Susana López Abella: «O movemento feminista é fundamental»

GALICIA

Daniel Portela

«A maior das preocupacións é que falle o sistema» de apoio ás vítimas

20 nov 2017 . Actualizado a las 10:09 h.

As cifras da violencia contra as mulleres medraron en Galicia no último ano, cun 22 % máis de denuncias. Explícao a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella (Chantada, 1967) que cre que a formación e sensibilización da sociedade é vital.

-Ese aumento terá unha análise positiva e unha negativa.

-É verdade que é unha cifra alarmante, pero dende as institucións levamos anos pedindo que as mulleres denuncien para poder actuar. Hai máis mulleres que usan os nosos recursos e polo tanto máis mulleres protexidas. Intentamos traballar con elas en todos os ámbitos: psicolóxico, por suposto de acollemento e con axudas periódicas. Tamén puxemos en marcha no 2016 o programa de inserción laboral para mulleres vítimas, 500 mulleres participaron neste programa, cunha inserción laboral de 81 mulleres.

-Jessica morreu en Elda tiroteada polo seu marido. Denunciara varias veces. ¿O sistema funciona?

-Estamos traballando en varias liñas para que este tipo de cousas non acontezan. No observatorio autonómico traballamos nun protocolo de coordinación. Houbo un grupo de traballo que era a voz das vítimas e de aí sacamos moitísimas accións, porque moitas mulleres vítimas nos contaban cando e en que momento se sentiron revitimizadas ou vitimizadas tamén polo sistema. Iso é o que queremos pulir e evitar. Tamén no pacto de estado esta é a maior das preocupacións, que falle o sistema. Isto é tremendo, un drama. Pero tamén hai que ver que no 75 % dos casos que as mulleres denuncian, saen da violencia de xénero.

-Ese pacto, ¿é suficiente?

-Creo que foi un paso importantísimo. Hai que dicir tamén, e sen caer na compracencia nin moito menos, que somos o país con diferenza que temos avanzado máis e somos un referente para o resto dos estados membros da UE. Isto para min foi un fito histórico.

-¿Hai que centrarse en facer ver á sociedade que é o seu problema?

-Totalmente. Decidimos poñer en marcha unha campaña para a veciñanza, para as asociacións e as comunidades de veciños. Editamos 35.000 trípticos nos que se dÁ información sobre que é a violencia de xénero, cales son os primeiros sinais e como un veciño pode axudar. Está tendo moi boa acollida. É vital, porque o foco non se pode poñer na muller maltratada, o foco hai que poñelo na sociedade. Isto é un problema que nos racha como sociedade, debemos actuar, non podemos ser cómplices.

-¿Galicia é unha sociedade especialmente machista?

-Non creo que sexa máis machista que o que pode ser Cataluña, Extremadura, Cantabria, Asturias... Creo que temos un problema grave, aínda existen na nosa sociedade moitos estereotipos machistas que temos que seguir desmontando. Estamos mellor que hai anos, pero temos que seguir persistindo.

-¿Axuda que saian á luz casos como os de Hollywood?

-Creo que é moi bo. É bo contalo e isto vai axudar a que as rapazas e os rapaces. É importante darlles instrumentos e empoderar ás nenas.

-¿Todo isto demostra que somos unha sociedade profundamente cínica?

-Creo que nos faltan instrumentos críticos e autocríticos. Temos que ser unha sociedade crítica e autocrítica para que non haxa unha tolerancia ou un mirar cara a outro lado. Para iso temos que falar abertamente e darlle ferramentas ás nosas mozas e mozos para que coñezan estas realidades e non permitan estes casos baixo ningún concepto.

-Pero o movemento feminista está a ser demonizado.

-Grazas ao movemento feminista creo que estamos aquí falando. Grazas ao movemento asociativo de mulleres valentes déronse pasos de xigante nos últimos anos. Foron as primeiras en debater sobre as cuestións que nos afectan e nos preocupan, que están no día a día. Precisamos tamén formación. Que un colla o dicionario e vexa o que significa: igualdade.

-Aí está ese termo: feminazi.

-Iso é tremendo. Prefiro non facerlle caso a eses termos. Paréceme ata doloroso. É fundamental o movemento feminista: foino, éo e serao, porque mentres haxa desigualdade é vital.

-¿O prioritario é centrarse na educación dos máis novos?

-Sen dúbida, e fanlle falta referentes femininos, tanto para os nenos como para as nenas. No currículo educativo ten que haber material didáctico no que apareza no mesmo plano mulleres e homes. Mulleres que foron absolutos referentes: Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Begoña Vila, Tarsy Carballas, Marisol Soengas... E todas elas son feministas. Falan en feminino, plural e falan do que lles custou. Cada ano, cando ten lugar a entrega do premio Josefa Wonenburger, admírome máis das mulleres marabillosas e xigantes que temos. Os referentes son necesarios para que nin nenos nin nenas pensen que o feminismo é algo pexorativo e negativo.