Souto Paz, de alcalde a amigo

GALICIA

OSCAR CORRAL

Compostela contou coa persoa adecuada para o nacemento da democracia

11 sep 2017 . Actualizado a las 21:12 h.

A democracia parecía nacer envolta nunha luz dourada, como o desexo de todo un país con fame de liberdade. Palpábase nas rúas e nunha xeración de políticos que nos incorporabamos a aquel banquete de solemnidades. Eramos novos de verdade, enfeitizados polos cidadáns que nos empurraban. Quizais non houbo na historia de España outro momento de simbiose entre representantes e representados.

Non esquecemos o pasado, sinxelamente aparcamos por un tempo o odio que aínda rezumaba nunha sociedade fracturada polo golpe, a guerra civil e a ditadura. Aparcar era priorizar, poñer por diante o pouco ou o moito que nos puidera unir: Constitución, autonomía, municipios, Europa.

Dereita e esquerda centrámonos no obxectivo común de disfrutar dun novo país no que se puidera falar, xuntarse, votar, elixir e ser elixido. Foi unha situación excepcional chea de comprensión e paixón humana. Nin a esquerda era un niño de roxos, nin a UCD unha cacicada de dereitas.

Pero, ademais, era fundamental o factor humano para levar a cabo ese afán. Compostela contou coa persoa apropiada. A candidatura da UCD, encabezada por José Antonio Souto Paz, obtivo un resultado importante, sen maioría absoluta. Non dubidou en facer un goberno de concentración onde, con paciencia e habilidade, foi dando tarefas a toda a oposición; só o BN-PG se mantivo fóra do pacto, pero participaba na permanente. Podo dicilo: Santiago tivo sorte ao ter a Souto Paz como primeiro alcalde democrático.

As ganas de falar, de expresar, de debater levaban ás veces a un parlamentarismo excesivo, cuns plenos e permanentes longos dabondo. O alcalde escoitaba e deixaba falar. A verdade é que tan pronto empezamos todos a desenvolver a xestión foi poñéndose diante do tempo a parlamentar o tempo para gobernar, o tempo dos veciños, o tempo de Compostela.

O 23 de febreiro, a noite do intento de golpe de estado, encerrámonos na casa do Concello a maioría dos concelleiros presididos polo alcalde a risco e ventura, defendendo a Constitución. Os membros daquela corporación non nos agachamos, mantivémonos ergueitos como aqueles dos que fala Cercas en Anatomía de un instante.

Así era o perfil de José Antonio. Combinaba a diplomacia e a corrección exquisita co seu sentido institucional en calquera situación. Era un demócrata de arriba abaixo, antes ca membro dun partido.

O Partido Socialista, cos seus tres modestos concelleiros, non dubidou en subscribir un pacto de estabilidade do goberno que valeu para planificar investimentos urxentes nunha cidade que atoparamos abandonada. Pouco durou, xa que dimitiu, que é o que corresponde cando un non está de acordo ou non lle deixan facer. O Patronato de Santiago, que era un especial empeño, non atopaba apoio nas altas instancias.

O venres 8 de setembro falecía José Antonio Souto Paz. Foi para min un mestre e, sobre todo, un amigo. Cando fun alcalde José Antonio foi, en certo modo, un conselleiro, porque compartía con el o sentido da política que coloca os obxectivos consensuados por diante das persoas e dos partidos coas súas pretensións. Durante todos estes anos, cando viñan á súa casa de Raxó, xuntabámonos con Aurori e María Xosé para falar das familias, de Compostela, de Galicia, e a conversa derivaba sempre cara á necesidade de construír o diálogo ata a extenuación. Algo que hoxe se bota en falta.