Supoño que moitos de vostedes estarán máis que estrañados do lema co que encabezo estes parágrafos, pero é que, sen recorrer a un exabrupto, non atopo ningún outro que poida sintetizar tan brevemente o meu ánimo tras a lectura da sentenza xudicial da marea negra do Prestige. Sei que a vergonza virá máis adiante, cando os meus colegas estranxeiros me pregunten se certamente somos así de raros, extravagantes, excéntricos e moito máis.
Eu que desenvolvo a miña actividade no empirismo do mundo científico, aínda que non son xurista nin sei nada de procesos xudiciais, non podo comprender que cando se emite unha sentenza xudicial sexa como enunciar un axioma matemático. Se na sentenza do Prestige, a resolución xudicial avala que a decisión adoptada foi a máis correcta e a única posible, todos temos que acatala cal se foran forcas caudinas, aínda que outro tribunal diferente puidera chegar a conclusións estritamente contrarias.
Por iso, a min paréceme máis que evidente que este tribunal descoñece o principio de causalidade, fundamental na investigación científica, polo que para determinar as causas é preciso coñecer os efectos. Neste caso, os efectos da marea negra do Prestige están suficientemente contrastados polas investigacións da comunidade científica española, en máis de 140 proxectos de investigación desenvolvidos sobre o proceso contaminante do Prestige. Neles demostrouse que o aloxamento do barco desatou o peor dos escenarios posibles. Consecuentemente, a sentenza xudicial non só está fundamentada nunha deficiente interpretación dos feitos, senón que esquece ou invalida os catastróficos efectos, esnaquiza e desprestixia a capacidade do noso Sistema Público de Investigación e os científicos temos que desbotar todo o noso coñecemento e sapiencia, porque así o determina un tribunal.
E se isto fora pouco, a súa sentenza vai máis alá. Primeiro, porque dan carta branca para que se contamine como se queira, cando se queira e onde se queira, porque os xuíces sentenciaron que aquí contaminar é gratis. Segundo, a amplísima lexislación para preservar os recursos naturais e o medio ambiente é unha vez máis de obrigado incumprimento. E terceiro, co a súa decisión destaparon a caixa dos tronos e xa non existen límites para que o extraordinario patrimonio natural de Galicia poida ser impunemente estragado. ¡Logo choraremos! e eu dende logo rectifico: Spain máis que different, is a disaster.