«Ofrecemos á Igrexa un plan de seguridade hai moitos meses»

José Manuel Pan
j. m. pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

O fiscal di que hai que aprender a lección do roubo do Códice

08 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A desaparición do Códice Calixtino, unha peza de gran valor, foi un asunto principal para a Fiscalía Superior de Galicia durante o último ano.

-Apareceu o Códice, e está intacto.

-É unha gran noticia. Pero agora hai que tomar nota e aprender a lección para que non volva suceder algo parecido. Cando desapareceu o Códice, hai un ano, a Fiscalía deseñou o plan Igrexa segura-Cultura protexida, unha folla de ruta, establecida xa en documentos internacionais, co que fan as conferencias episcopais doutros países. Ese plan inclúe a necesidade de facer inventarios on line. Hai conferencias episcopais doutros países que teñen eses inventarios, aos que calquera pode acceder. Tamén propuxemos un manual que foi elaborado pola policía, con recomendacións sobre a seguridade de edificios e a vixilancia de persoas, no que se di que hai que ter coidado cos que teñen algunha relación de confianza coa Igrexa. Non se sospeita deles, pero de repente aproveitan esa confianza para transitar por calquera sitio e teñen a tentación de apoderarse dalgún obxecto. É un protocolo de seguridade que se lle ofreceu á Igrexa hai bastantes meses. Só contestou o Bispado de Astorga, que manifestou a súa disposición para asinar o protocolo. Estamos pendentes de que se pronuncien as dioceses de Galicia.

-Estamos na época de máximo risco de incendios forestais. A Fiscalía de Galicia dispón dun estudo de referencia, pero é do 2006.

-O estudo que se fixo no ano 2006 está plenamente vixente. Non hai novidades nas causas dos incendios forestais seis anos despois. Moitas veces a motivación máis perigosa é a falta de motivación aparente, e a Garda Civil nas súas investigacións ratifícase nesas mesmas conclusións. Non hai tramas organizadas, non hai economía do lume, non hai tramas urbanísticas. Hai o que di o estudo, que é unha referencia para os verdadeiros profesionais. Non hai nada novo, quen queira asumir este diagnóstico o asume, e o que non seguirá co imaxinario popular.

-¿Que pasou no lume das fragas do Eume?

-Aínda non se pechou a investigación xudicial, pero nas fragas do Eume hai un atestado da Garda Civil moi ben elaborado, dos mellores que temos visto, e que chega á conclusión de que a causa do lume foi unha cabicha e que as condicións climáticas e a turba no chan favoreceron a propagación do incendio. Mentres non haxa outros datos hai que asumir esa conclusión.

-¿Que se pode facer para mellorar a loita contra os incendios forestais?

-Nós propuxémoslle á Xunta a posibilidade de crear unha figura coordinadora, como un comisionado, cun perfil determinado e con bo coñecemento das situacións, con empatía con todos os sectores implicados. Pero a Xunta non o considerou necesario neste momento. Non tivo aceptación.