El presidente de la Xunta ha resaltado el ejemplo de Galicia, donde la Xunta va a «aprobar mañá os Orzamentos e destas cousas é das que deben falar as institucións»
16 oct 2019 . Actualizado a las 17:42 h.Pediume o presidente de La Voz de Galicia, fai unhas horas, unhas reflexións dada a ausencia involuntaria do presidente do Goberno neste acto. E como representante ordinario do Estado e como presidente da Xunta vou intentar trasladar algunhas ideas que, penso, proceden neste momento.
Lamento profundamente que este acto festivo estea marcado por acontecementos que se están a producir no noso país e que nos producen un profundo desacougo.
As imaxes que estamos vendo serven lamentablemente para un intencionado recordatorio: que a democracia non está asegurada e ten que ser defendida de forma permanente fronte aos que violentan as regras básicas da convivencia.
Se o pensamos detidamente, no conxunto da historia humana a democracia ocupa aínda moi poucos capítulos.
É certo que agora os disfraces das tentativas antidemocráticas son menos evidentes e non poucas veces seguen utilizando un vocabulario democrático.
Desconfiemos de adxectivos aparentemente atractivos pero que no fondo cuestionan a democracia. Antes houbo democracias «orgánicas», «corporativas» ou «populares», e nos nosos días oímos difundir a idea de democracias «directas» ou «iliberales». Na miña opinión, son eufemismos que intentan agochar a erosión deliberada dos principios democráticos.
Non é casual que todas estas fórmulas coincidan en intentar silenciar aos parlamentos; en establecer unha relación directa do líder carismático co pobo; ou en menosprezar á política; e tamén en deslexitimar á xustiza e á prensa libre.
En consecuencia, a democracia necesita coidados constantes, cautelas e vixilancias para que en cada momento que se sinta ameazada teña a resposta axeitada.
Ningún territorio, ningunha nación está vacinada para sempre contra os virus antidemocráticos. Estámolo vendo nunha comunidade da nosa propia nación que antes foi un berce das liberdades, e agora tense convertido nunha sociedade fracturada con doenzas crónicas na súa convivencia.
¿Que sucedeu alí? Que os demócratas descoidamos os nosos deberes, e os intolerantes aproveitaron o descoido para apoderarse de todos os espazos de encontro.
Ata hai pouco tempo tiñamos a convicción de que as maiorías silenciosas nos precisaban expresarse, para impoñerse ás minorías ruidosas. Criamos que a democracia se defendía por si mesma, pero seguramente nos equivocamos.
Non entendan isto como unha mensaxe pesimista, senón como un modesto aviso contra a autocompracencia ou a resignación. Non comparto a idea de que a democracia prevalecerá porque si, pase o que pase. Si comparto a convicción de que hai que defendela sempre.
A democracia é a fórmula idónea para abordar os problemas máis complexos de calquera sociedade. Require pois dunha disposición constante e, igualmente, dunha valentía para adoptar as decisións sen buscar ningún escapismo.
Estas reflexións son feitas á luz de sucesos que están ensombrecendo unha das democracias do mundo máis consolidadas en menos tempo.
Facelas aquí, no marco do Premio Fernández Latorre, conleva aludir a Galicia como o noso exemplo máis cercano de democracia sólida.
Non vexan en semellante aseveración unha sorte de narcisismo presidencial, senón a visión dun galego que contempla o día a día da nosa comunidade. E que ese compromiso con Galicia forma parte do seu compromiso máis fondo e máis vital. Agora que o adxectivo “sostible” se emprega para tantas cousas, tamén probablemente debera ser utilizado para acompañar á democracia.
Galicia é unha democracia «sostible» debido a que ten un pobo e un tecido social que están impregnados de valores democráticos. E engado que tamén grazas a todos os gobernos que tivo, de distintas cores políticas, que non teimaron por impoñer visións cativas senón un galeguismo aberto e integrador.
Que o noso país non sexa terreo propicio para radicalismos dun e doutro signo, ten unha explicación social que vai moito máis alá dos tópicos sobre o noso carácter ambiguo. Galicia xa era unha democracia «natural» antes de converterse en democracia «legal».
Iso determina que haxa, amén das institucións, unha chea de lugares de encontro, de salas de estar onde os galegos de diferentes opinións fan cousas xuntos
Estamos aquí nunha desas salas de estar. La Voz de Galicia non sería un líder da prensa nacional sen amosar cada día en papel, cada instante na súa versión dixital, a súa capacidade para agrupar á maior parte da poboación dunha nacionalidade histórica de seu. Este periódico é unha das casas comúns dos galegos.
E este galego-español, D. Santiago Rey, é o anfitrión, o propietario desta casa común dos galegos desde que a maioría dos que estamos aquí temos memoria.
Outra casa compartida é a tradición que garda e espalla o Museo do Pobo Galego. Coa escaleira helicoidal de San Domingos de Bonaval o xenial Domingos de Andrade captou o ascenso incesante e Harmónico de Galicia. É unha escaleira chea de dinamismo e movemento, igual que o noso inmenso patrimonio cultural.
O Museo que hoxe tan xustamente se premia ven sendo dende a súa creación en 1976 unha das manifestacións do galeguismo integrador que os devanceiros nos legaron e nós procuramos engrandecer.
Hai unha Galicia compartida e non dividida. Non digo que iso nos faga superiores a ninguén, pero impide que caiamos na tentación de buscar fóra modelos que temos dentro.
É un modelo que Galicia hoxe estea falando dos orzamentos que a Xunta vai aprobar mañá. E máis que nunca neste días creo que debemos de reivindicar.
Por iso esa democracia sempre vulnerable é algo moi noso. Os galegos ofrecen o seu exemplo aos que dubidan da eficacia das ferramentas democráticas. Galicia «érguese e anda» coa democracia e non deixaremos de coidala nunca.
Por iso neste salón de estar de Galicia, nesta casa común que é La Voz de Galicia, falamos das cousas que interesan aos galegos. E, neste momento, como decano de todos os presidentes autonómicos e como representante ordinario do Estado en Galicia, síntome moi orgulloso deste pobo ao que pretendo servir. E podo asegurar que non hai nada que envexar a ningún modelo autonómico en España; e que, mentres os galegos cumpramos coa nosa obriga, seguiremos sendo un pobo eterno, que é o que pretendemos os que servimos a Galicia.
Moitas grazas.