parella, unha organización ou unha empresa, pode haber distintos niveis de responsabilidade, pero a culpa nunca é só dunha parte. É un fracaso de todos.

teresa táboas veleiro exdEputada autonómica do bloque nacionalista galego (bng)

«Cando algo rompe, a culpa nunca é só

dunha parte»