
Un escrito firmado por 3.700 persoas pedía en abril do 68 a introdución do galego no ensino
29 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O 29 de abril de hai 50 anos era luns. Estreábase a semana e desde Galicia saía cara ao Ministerio de Educación en Madrid un escrito con 3.700 firmas ao pé. Un día despois contábao La Voz. Nese documento «se solicita la introducción de la lengua gallega en la enseñanza oficial de Galicia». Os asinantes, contaba a información, eran «hombres y mujeres de todas las condiciones sociales y entre ellos figuran catedráticos de enseñanza media y técnica, un importante núcleo de alumnos de Magisterio, representantes de quince sociedades gallegas de América y escritores tales como Juana de Ibarbourou, Cela, Castroviejo y otros».
Quen recibiu ese escrito nos despachos do ministerio puido ler que os asinantes argumentaban que a maioría da poboación galega tiña por lingua materna o galego, pero recibía educación unicamente en castelán, e que reclamaban, entre outras cousas, que se introducira a materia de galego no ensino primario e medio e que se declarase «bilingüe la Universidad de Santiago». Non hai constancia da resposta a esa petición, pero podemos supoñer que quen a leu en Madrid non estaba afeito a recibir cartas de semellante contido, aínda que, xa o veremos, tampouco era a primeira que chegaba ao ministerio.
Facía referencia o argumentario ás recomendacións da Unesco sobre o emprego de linguas vernáculas no ensino, e seguramente esa posición da Unesco foi decisiva para que, en plena ditadura, agromaran peticións coma a que viu a luz aquel penúltimo día de abril de 1968, peticións coas que o réxime foi en certa medida permisivo.
O papel das asociacións
Esta non era a primeira. Desde os primeiros anos sesenta comezou a prender en Galicia un interese pola lingua da man, sobre todo, de asociacións culturais como O Galo, constituída en Santiago en 1961; O Facho, fundada na Coruña no 63; a Asociación Cultural de Vigo, creada no 65, ou a ourensá Agrupación Cultural Auriense. Cursos de galego, concursos literarios, obras teatrais ou programas radiofónicos en galego foron algunhas das súas propostas. Nese contexto xurdiu unha campaña coa que os colectivos conseguiron «un éxito moi grande», lembra un dos fundadores de O Facho, Manuel Caamaño. Consistiu na impresión de dous mil adhesivos co lema «Falemos galego», a maioría destinados a lucir nos coches que comezaban daquela a multiplicarse e a xerar ruído e fume nas vilas galegas. Tanta divulgación tivo esta iniciativa que unha información de La Voz de Galicia relataba: «Entre los más significativos de los eslóganes destinados a lucirse en la trasera de un automóvil, hemos recogido alguno con verdadero sentido. «Falemos galego», bastante difícil de conseguir, por cierto -en realidad muchos automovilistas están deseando encontrar su proveedor- tiene un verdadero y limpio afán regionalista. Es la enseña más respetable y solemne de cuantas corren por ahí».
Eran difíciles de atopar, dicía o xornal, así que pouco despois tivo que facerse outra tirada, nesta ocasión coa mensaxe «Galego na escola» que ilustra esta reportaxe, unha reprodución dun adhesivo para coche que conserva a asociación O Facho.
O galego ía pedindo paso, pero non foi tan fácil como puidese parecer. Manuel Caamaño recorda que «no 68 aínda os controis eran moi grandes e os permisos para unha conferencia ou para un curso de galego eran moi laboriosos. Nas asembleas había sempre un membro da brigada social tomando nota do que se dicía».
A introdución do galego no ensino que defendían esas pegatinas e que reclamaban esas 3.700 firmas que chegaron ao ministerio foi un proceso lento. No ano 62 creárase na Universidade de Santiago o departamento de Filoloxía Románica, e desde o curso 63-64 xa se podían estudar materias en galego no campus compostelán. Impartíaas Ricardo Carballo Calero, segundo recolle María Dolores Villanueva nun traballo sobre os inicios da galeguización do ensino. Villanueva cualifica ese paso como «un fito histórico», pero o movemento que callou para a defensa do galego axiña quixo máis. A carta enviada ao ministerio en abril do 68 non foi a primeira que saíu de Galicia con ese mesmo cometido. Dous anos antes, un grupo de trinta rapaces, entre eles membros de O Galo e O Facho, remitiron un escrito á Real Academia Galega na que lle pedían unha postura valente con respecto á lingua. Seis meses despois, a RAG inicia as xestións para conseguir que o galego sexa lingua de estudo na escola, e con ese fin unha das medidas que adoptou foi enviarlle un escrito ao ministerio. Foi o primeiro.
Houbo que esperar ata 1975 para que un decreto recoñecese o galego no ensino
Coma case sempre, tamén no 68 a realidade social ía por diante da Administración. Así que houbo que esperar ata os setenta para que todo ese fermento social e cultural que reclamaba unha educación que non excluíse o galego dera froito. Precisamente, en 1970 vía a luz a Lei Xeral de Educación, que prevía a introdución das entón chamadas linguas vernáculas no ensino. Ese mesmo ano Valentín Arias publicaba «A lingua galega na escola», que apostaba pola primeira alfabetización na lingua inicial. En 1971 creábase o Instituto da Lingua Galega. E en 1975 aprobábase o decreto que permitía o ensino, baixo certas condicións, nas «linguas nativas españolas». «Un decreto cativo», opina Caamaño, un dos moitos que pelexaran por el.