
A importancia da atención psicosocial e da prevención foron as principais leccións
25 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.«No esencial» se volvese haber un accidente das características do da curva da Grandeira, o operativo de emerxencia volvería ser o mesmo. Pero o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Juan José Muñoz, di que da traxedia sacou leccións, no profesional e tamén no persoal. E está orgulloso do traballo de todos naquel día, no que deron «o mellor de si»
-¿Cal é a valoración daquel operativo?
-Foi realmente inusual, porque por fortuna non sempre nos temos que enfrontar a un operativo deste tipo. Para xestionar grandes emerxencias está a planificación. Este foi un operativo que mobilizou un dispositivo como nunca antes se despregara na nosa comunidade. Estou orgulloso do que se fixo e penso que o resultado, dentro da desgraza, foi bo.
-Foi dos primeiros de chegar alí.
-Tanto o naquel momento director xeral de Emerxencias e Interior coma min estabamos preto e chegamos poucos minutos despois do suceso. Eu aínda conservo o SMS do 112 Galicia.
-¿Que dicía?
-Que un particular chamara informando dun descarrilamento dun tren, que estaba a arder e con posibles vítimas en Angrois. Era a primeira información que tiña. Inmediatamente ponse en liza todo o dispositivo e trasladámonos alí. O escenario era bastante impactante.
-¿Por que o garda aínda?
-Pois gardeino... Por unha cuestión sentimental basicamente. Non sei, non me atrevo a borralo, non me atrevo. Téñoo aí gardado, supoño que por respecto... Non sei. É un tema sentimental, non o podo explicar mellor.
-Non esperaba esa magnitude.
-Francamente, non. As informacións eran preliminares e cando cheguei alí eu mesmo reportei ao 112 o que estaba vendo. Cando empezamos a chegar os responsables foi cando nos decatamos da magnitude.
-Fala de que está orgulloso do dispositivo, pero supoño que deste tipo de cousas sempre se aprende.
-Non cabe dúbida. Podo dicir que dende o punto de vista profesional, como leccións aprendidas eu destacaría a prevención de riscos, xa sexan riscos naturais, os causados polo home e os riscos tecnolóxicos. Tamén a importancia do dispositivo de atención psicosocial e a parte de apoio loxístico. Quizais foi en Angrois o máis complexo de xestionar e tamén o que máis durou. É máis impactante a fase de rescate, é moi importante, obviamente, porque tentamos salvar vidas, pero esa pasa relativamente rápido e empeza esa segunda de xestión.
-¿Non está suficientemente dimensionada?
-Os plans de emerxencia quizais fan máis fincapé de coordinación dos servizos e non tanto nesta parte psicosocial. Hai que darlle máis importancia. Finalmente está a importancia das comunicacións móbiles. Ás poucas horas do accidente a telefonía móbil comercial saturouse. Os servizos de emerxencia deben ter sistemas de comunicación seguros e interoperables entre si. Antes de Angrois cada servizo tiña o seu sistema e esa lección levounos a implantar unha rede corporativa de comunicación de emerxencia que vai posibilitar a integración dun mesmo sistema a todos os colectivos que participan nunha emerxencia, incluso en caso de saturación da rede de comunicación comercial.
-Fala de prevención de riscos. ¿O accidente podía terse previsto?
-Penso que non son a persoa máis idónea para responder a iso porque hai técnicos na materia que seguramente poidan achegar máis ca min a ese respecto. Eu referíame á prevención en xeral, que é un paradigma que debe calar na nosa sociedade.
-¿E leccións dende o punto de vista persoal?
-É moi difícil resumir a intensidade das vivencias que compartimos durante aqueles tres ou catro días. Recordo a infinita xenerosidade dos veciños de Angrois, por suposto, que se botaron á vía e deron o mellor de si. Os servizos de emerxencia, os que estaban de garda e os que non, que se ofreceron fóra da súa quenda de traballo. Recordo aquelas colas de persoas que querían doar sangue... Galicia botouse á rúa para axudar e por iso hai que sentirse orgulloso do país. Todos demos o mellor de nós para solucionar e paliar no posible o sufrimento das vítimas e das súas familias.
-Aprenderon leccións. Dous anos despois, ¿farían algo de xeito distinto a como se fixo ese día?
-En grandes liñas non faríamos nada moi distinto. O importante é a planificación. Activouse por primeira vez o noso plan territorial, o noso plan autonómico, o Platerga, en nivel 2, que é o máis alto. Os recursos mobilizáronse inmediatamente. Os recursos que hai actualmente son cuantiosos e moi profesionais e creo que a capacidade de resposta estaría á altura do resto do Estado e do resto de países do noso entorno inmediato. Ese día, que xa había moitos efectivos mobilizados porque era a capital de Galicia e no día que era, os recursos foron suficientes e incluso habíaos en reserva e non houbo que mobilizalos, porque deixariamos descubertas outras zonas e iso tampouco podemos facelo.
-¿Se fose noutro sitio ou noutra data, as cousas poderían ter sido máis complicadas?
-É certo que que fose en Santiago e nesa data favoreceu a resposta. Evidentemente, un accidente, dependendo de onde se produza, pode complicar máis ou menos a resposta. Non é o mesmo un accidente en Santiago ese día que un accidente nunha zona de difícil acceso, que pode complicalo.