Francisco Jorquera: «Juárez busca amedrentar á sociedade que se atopa na rúa»

GALICIA

Acusa ao delegado do Goberno de criminalizar a contestación social
18 jun 2013 . Actualizado a las 10:55 h.Despois dunha semana moi intensa, Jorquera semella canso. É xa venres pola tarde e está a piques de marchar para a súa casa da Coruña a tomar un respiro.
-¿Xa esqueceu o seu rifirrafe co delegado do Goberno?
-Si, claro. Pero o que ocorreu é moi sinxelo de analizar porque forma parte da estratexia do que é a política do PP en Galicia e a nivel de Estado.
-¿E consiste?
-En criminalizar aos movementos sociais que están contestando na rúa políticas manifestamente inxustas. A arremetida do señor Juárez busca amedrentar á sociedade que se atopa na rúa.
-Pero el falou de que o BNG non condena a Resistencia Galega...
-Claro, porque iso é reeditar unha estratexia moi vella: criminalizar ao nacionalismo. Todo isto feito por un señor que na súa páxina de Facebook está agregado a un grupo que avoga pola supresión da autonomía catalana e que preconiza a supresión de tódalas autonomías. Paréceme gravísimo nun delegado do Goberno. Isto é motivo suficiente para esixir o seu cese inmediato. A resistencia pacífica e a desobediencia civil foron conceptos acuñados por persoas que hoxe gozan de recoñecemento universal, como Ghandi e Luther King. ¿Son eles tamén uns bárbaros como di Juárez?
-¿Non está AGE a radicalizar a estratexia de oposición do resto de forzas?
-O BNG non referencia o seu xeito de facer política noutras organizacións. Ten como espello o sufrimento que está a padecer a meirande parte da sociedade. Temos unha Xunta títere que se inhibe de exercer as súas responsabilidades ante a destrución da base económica de Galicia.
-¿Falou vostede esta semana co concelleiro do BNG de Cambados?
-Non tiven a oportunidade.
-¿E que lle pareceu o que escribiu no seu blog sobre Soraya Sáenz de Santamaría?
-Pois é un caso que demostra que no Estado español hai culturas políticas distintas nas organizacións. Este señor cometeu un erro grave, con cualificativos inadmisibles e intolerables. E dimitiu.
-¿E por que fala dos demais?
-Pois compare vostede este caso coa actuación do señor Feijoo coas fotos de Marcial Dorado, coa actuación do PP con Bárcenas e a trama Gürtel ou, sen ir máis lonxe, co que aconteceu no Parlamento galego o día que transcenderon as declaracións de Castelao Bragaña, que fixo unha apoloxía da agresión sexual.
-¿Apoia vostede á concelleira de Ourense que saíu en defensa de Arnaldo Otegi?
-Ela o que fixo foi criticar unhas manifestacións de Carlos Iturgaiz nas que comparaba á plataforma contra os desafiuzamentos con organizacións do entorno de ETA, nunha estratexia moi similar á de Samuel Juárez.
-¿Pero está vostede a favor da liberdade de Arnaldo Otegi?
-Eu teño lido na prensa española artigos de persoas cunha traxectoria democrática indiscutíbel, algúns profesores de Dereito, que consideran que non hai razóns para que Otegi siga no cárcere e que denuncian que iso obstaculiza algo que desexamos tódolos demócratas: o proceso de paz.
-¿Seguiu o congreso de Anova?
-Si, polos medios.
-¿E que lle pareceu?
-Son moi respectuoso cos procesos congresuais doutras forzas. Polo tanto como portavoz non debo emitir ningún xuízo.
-¿Poderán chegar a algún acordo con eles para os próximos procesos electorais?
-En política é importante ir paso a paso. Pero sería desexable unha unidade de acción do nacionalismo á hora de respostas ao proceso de recentralización tan brutal que se está dando no Estado español. O tempo dirá despois se desa unidade de acción se deriva a posibilidade doutras fórmulas de colaboración máis permanentes.