Davide Rodríguez: «Hai xente que aínda non rompeu o cordón umbilical con AGE»

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Apostou por ir con Villares porque cre que o seu programa é «a marea das inscritas», á marxe das cúpulas

07 feb 2019 . Actualizado a las 13:24 h.

Deixou a alcaldía de Manzaneda (Ourense), aparcou a guitarra e quitoulle tempo á familia e á cooperativa Amarelante para dedicarse ao traballo parlamentario como deputado de En Marea. Ao principio, a Davide Rodríguez (Manzaneda, 1978) víaselle incómodo na moqueta do Hórreo, pero vaise afacendo. De feito, non descarta presentarse de novo. «Estou aprendendo moito e creo que En Marea está a facer un bo papel. Pero aínda é pronto para decidir, e ademais hai que contar coa familia». Non máis de oito anos, iso si.

-Vostede é de Anova, pero foi na candidatura de Villares. Que pensa das liortas internas?

-Penso que as inscritas xa falaron e é responsabilidade de todos e de todas atender á cidadanía e deixarnos de leas. Hai dous anos eu concorrín ás eleccións internas de En Marea como cabeza de lista de Somos Quen, e perdín, pero ao día seguinte puxémonos a traballar, no consello e na coordinadora, por responsabilidade. Non sei por que non o fan os críticos, pero, se eu os votara, sentiríame ofendido.

-Cre, entón, que a responsabilidade é das cúpulas?

-Penso que os que optamos por ir nesta candidatura do consello con Villares fixémolo porque seguimos as verbas de Beiras na asemblea fundacional de Vigo, onde se deixou claro que a representación de cotas de partidos tiña que acabar. Os partidos teñen que ser motores, pero son os inscritos e as inscritas quen deciden a deriva da organización política, que é En Marea. Pode ser que haxa xente que aínda non rompeu o cordón umbilical con AGE. En Marea é outra cousa.

-Segue a ter unha boa relación con Antón Sánchez, voceiro nacional de Anova?

-Si, é boa. Dentro da discrepancia que temos, a nosa relación segue a ser boa.

-Van dous anos de actividade parlamentaria, vostede en medio rural. Está satisfeito?

-Estase logrando moito. Van nun ano 150 reunións con distintos sectores, tanto no agro como na gandaría, no forestal ou nos bombeiros. No momento no que ti trasladas a voz da xente ao Parlamento e logo esas persoas ven que o Goberno lles contesta, pois iso compensa. Ademais en moitos casos o Goberno está mentindo, como pasa cos datos do sector leiteiro, cos das explotacións, na privatización de servizos forestais..., e iso tes que sacalo á luz. Na comisión de medio rural estou con Antón Sánchez, que tamén sabe do tema, e penso que entre os dous estamos facendo un traballo moi digno, e o mesmo pasa nas outras comisións, en sanidade, educación, cultura, servizos sociais, medio ambiente... Penso que En Marea está deixando o listón moi alto, e non só no traballo do Parlamento, senón tamén na rúa.

-Apenas hai círculos de Podemos en Ourense. É de supoñer que En Marea non terá alí problemas para formar candidaturas.

-No 2015 fomos baixo o paraugas de Son e temos representación en Ourense, Toén ou O Pereiro de Aguiar, alcaldía en Manzaneda, concelleiros na Pobra de Trives... Agora levamos feito un traballo transversal e hai mareas en Verín, Laza, Chandrexa, Manzaneda, Trives... Queremos presentar candidaturas na maioría dos concellos. Pero a guerra tampouco é coa xente de Podemos, eu convivo e traballo con eles. Son as cúpulas, non as bases.

-Como valora o papel de Villares?

-Penso que está a ser un moi bo voceiro, aínda que en dous anos terase que someter, coma todos, ás primarias. Pero a min gustaríame que En Marea siga a ser, como é agora, a marea das inscritas.