«Debería controlarse na retirada de niños de velutina o uso de insecticidas»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O biólogo Rodríguez Lado presentou a súa plataforma nun encontro do Consello da Cultura.
O biólogo Rodríguez Lado presentou a súa plataforma nun encontro do Consello da Cultura. XOAN A. SOLER

Luis Rodríguez Lado é doutor en Bioloxía e creador de Velumap, unha plataforma que analiza a probabilidade de presenza da avespa a través de 50 variables

13 may 2019 . Actualizado a las 19:02 h.

Luis Rodríguez Lado é doutor en Bioloxía e creador de Velumap, unha plataforma de modelización sobre a evolución da presenza da avespa velutina en Galicia que utiliza 50 variables para predicir as posibilidades de que se atopen niños deste insecto nunha zona determinada da comunidade. O investigador presentou esta plataforma pioneira durante unha xornada do Consello da Cultura.

-O futuro do control de pragas é a intelixencia artificial?

-Non. O futuro do control das pragas son as actuacións que se fagan no campo. Isto pode axudar a racionalizalas. Simplemente é un sistema de información para priorizar as zonas onde actuar e decidir con que intensidade. Axuda a entender onde hai que poñer os recursos para ter un control efectivo da praga.

-A erradicación semella imposible. A que podemos aspirar?

-Hai que seguir traballando. Temos que poñer esforzos en coñecer a ecoloxía da avespa, pero tamén en investigar, en imaxinar qué podemos achegar novo.

«Nos primeiros anos, as Administracións non supuñan que ía ter este alcance»

-Comezouse a investigar demasiado tarde?

-A praga chegou no 2011 e estamos no 2019. Nós empezamos a traballar no 2016. Foron cinco anos. Tarde? Nos primeiros anos as Administracións non supuñan que ía ter este alcance. Non penso que se teña comezado a investigar demasiado tarde; agora si, o que hai que intentar é non perder o tren e que non caia todo o que se fixo.

-En que hai que insistir?

-Eu poñería o foco primeiro en medidas de prevención, para mitigar os danos á comunidade. E logo está a investigación en substancias que permitan atraer efectivamente a velutina, para poder dirixila cara a onde nós queremos e erradicala. Eses son os campos de acción máis directos para o control biolóxico da especie.

«Unha vez que chega ao chan pasa á auga e todas as larvas que teñen fase acuática morren: troitas, ras...»

-Cada día aparecen métodos máis rocambolescos para capturala.

-Cada un que faga o que queira, porque non só o científico é o que ten a verdade absoluta. Todos os que poidan contribuír a erradicar a praga benvidos sexan. Aínda así, moitas desas cousas non deixan de ser iso, rocambolescas. O que si se debería revisar é o uso dos insecticidas na extracción dos niños. Estamos falando de que o ano pasado foron localizados 16.000 niños. Non sei a proporción dos que foron retirados, pero, se iso implica a utilización de polo menos un litro de insecticidas para neutralizar todos os insectos, son 16.000 litros que están entrando indiscriminadamente no ambiente. Unha vez que chega ao chan pasa á auga e todas as larvas que teñen fase acuática morren. E se morren as larvas morren as troitas, as ras, todos os anfibios. Debería controlarse máis o uso de insecticidas e, no posible, atopar algún método que evite a súa utilización.